ESTE 14D FAISE O 40 ANIVERSARIO

A folga do mar de 1978 en Celeiro, o legado de 77 días de mobilización mariñeira

A folga do mar de 1978 en Celeiro, o legado de 77 días de mobilización mariñeira
Imaxe actual do porto de Celeiro
Imaxe actual do porto de Celeiro  

Foron setenta e seis días e setenta e seis noites nos que o mar parou en Celeiro. Arredor de catrocentos mariñeiros, as tripulacións de máis de dezaoito embarcacións e un nacente sindicalismo que se abría paso fronte á hostilidade do poder e doutras organizacións de clase de máis tradición, puxeron en cuestión o modelo de relacións laborais do mar no Cantábrico galego.


O sistema de relación laborais existentes nos portos galegos presentaba as características propias das formacións socias pre capitalistas. Malia a existencia dunha normativa laboral básica procedente de comezos dos anos sesenta, o modelo de retribucións no norte galego era o denominado “sistema a parte”, isto é, unha vez descontado do produto das vendas do peixe os gastos de manutención da tripulación, os seguros sociais, o mantemento do barco e do aparello, e o combustíbel, facíanse dúas partes. A primeira, que se correspondía co 50% ou o 55% do beneficio neto, para o armador e a segunda, que representaba o 50% ou o 45 % restante, a repartir entre a tripulación, fixándose unha compensación, en función do costume de cada porto, para o patrón, que moitas veces coincidía co armador,  o cociñeiro ou os seus familiares, a través da “chona”. 

O malestar dos mariñeiros de Celeiro era evidente. Ao descontento co “sistema a parte”, sumábaselle  a picaresca dos armadores que introducían no reparto canda os mariñeiros determinados aparellos mecánicos, neste caso o “halador”, obrigándolle a partir con eles. A normativa laboral, neste caso a Orde laboral de pesca do cerco de 1962 e o Convenio da pesca de baixura de 1965, era letra morta, negándose os armadores a conceder determinados dereitos recoñecidos no mesmo como a paga extra, o descanso semanal e as vacacións. Na mesma liña as retribucións salariais non se correspondían coas horas traballadas, até o punto de que un mariñeiro de Celeiro nas mellores “mareas” cobraba entre 30.000 e 70.000 pesetas mensuais por xornadas laborais de 120 horas semanais, mentres, por exemplo, un traballador cualificado na central térmica d´As Pontes recibía 100.000 pesetas ao mes por 50 horas de traballo a semana.

O sistema de relación laborais existentes nos portos galegos presentaba as características propias das formacións socias pre capitalistas

A actuación dos cadros do nacente sindicalismo nacionalista será decisiva  a hora converter o descontento existente nos traballadores do mar en conciencia reivindicativa e potencia mobilizadora. A organización operaria na zona recibiría un forte empuxe na comarca co desprazamento á Mariña para traballar nas obras de construción da factoría de aluminio en San Cibrao dun número importante de militantes nacionalistas. A intención destas persoas, a maior parte deles afiliados de ERGA que viñan de abandonar os seus estudos, era sentar as bases da estrutura sindical nacionalista e entregar o seu esforzo a construción das organizacións masas do chamado movemento nacional popular galego. Así atopamos o primeiro núcleo dirixente do sindicalismo nacionalista n´A Mariña formado por estudantes “proletarizados” como Xosé Manuel Díaz, Miguel Campuzano ou Xesús Arrizado e por cadros da UPG da zona como Francisco Luís Guerreiro, César Naval ou Ignacio Hernando

O 14 de decembro de 1978, convocados polo Sindicato Galego de Traballadores do Mar, a federación do mar da Intersindical Nacional Galega, catrocentos mariñeiros de dezaoito embarcacións decláranse en folga. A práctica totalidade da mariñeiría de Celeiro iniciaba as súas mobilizacións demandando o cumprimento do fixano na normativa laboral vixente ao tempo que esixían a posta en marcha dun auténtico convenio colectivo que os homologase ao resto dos traballadores. A negativa da patronal foi de fechamento absoluto desde o primeiro momento. Recusaba calquera tipo de acordo coa parte social, coa conivencia na súa estratexia dos representantes provinciais do Instituto Social da Mariña e do aparato da UCD, que tiña apostado pola carta dos armadores atendendo os seus intereses electorais pero sobre todo ao temor de que as demandas e o exemplo das xentes do mar de Celeiro prendese noutros portos do litoral.

O 14 de decembro de 1978, convocados polo Sindicato Galego de Traballadores do Mar, a federación do mar da Intersindical Nacional Galega, catrocentos mariñeiros de dezaoito embarcacións decláranse en folga

 

A folga prolongaríase durante setenta e seis días, rematando o 28 de febreiro de 1979. Sucedéronse asembleas, celebradas na Confraría de Celeiro, unha das cales remataría coa agresión a mans de varios armadores —diante dunha Guarda Civil que non interveu de Xesús Arrizado— o dirixente máis significado do conflito. As manifestacións dos mariñeiros de Celeiro a Viveiro foron habituais, con especial destaque para o grande despregamento da forza pública. A maior parte dos efectivos da benemérita concentráronse nestas mobilizacións, por orde do gobernador civil. E mentres as protestas continuaban na Mariña, mesmo con algunha acción de boicotaxe como a introdución de azucre nas máquinas das embarcacións, o   Sindicato Galego de Traballadores do Mar presentaba unha demanda na maxistratura de traballo de Lugo a esixir o cumprimento do estabelecido na normativa vixente.

As demandas dos mariñeiros de Celeiro foron desestimadas pola xurisdición laboral. A reclamación formulada pola avogada do SOG Teresa Díaz López será rexeitada coa argucia formal de que o convenio da baixura non era de aplicación,s endo que algunha traballaban noutros caladoiros. O desánimo e as dificultades económicas derivados de practicamente dous meses e medio de folga obrigaron a levantar a folga, o que desactivou tamén de golpe as iniciativas dos mariñeiros doutros portos da d´A Mariña que agardaban a resolución do conflito de Celeiro para iniciar a loita polos seus dereitos.

A protesta rematou cunha derrota para a mariñeiría mariña. A pegada deste revés ficou como unha lousa durante anos na memoria dos traballadores do mar. Porén, a credibilidade do sindicalismo nacionalismo e o crédito dos seus dirixentes, ningún dos cales pasaba na comarca dos vinte e cinco anos, saíron reforzados.



x