Un gafo elefantiásico

Un gafo elefantiásico

A  Estafeta de Santiago do vinte e dous de marzo de 1814 quéixase da presenza na Quintana dun “gafo elefanciaco” que causa horror pola súa deformidade, mete medo e pode infectar a saúde pública, sobre todo despois da destrución dos establecementos “piadosos”

En xeral os dicionarios consideran gafo sinónimo de leproso mais El Compostelano, na súa edición de dous de setembro de 1924, precisa que gafo é un “leproso que en la completa fase de su enfermedad pierde la voz”

Aínda que a lepra pervive en Galiza e segundo a Consellaría de Sanidade houbo un caso en 2017, a situación dos pacientes nada ten a ver co pasado cando estes doentes eran obrigados a viver, sós, en casoupas de madeira posibelmente pintadas de vermello e á beira do camiño, casoupas que eran queimadas ao falecer o doente. Daí que, tal como aparece nun documento de 1184, o que hoxe chamamos San Lázaro, na entrada a Compostela pola rota francíxena, se chamase lugar das Cabanas. Como en toda a parte, en Compostela había, para a correcta separación de homes e mulleres, dúas leproserías, ambas con pequena capela. Unha era esta de San Lázaro, a outra estaba no lugar de Santa Marta, a irmá de Lázaro, na entrada do camiño portugués.

Mais voltemos á Quintana de 1814. A elefantíase é unha síndrome provocada por diversas doenzas que obstrúen o sistema linfático producindo un agrandamento progresivo de extremidades ou xenitais. Foi frecuente e podía atinxir a calquera.

Na carta fundacional do hospital de San Lázaro de Compostela ordénase construír casas para os “elefanciosi canonici” evitando así que moren nas cabanas de madeira como os indixentes. Cuestión de clase mesmo á hora de morrer.


A frecuencia de tal doenza deixou pegada na toponimia. Na cidade de Pontevedra corre o río dos Gafos, nome que tamén leva un afluente do Nalón, en Asturias. En Ferrol atopamos o castelo dos Gafos e en Boqueixón o souto dos Gafos.

Claro que a doenza tivo moitas máis denominacións, tamén con presenza na toponimia. Unha delas, aínda máis habitual do que Gafos, é a Malata, con especial abundancia o sintagma Rego da Malata, Fonte da Malata e Camiño da Malata. Por veces estas denominacións eran desposuídas do dramatismo da doenza a través da atribución a San Lázaro: Rego de San Lázaro, Fonte de San Lázaro ou Camiño de San Lázaro.

Evitábase desta forma facer evidente a marxinalidade a que esta doenza expoñía a quen a padecía.



x