Os Franco denuncian por calumnias o autor do libro sobre o espolio de Meirás

Os Franco denuncian por calumnias o autor do libro sobre o espolio de Meirás
Carlos Babío
Carlos Babío  

Carlos Babío, coautor do libro Meirás, Nun pazo, un caudillo, un espolio, está citado a un acto de conciliación en Madrid o vindeiro 25 de marzo ao ser denunciado por seis netos e netas do ditador.


Seis netos e netas de Francisco Franco denuncian por inxurias e calumnias Carlos Babío, coautor do libro Meirás, Nun pazo, un caudillo, un espolio. O Xulgado de Primeira Instancia nº44 de Madrid notificoulle ao ex concelleiro nacionalista en Sada e integrante da candidatura do BNG para as municipais de maio a citación dun acto de conciliación para o 25 de marzo.


Estes netos do ditador español demandan a Carlos Babío e a todas as persoas que participaron no programa En el punto de mira, emitido pola cadea Cuatro en xullo de 2017 e que se dedicou á orixe do patrimonio e herdanza da familia Franco. Entre esas persoas, Jimmy Giménez Arnau, ex marido dunha das netas de Franco, e historiadores, para alén do sadense.

Nunha entrevista publicada por Sermos Galiza a raíz do anuncio da posta en venda do Pazo de Meirás nun portal inmobiliario, Babío aludía á "impunidade franquista" que, apuntaba, "aínda existe". "Após 42 anos da morte do ditador, teñen a capacidade de poder facer anuncios como este e de querer seguir facendo caixa con propiedades adquiridas mediante ameazas, extorsións e procesos corruptos da Administración franquista", sinala o investigador a respeito dos herdeiros de Franco.


O BNG da comarca da Coruña expresa nas redes sociais que "o traballo de Carlos Babío, que empezou hai dúas décadas a seguir o fío da historia da súa avoa, é o máis amplo, documentado e contundente estudo sobre o espolio que as elites coruñesas do franquismo incipiente e os propios Franco foron perpetrando desde o inicio da guerra no Pazo e arredor do Pazo coa finalidade de enriquecer a Franco e gañar o favor do líder golpista".

Babío resulta moi molesto aos herdeiros do ditador, mantén o Bloque, porque a partir das súas investigacións, condensadas no citado libro, tanto a Deputación da Coruña como o Parlamento de Galiza abriron dúas investigacións que remataron en sendos informes solicitando ao Estado español que interveña no espolio pola vía xudicial para recuperar o Pazo de Meirás para o patrimonio público.

"Carlos Babío converteuse no albo dos Franco porque o seu traballo contén as probas de como os Franco obtiveron eses bens de forma ilícita, de como a veciñanza se viu obrigada a pagar ás autoridades xurdidas do golpe do 36 para mercar o Pazo e arranxalo e amplialo e mantelo, e como ese espolio do público foi continuado no tempo a través do constante desvío de diñeiro do Estado cara ao Pazo e para lucro persoal do ditador", engade a organización nacionalista, que no día de onte se dirixía por carta a Pedro Sánchez para que non esquecese o rescate do inmoble para o pobo.



x