A Fundación Franco presume de xestionar as visitas a Meirás para mostrar a “grandeza” do ditador

A Fundación Franco presume de xestionar as visitas a Meirás para mostrar a “grandeza” do ditador

A entidade carga contra BNG e En Marea, aos que acusa de “guerracivilistas” por criticar que se encargue das visitas a esta residencia. A Fundación Francisco Franco di que a súa xestión é boa “para potenciar o turismo de Galiza”.


A Fundación Francisco Franco (FFF) está máis que orgullosa de xestionar as visitas ao Pazo de Meirás, un encargo que, recoñecen nun comunicado, “recibimos como unha honra”. As críticas do BNG e En Marea a esta xestión levan á FFF a alcumarlles de “guerracivilistas”  e a afirmar que a esquerda non quer que se cumpra a lei. Aproveita, ademais, esta situación para reiterar máis unha vez a súa mensaxe tradicional: xustificar o golpe fascista de 1936. Así, a FFF di no comunicado que a esquerda ao criticar que xestione as visitas a Meirás pide incumprir a lei, o que, “como se veu na II República co pucherazo do Fronte Popular”, ten “consecuencias”. A teor da frase, esas consecuencias non son outras que o ‘alzamento’ franquista do 18 de xullo, que se traducíu en máis de 5.000 asasinados en Galiza e miles de presos, torturados e represaliados.

Para a Fundación FRancisco Franco, porén, a finalidade dos ataques de BNG e En Marea non é nin esta propia "nin o Pazo de Meirás” senón “desgastar o PP”. Os franquistas botan así un capote aos populares fronte ao que consideran que é unha campaña de ameazas e ataques  da esquerda que queren forzar o PP a tomar cartas e impedir que esta entidade de extrema dereita continúe a xestionar un ben de interese cultural (BIC).

Nese mesmo comunicado, afirman sen pudor que as visitas ao Pazo de Meirás son unha “excelente oportunidade para mostrar ao gran público a grandeza da figura de Francisco Franco”, para alén de “potenciar o  turismo a Galiza”, e, como broche, “gozar do patrimonio galego no mundo”.