ACHEGAMOS A RELACIÓN COMPLETA DAS VÍTIMAS

A fuga do penal de Iruña: unha evasión que rematou co asasinato de 58 antifascistas galegos

A fuga do penal de Iruña: unha evasión que rematou co asasinato de 58 antifascistas galegos
Forte prisión de San Cristóbal
Forte prisión de San Cristóbal  

O 22 de maio de 1938, perto de 1.000 persoas que se atopaban recluídos no forte de San Kristobal en Iruña, dan comezo ao que o xornal estadunidense The New York Times cualificou como a maior fuga carceraria de Europa. O intento de evasión rematou cunha das maiores matanzas do réxime franquista, nun centro de exterminio no que morreron 96 galegos -58 deles na fuga falida- cuxos nomes recuperamos con motivo do oitenta aniversario dos feitos.


Fai oitenta anos, falamos de maio de 1938, 210 persoas, entre elas 58 galegas, eran asasinadas após un intento de fuga sen éxito organizado polos presos antifascistas retidos no Penal de Iruña. O centro de detención estaba situado no forte de San Kristobal, unha antiga edificación militar construída seguindo ordes de Afonso XII para defender a cidade fronte aos carlistas que non chegaría a ter ese uso ao demorarse os prazos das obras até 1919 e que remataría transformándose en 1934 en cárcere militar. Os primeiros presos confinados no centro foron militantes de esquerdas e nacionalistas detidos en relación coa revolución de 1934 que permaneceron no penal até a amnistía decretada en febreiro de 1936 após o triunfo da Fronte Popular, non tardando en encherse o recinto outra vez após golpe de estado fascista. Converteuse, destarte, nun dos cárceres máis duros e con condicións de vida máis penosas de todo o sistema de reclusión do franquismo. 

 

As instalacións do penal de San Kristobal -dotadas dunha extensión de 615.000 m² de terreo dos cales 180.000 m²  estaban destinados a fortaleza, acolleron até o seu fechamento en 1945 4.940 presos políticos, dos cales 654 eran galegos. A grande maioría dos compatriotas recluídos en Iruña eran condenados a cadea perpetua, predominando os orixinarios das comarcas de Pontevedra e A Coruña, que sumaban 269 e 157 persoas respectivamente, ao que debemos sumar 95 ourensáns e 79 lugueses. A comuna conformábana detidos de todo o arco ideolóxico democrático, significándose aqueles de militancia libertaria e comunista, pero tamén un amplo continxente de afiliados nacionalistas. Así, entre estes últimos, pola súa proxección publica destacaban entre outros os alcaldes do Partido Galeguista de Lalín e O Grove, Xesús Golmar e Xacobe Barral Otero -respectivamente- ou membros do consello nacional da organización como Olimpo Xiráldez, máximo dirixente do grupo local de Redondela.

 

210 persoas, entre elas 58 galegas, eran asasinadas após un intento de fuga sen éxito organizado polos presos antifascistas retidos no Penal de Iruña

 

As condicións de vida no penal eran inhumanas. O primeiro problema que deberon enfrontar os presos foi a fame, circunstancia que se agravaba no caso dos reclusos galegos por se atoparen moi lonxe das súas residencias, o que dificultaba a achega da axuda familiar. Despois estaban o frío e das condicións hixiénicas, cuestión que favoreceu a aparición de numerosas enfermidades infecciosas, propagadas tamén pola deficiente atención sanitaria, da que se encargaba un só medico cun grupo de monxas. Non debe estrañarnos, logo, o grande número de persoas que morreron no penal a consecuencia das enfermidades contraídas e da ausencia de control das mesmas, téndolle que sumar aos 58 galegos asasinados despois da fuga, a morte doutros 43 compatriotas, a maioría deles de tuberculose e doenzas derivadas da fame. Outra das causas das perdas de vida foi a represión exercida, con especial destaque para as execucións paralegais realizadas por voluntarios falanxistas e carlistas en novembro de 1936: dese xeito sería asasinado, entre outros, o veciño d´O Grove Ignacio Caneda Deza.

 

A comuna de presos do “Penal de San Cristobal” vai protagonizar o 22 de Maio de 1938 a maior fuga do sistema penitenciario do Estado Español nunha operación planificada fundamentalmente por militantes do PCE, na que tiveron papel destacado os galegos Primitivo Miguel Frechilla e Antonio Valladares, e que tiña como obxectivo conseguir que os encarcerados chegaran a Francia. Após reducir os funcionarios do centro e os 92 militares que os custodiaban, 795 presos, entre eles 183 galegos, dun total de 2.487 encarceradas naquel momento, deciden fuxir monte abaixo en dirección a Franza, o que desencadea unha persecución por parte dos corpos de seguridade e das milicias paramilitares fascistas. É nunha auténtica cazaría do home que remata co asasinato de 210 fuxidos, entre elas 58 galegos. Só tres das persoas que participaron na fuga foron quen de chegar ao refuxio francés. A maioría dos asasinados foron executados no marco da persecución sen mediar ningún procedemento xudicial: 14 deles serán fusilados aós un consello de guerra, atopándose a día de hoxe arredor de 150 dos mortos enterrados en fosas descoñecidas.

 

Só tres dos presos que participaron na fuga foron quen de chegar ao refuxio francés

 

Foi a maior evasión protagonizada por presos antifascistas dos cárceres de Franco e un dos maiores masacres cometidos pola ditadura. Se ben nun primeiro momento, a consecuencia da información fornecida por varios diplomáticos instalados en Iparralde, vinculados a diversos servizos secretos europeos, estendeuse a idea que a fuga fora promovida por militantes falanxistas, publicando esa nova diversos medios estatais da zona republicana e internacionais como The Guardian ou The New York Times, a prensa internacional non tardou en denunciar o alcance da represión e os asasinatos en masa. O propio The New York Times, que a cualificou como a maior fuga  carceraria de Europa, denunciou os asasinatos en masa realizados na persecución dos escapados do cárcere de Iruña, a equiparar o masacre coas matanzas perpetradas por algunhas potencias occidentais cos pobos africanos.

 



x