O fiscal que acusou Bóveda e o escultor do Santiago mata mouros

O fiscal que acusou Bóveda e o escultor do Santiago mata mouros
Voda de Ramón Rivero de Aguilar e María Díaz de Rábago, fotografía en Vida Gallega 1931
Voda de Ramón Rivero de Aguilar e María Díaz de Rábago, fotografía en Vida Gallega 1931  

Que teñen en común o fiscal que levou Bóveda ao fusilamento e o escultor do emblemático Santiago peregrino da sala capitular da basílica compostelá? A resposta podería ser: o pazo do Faramello e a fábrica de papel máis antiga da Galiza.


En outubro de 1885 E. Nuñez escribe na Gaceta de Galicia un artigo que desenvolve en tres números, titulado A fábrica de papel máis antiga de Galiza. Nel dá conta por extenso de como a fábrica comezou a se levantar en 1710 cando Bartolomé Piombino e Joseph Gambino, xenoveses de nación e residentes en Padrón, asinan cos mestres pedreiros o contrato para levantar o edificio. En 1714 concédeselle licenza para fabricar papel, en exclusiva para todo o reino de Galiza, e por vinte anos.

 

O papel fabricábase con trapos e a man de obra era principalmente feminina (nove mulleres) na limpeza e preparación do trapo, así como no levado das follas ao secadoiro. O persoal masculino, dez en total, dous deles mestres papeleiros, realizaba o resto dos labores, a atención da maquinaria e as oficinas. 

 

Screen Shot 2018-05-11 at 12.19.49

Fabricábanse vinte resmas diarias de primeira, segunda e terceira clase e perto de 5.000 de cuarta, destinado case todo este para envolver tabaco. Tamén se fabricaba papel para escribir, que se vendía a 25 reais a resma (unha resma varía entre 480 e 500 follas. En 1763 a fábrica tiña 6 rodas e 22 pías, e fabricaba papel das catro sortes, a razón de once resmas diarias.

 

Nos comezos do século XX cesou a actividade.

 

Sobre a razón de dous xenoveses se instalaren en Padrón a comezos do século XVIII historia e ficción van da man. Para algúns Piombino sería un peregrino que finalizado o camiño namorou dunha compostelá que o retivo aquí para sempre. A verdade é que nacera en Viana, que casou cunha portuguesa e que, xuntamente con Gambino, pai dun dos máis acreditados escultores do século XVIII galego, levantaron esta fábrica da que saíron non só millares de resmas de papel mais dúas historias familiares ben visíbeis en Compostela, unha, a de Gambino, a través da produción artística; outra, a de Piombino, a través da todo poderosa familia Rivero de Aguilar e da suntuosidade do pazo do Faramello.

 

Dunha parte Xosé Gambino, nado no Pazo do Faramello en 1719 e finado en Santiago de Compostela en 1775 e máximo expoñente da escultura rococó na Galiza.

 

Colaborador de Fernando de Casas Novoa na fachada do Obradoiro, autor da figura de Santo Antón do convento de Herbón, coa que innova a iconografía galega ao mostrar o neno nun só brazo. Máis tarde, neste mesmo convento, talla as imaxes da Virxe, San Xosé, San Francisco, San Miguel, San Rafael. Xa en Compostela é emblemático o Santiago peregrino da sala capitular da basílica que contrasta co Santiago Matamouros da propia catedral, tamén da súa autoría,  e co situado no frontón do Pazo de Raxoi, este da autoría do grande escultor galego do período seguinte Xosé Ferreiro, o seu xenro, e tamén o seu discípulo. 

 

Salienta tamén un San Roque na capela compostelá do mesmo nome. Grandes mosteiros como o de Sobrado dos Monxes, Oseira  e San Martiño Pinario reclamaron tamén os seus servizos. 

 

Da outra parte a descendencia de Piombino, máis ligada á defensa dos privilexios de clase e que tivo nun dos seus representantes, Ramón Rivero de Aguilar, un auténtico especialista en solicitar, como fiscal, penas de morte, entre elas a de Bóveda. 

 

Del di, en Biosbardia, Xosé Enrique Acuña: “Ramón Rivero de Aguilar entrou na historia negra de Galicia por ter sido o fiscal que procurou a morte de Alexandre Bóveda. As súas acusacións conduciron a que o líder galeguista fose executado por fusilamento o 17 de agosto de 1936 logo dun consello de guerra sumarísimo. Esta, e tantas outras condenas a morte que solicitou, van convertelo nunha figura tan odiada como agachada. Odiada polos descendentes dos que logrou conducir ao paredón, e á vez escondida pola clase social para a que, no seu favor, realizou un intenso traballo acusatorio. Mais a súa inserción na xustiza militar golpista ten unha particularidade. Rivero de Aguilar chega a ela como un xurista de formación civil e con destino tamén civil. Un fiscal profesional, funcionario da República, que se sumará con galóns de prestado á maquina represiva aberta en xullo do 36”.

 



x