GALIZA NO MAPA

Galiza no grande mapa europeo do século VII

Galiza no grande mapa europeo do século VII
Mapa de Rávena
Mapa de Rávena  

Coñecido como o Anónimo de Rávena ou o Ravennate, foi elaborado por un monxe da cidade italiana de Rávena aproximadamente á volta do 670. Este mapa documenta de xeito claro a realidade política galega do século VII. Eis un extracto da información que publicamos sobre a cartografía no Sermos Galiza número 308.


É a cartografía de referencia para o estudo do século VII. Coñecido como o Anónimo de Rávena ou o Ravennate, foi elaborado por un monxe da cidade italiana de Rávena aproximadamente á volta do 670, empregando para a súa elaboración diversos traballos anteriores, entre eles o Mapamundi de Paulo Orosio, o Itinerario de Antonino ou a Tabula Peutingeriana pero tamén os saberes do autor sobre o mundo coñecido. A obra será dividida séculos máis tarde en cinco volumes, correspondéndose tres deles cos continentes coñecidos, e outros dous cunha descrición da área mediterránea e dos conceptos xeográficos e o plan do traballo. Signifícase pola información que achega da rede de calzadas romanas, as máis de tres mil localidades referenciadas e os perto de 300 ríos citados.

O mapa será reconstruído en 1898 polo grande xeógrafo alemán Konrad Miller, que tomou como base para o seu traballo as copias do traballo do monxe de Rávena conservados no Codex Vaticanus Urbinas do século XIII, no Codex Parisinus do século XIV e no Codex Basiliensis do século XIV ou XV. Miller, un cartógrafo alemán moi admirado entre outros por Manuel Murguía, é a grande figura da xeografía histórica europea de finais do século XIX e comezos do XX, debéndoselle ao seu traballo a recuperación e divulgación de cartografías tan importantes como a de Paulo Osorio, Isidoro de Sevilla, Castoris, Ebsfor ou Hereford. As súas descubertas son unha fonte de primeira orde para o coñecemento do Reino de Galiza na alta Idade Media e tamén para impugnación do relato da historiografía españolista, o que explicaría o silencio sobre a súa obra no ámbito español.