Gago Tarrío, un cura de pistola ao cinto

Gago Tarrío, un cura de pistola ao cinto
José Gago Tarrío
José Gago Tarrío  

Forma na lexión daquelas xentes de sotana que viviron para mallar nos seus. Sometidos a cuestión os seus privilexios non dubidaron en botar man do ferro para escribir a lei que lles conviña. Protexidos pola paz dos homes na terra afirmada na Constitución de 1978 as súas vítimas agardan xustiza.


Foi un cura de pistola ao cinto. Estaba feito da mesma madeira dun Xosé Toubes, párroco de San Pedro de Mezonzo, fundador de El Ideal Gallego e terrorista naquela Coruña de 1936, dun Emilio Álvarez Martínez “O Reisiño”, “dunha crueldade feroz. Home sen ningún escrúpulo moral, entregado a todos os vicios e aberracións”, en palabras dos seus contemporáneos ou dun Ramón Mosteiro Ferro, o arcipreste de Ordes, a chuzar contra os progresistas da localidade para facer efectiva a condena de morte.

Era de igual feitura que un Padre Nieto, aquel frade ruín, a meter terror e a pedir mortos no campo de concentración da illa de San Simón, cun Luciano de Uriarte, daquela caste de misioneiros do Sagrado Corazón que remataron de capeláns castrenses, cun López Galuá en Ribadeo, a sinalar obxectivos ás escuadras fascistas, cun Amador Pacheco en Cangas, a anotar os obreiros das obras da casa do pobo para facer listas negras, e así até non rematar.

Os primeiros meses que seguiron o golpe de estado significouse como propagandista da causa de Franco poñendo a súa voz ao servizo do novo réxime

Sumouse desde o primeiro día á caza dos bos. Afiliado á Falanxe Española desde meses antes do alzamento fascista de xullo de 1936, facía parte da súa xefatura local en Vilagarcía como capelán da organización, onde o seu irmán Ramón exercía como secretario local. Os primeiros meses que seguiron o golpe de estado significouse como propagandista da causa de Franco poñendo a súa voz ao servizo do novo réxime e dispoñendo do púlpito para agredir e insultar a veciñanza democrática e empregando o confesionario para sacar información sobre fuxidos e clandestinos que posteriormente sería empregada polas milicias falanxistas ou pola garda civil para perseguir ou asasinar as xentes de ben.

O seu programa político non deixaba lugar a dúbida e, como manifestaba nunha misa de campaña celebrada pola Falanxe Española en Vilagarcía o 1 de xaneiro de 1937, “hai que acabar con eles, non hai outra solución, vainos niso a salvación de España, da España única e non a dos estatutos”.

Formou nas escuadras das mortes que impuñan a lei franquista. Segundo sinalou Roxelio Díaz Rubiáns, o crego Xosé Gago Tarrio tería participado no brutal asasinato do seu tío, o veciño de Cea Manuel Diz Fuentes, opinión que partillan outros moitos veciños de Vilagarcía coñecedores dos feitos. A Manuel Díaz Fuentes, tal como testemuñou o seu sobriño, seguindo a versión que lle achegou o seu pai e irmán do morto, “cortáronlle os testículos e metéronllos na boca, e para fechar con broche de ouro enterrárono nas lousas que dan á entrada da igrexa para que todo o mundo pisara a súa sepultura”.

A participación de relixiosos en actos de castigo aos demócratas foi máis habitual do que tradicionalmente vimos pensando

A participación de relixiosos en actos de castigo aos demócratas foi máis habitual do que tradicionalmente vimos pensando, sendo abondosos os casos de grupos paramilitares de extrema dereita da que fixeron parte cregos e mesmo estiveron dirixidos por eles como diversas investigacións para o ámbito local teñen documentado.

Significouse como membro da Bandeira Lexionaria Galega en Euskadi. As bandeiras lexionarias foron un corpo de voluntarios falanxistas dirixidos por militares de evidente convivencia e simpatía con esta organización que xogarán un triste papel no operativo represivo en Asturias e Euskadi. Alistado como membro desta unidade na súa condición de capelán castrense, sairá de Redondela con destino a Euskadi o 16 de xaneiro de 1937 en compañía doutros fascistas galegos que escribirían algúns dos capítulos máis terríbeis da represión nesta nación irmá. Gago participará no asalto ao Monte de Santa Bárbara en Donosti polo que foi felicitado polo alto mando, tomará parte en diferentes combates na fronte do Ebro e segundo algunha fontes tería participado no asasinato ao alcalde de Urrieta.

Segundo sinalaba o xornal local Galicia Nueva á súa volta da fronte, “trae o Sr. Gago como trofeo, e do cal di que non se separará xamais, o bastón que levaba o alcalde socialista de Urrieta, primeiro pobo no que entrou a Lexión Galega”.

Chamábase, para que o lembredes, Xosé Gago Tarrío e foi crego en Vilagarcía e alí morreu en paz.