ANÁLISE NO CENTENARIO DO REMATE DA CONFLAGRACIÓN

Gran Guerra, reflexión necesaria

Gran Guerra, reflexión necesaria

Hai un século que rematou a Primeira Guerra Mundial, tamén chamada a Gran Guerra, foi concretamente o 11 de novembro de 1918, aínda que os pactos de rendición, asinados polas potencias triunfantes e aquelas que perderon a guerra adiáronse até o ano 1919. 


Estas son datas, estes son feitos dramáticos que non se deberían esquecer, máxime nestes momentos de tanta tensión verbal e militar. Un contexto onde as potencias hexemónicas pretenden resolver a confrontación de intereses impoñendo súas posturas mediante sancións e medidas de forza, malia o perigo nuclear e a destrución de países e o sufrimento dos pobos afectados. Polo tanto, lembrar os motivos e consecuencias das guerras mundiais non está de máis.

A respecto das razóns que deron folgos á Primeira Guerra Mundial o intelectual arxentino Ernesto Laclau (1935-2014) valora que se tratou: “dun conflito inter-imperialista entre dous bloques de potencias rivais, que se xestou ao longo do medio século anterior”. Nese período “as grandes nacións europeas experimentaron unha expansión económica sen precedentes na historia humana, que as levou a se repartiren o mundo en esferas de influencia e consolidar vastos imperios coloniais. No momentos en que esta expansión chegou aos seus límites, cando calquera futuro crecemento capitalista dun país só era posíbel ao prezo de limitar e diminuír o desenvolvemento das potencias rivais, agudizouse o antagonismo, entrando en crise en 1914” (Primera Guerra Mundial, Siglomundo; Centro Editor de América Latina, Arxentina, 1969). 

Tampouco se pode obviar que nesta etapa as potencias europeas tiñan fortes contradicións internas, tanto polas tensións sociais derivadas da reestruturación do mundo rural como das duras condicións laborais nas fábricas, como dos desexos de liberdade das nacionalidades sometidas. Nun contexto de rápida centralización do capital e, polo tanto, de todos os aspectos da vida e das estruturas do poder. Non esquezamos que dende a esquerda Kautsky, Bauer, Pannekoek, Rosa de Luxemburgo e Lenin, adicáronlle tempo a reflexionar sobre a problemática das nacionalidades. E que este foi ademais un dos argumentos utilizados para conseguir apoios sociais por cada un dos bloques confrontados no conflito. 

1917 03 12 ilustracion portuguesa N577 (1)A escusa definitiva para o inicio do conflito armado sería o asasinato, o 28 de xuño de 1914, do arquiduque Francisco Fernando, sobriño do emperador Francisco Xosé e herdeiro do trono de Austria-Hungría. Morreu nun atentado mentres realizaba unha visita de inspección á cidade bosnia de Saraxevo. O executor do asasinato obtivo a arma grazas á axuda dunha organización terrorista serbia, a sociedade “Unión ou Morte”. Como resposta o 28 de xullo Austria-Hungría declarou a guerra a Serbia. Nos meses seguintes Alemaña, Rusia, Francia e Inglaterra entran na contenda; así como Xapón ese ano e Estados Unidos en 1917. O historiador Eric Hobsbawm fai fincapé que, contra o que se esperaba, o número de desertores foi moi baixo, e a oposición socialdemócrata morna, e moitos destes partidos terminaron por se sumar á onda de patriotismo que abranguía Europa: “As masas avanzaron tras as bandeiras dos seus estados respectivos e abandonaron os líderes que se opoñían á guerra, foron moi poucos os que se manifestaron en oposición, polo menos en público. En 1914, os pobos de Europa, aínda que fose só durante un breve período, acudiron alegremente para matar e para morrer. Non volverían facelo despois da Primeira Guerra Mundial.” (La era del imperio 1875-1914;  Planeta; Bos Aires, 2009).ç

A escusa definitiva para o inicio do conflito armado sería o asasinato, o 28 de xuño de 1914, do arquiduque Francisco Fernando


 

Na “Gran Guerra” non participou o Estado español. Reinaba Alfonso XIII, e presidía o Governo o conservador Eduardo Dato cando comezou a confrontación. Os historiadores destacan que causou un retroceso na economía, dando lugar a grandes protestas sociais. Mentres no Rif mantíñase o conflito armado. A nación galega tivo seu protagonismo na guerra, pola súa situación xeográfica e extensa costa, por mor dos sistemáticos ataques que os submarinos xermanos realizaban contra os barcos mercantes do Reino Unido e Francia, para o que contaban con informadores e apoio en terra. 

Neste contexto, a axitación agraria e obreira estivo presente con moita forza no País. Lembremos a terríbel represión contra as veciñas e veciños en Nebra, en Porto do Son, en 1916, cando pretendían evitar un embargo polo non pago dos arbitrios abusivos do concello. Os disparos da Garda Civil causaron cinco mortos. Ou a participación na folga xeral revolucionaria de agosto de 1917 no Estado español, que na Galiza tivo incidencia na Coruña, Monforte, Lugo, e en Ferrol onde se declarou o estado de guerra. E, no ámbito político hai que salientar a fundación en maio de 1916 das Irmandades da Fala na Coruña; unha iniciativa que seguramente alentou o Levantamento de Pascua en Irlanda, acontecido un mes antes. Por certo, o final da Guerra practicamente coincide coa Asemblea Nacionalista de Lugo, que se realiza poucos días despois. 

A nación galega tivo seu protagonismo na guerra, pola súa situación xeográfica e extensa costa

A guerra causou  unha tremenda destrución e unha inxente perda en vidas humanas: uns dez millóns de soldados mortos, vinte e un millóns de feridos, e 13 millóns de civís perderon a vida. “Rematada a guerra, Europa estaba en ruínas. Rusia e Austria-Hungría atopábanse en estado de desintegración. Italia estaba reducida a inutilidade. Alemaña estaba esgotada e a mercede dos conquistadores. Francia e Gran Bretaña estaban intactas, mais case que tan esgotadas como Alemaña. Das grandes potencias, mundiais, só dúas non europeas seguían fortes e esencialmente intactas: Xapón e os Estados Unidos. Das dúas Estados Unidos era evidentemente a máis forte (...) Millóns de persoas de todas partes esperaron de Estados Unidos e de Wilson o establecemento dunha paz xusta e dun mundo sen guerras. Porén Wilson primeiro e Estados Unidos despois (...) permitiron que se crease unha situación que fixo posíbel que estoupase outra guerra, aínda peor, vinte anos despois.” (Isaac Asimov; Estados Unidos de la Guerra Civil a la Primera Guerra Mundial; Alianza Editorial; Madrid, 1986). 

As condicións para a paz impostas a Alemaña, Austria-Hungría, e ao Imperio Otomano, implicaron duras sancións (redución drástica do exército, compensacións económicas e cesións territoriais, e a perda das colonias). Como valora Asimov, eran imposicións que buscaban a vinganza, dar un escarmento. Ocupouse parte de Alemaña e reconfigurouse Europa e o Próximo Oriente. Ernesto Laclau salienta ademais outras consecuencias da guerra, en relación coa ampliación do sector público: “O desenvolvemento do capitalismo europeo foi profundamente modificado. Alterou en primeiro termo a tradicional relación entre Estado e economía. O requirimento de fornecementos regulares, a necesidade de impoñer racionamentos, os problemas xerados pola substitución de man de obra enviada ás trincheiras obrigaron o Estado a intervir na esfera da economía (...) Ademais puxo fin ao capitalismo europeo ascendente (...) fíxolle perder forza fronte ao capitalismo norte-americano e xaponés” (segundo fascículo de Siglomundo sobre o tema).

A guerra causou  unha tremenda destrución e unha inxente perda en vidas humanas

Outro dos cambios importantes que trouxo a Primeira Guerra Mundial sería valorado nun artigo por Xaime Quintanilla, a esa altura membro da Irmandade. Dicíanos: “Desta saíron cousas moi boas e aínda terán que saír mellores. Véxase como triunfou o feminismo na Inglaterra, pola forza que a realidade impuxo. Mr. Asquith, que tanto loitara contra as mulleres, recoñece agora que tiñan razón, foi necesaria a guerra para que vise claramente a necesidade de lles conceder dereitos políticos amplos” (Do meu feixe; A Nosa Terra nº16; 20-04-1917). Cómpre lembrar que a Revolución Rusa significaría un cambio histórico respecto dos dereitos da muller, xa que o Código soviético de 1918 aboliu o status legal inferior das mulleres e creou a igualdade baixo a lei. Ademais permitía o divorcio polo simple pedido de calquera das partes, e varreu con séculos de leis de propiedade e privilexios masculinos ao outorgar iguais dereitos a todos os fillos, nacidos dentro ou fóra dun matrimonio rexistrado. Respecto da loita de clase, non se debería esquecer que a guerra agudizou as contradicións. Do que é exemplo a rebelión espartaquista de xaneiro de 1919 en Alemaña, e a proclamación da República Soviética en Hungría en marzo dese ano. Insurreccións que foron duramente reprimidas, co agravante que en Alemaña governaban os socialdemócratas. En Hungría a República Soviética foi instaurada grazas á unión do Partido Socialdemócrata e o Partido Comunista. 

No escenario posterior á Gran Guerra, os Estados Unidos aparece como a potencia determinante no mundo capitalista, asemade as potencias coloniais aumentan a explotación e opresión fóra das áreas metropolitanas. Mentres que a Revolución Rusa fixo agromar o socialismo como unha alternativa, que se consolidará na Segunda Guerra Mundial, e dará pulo ao movemento obreiro e ás loitas de liberación anticoloniais, até a década dos setenta do século pasado. Mais, as contradicións inter-imperialistas non desapareceron, son consubstanciais coa competencia, coa maximización do lucro; son propias do sistema capitalista. E hoxe estámolas a padecer coa maior intensidade, nun mundo globalizado e neoliberal, onde a desigualdade entre clases e entre nacións é maior que nunca. 



x