O Goberno español esixe a 15 concellos galegos que retiren vestixios franquistas

O Goberno español esixe a 15 concellos galegos que retiren vestixios franquistas

O Ministerio de Xustiza dirixiuse esta semana a 15 concellos galegos para instalos a que cumpran coa Lei de Memoria Histórica e retiren dos seus rueiros “vestixios do franquismo”. Trátase da Coruña, Lourenzá, Quiroga, Ribadeo, Beariz, Carballiño, Melón, San Cristovo de Cea, Xunqueira de Ambía, Agolada, A Estrada, Tui, Campo Lameiro e O Porriño.
 


Os municipios recibiron unha carta do director xeral para a Memoria Histórica do Goberno español, Fernando Martínez López, en que solicita “a certificación de non existencia de simboloxía de exaltación no seu municipio e, en caso de que a houbese, proceda a dar cumprimento á lei”. Esta inclúe a obriga para cada concello de “elaborar o catálogo de vestixios municipal, coa inmediata retirada dos escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación da sublevación militar e represión da ditadura”.

O ministerio aclara que xuntou os datos municipais a partir do rueiro censal do Instituto Nacional de Estatística (INE), “organismo alleo á detección ou non de vestixios da Guerra Civil ou o franquismo”.

Ademais, a misiva do alto cargo lembra os mecanismos de fiscalización e sanción incluídos na Lei de Memoria Histórica 52/2007. No artigo 15.1 expón que as administracións públicas “tomarán as medidas oportunas para a retirada” destes recordatorios públicos da ditadura fascista, entre as que se atopa “a retirada de subvencións ou axudas públicas”.

Justicia enviou requerimentos a un total de 656 concellos en todo o Estado español. A partir dos datos do INE, cuantificou 1.171 rúas e prazas “con nome de destacadas figuras do franquismo”.



x