Ferrol recupera a memoria da loita do nacionalismo galego contra o franquismo

Ferrol recupera a memoria da loita do nacionalismo galego contra o franquismo
Concerto de Voces ceibes en Ferrol.
De esquerda a dereita: Benedicito García,(…),Vicente Araguas e Xavier González del Valle.
Caranza, Ferrol, agosto de 1968
Concerto de Voces ceibes en Ferrol. De esquerda a dereita: Benedicito García,(…),Vicente Araguas e Xavier González del Valle. Caranza, Ferrol, agosto de 1968  

A asociación cultural Medulio presenta esta cuarta feira 28N o monográfico Galiza 1968. A consciencia avivada (editado por Sermos Galiza).

 


A Libraría Galiano acolle esta cuarta feira 28 de novembro ás 20:00 a presentación do volume Galiza 1968. A consciencia avivada, editado por Sermos Galiza, nun acto no que participarán Elías Rico Lagarón, presidente da Sociedade Cultural Medulio, Xoán Costa, presidente do consello de administración de Sermos Galiza, e Xesús Sanxuás Formoso, coautor da publicación e destacado dirixente estudantil do 68 galego.

Segundo sinala Xoán Costa, o volume editado por Sermos Galiza “convoca a unha viaxe pola Galiza que espertaba na noite franquista, recuperando a memoria da rebeldía dunha xeración. A reorganización na clandestinidade das correntes políticas antifranquistas, a posta en marcha dun vizoso movemento cultural dedicado á defensa e divulgación da cultura galega, a revolta dos labregos do Val de Castrelo contra a política hidroeléctrica de Fenosa, as protestas dos universitarios composteláns ou a aparición de Voces Ceibes son algúns dos temas dos que se ocupa o volume”

Ao tempo, Costa sinala “ o compromiso da empresa editora de Sermos Galiza coa recuperación da memoria rebelde de Galiza. Neste sentido debemos situar outras publicacións incorporadas a mesma colección “De Nos”, como Rebeldía galega contra a inxustiza, volumes que son distribuídos gratuitamente aos asinantes de Sermos Galiza así como aos preasinantes de O diario galego”. Na mesma liña significou que “darlle continuidade a este eixo de traballo require fortalecer o noso proxecto editorial e moi concretamente conseguir o obxectivo dos tres mil subscritores antes de final de ano para poñer en marcha O diario galego".

A publicación editada por Sermos Galiza recolle unha serie de traballos dalgúns dos protagonistas directos daqueles feitos, entre os que se acha Xesús Sanxuás, na altura responsábel da organización universitaria da UPG en Santiago de Compostela e que xogaría un papel destacado nas mobilizacións dos estudantes galegos contra o franquismo en marzo de 1968. Sanxuás, que será procesado e impedido de matricularse na universidade a raíz deses feitos, sinala no seu traballo as dificultades da alternativa nacionalista naquel contexto político pero tamén a entrega e xenerosidade dunha xeración que o arriscou todo na oposición á ditadura.

A participación de Sanxuás sería importante na conformación da alternativa nacionalista nas terras de Trasancos nos anos finais da década dos sesenta. Coincidindo cos traballos de axitación previos a convocatoria do Dia da Patria Galega de 1968, o primeiro na súa forma e denominación actual, contactaría con Francisco Rodríguez, entón un novo profesor dun centro de ensino de Narón que xogará un activo papel na loita antifranquista dos estudantes da universidade madrileña. Ao fin, a propaganda desa data, agachada un tempo na casa dos pais de Rodríguez, sería repartida por este e un grupo de amigos na comarca de Trasancos, o que significa a primeira actuación do nacionalismo desta zona após o golpe de estado franquista de 1936.



x