EN CUMPRIMENTO DA LEI DE MEMORIA HISTÓRICA

Un grupo de militares demanda a mudanza do rueiro franquista do Arsenal de Ferrol

Un grupo de militares demanda a mudanza do rueiro franquista do Arsenal de Ferrol

Propoñen renomear as rúas dedicadas a “persoal da Armada que tomou parte activa na sublevación e a ditadura” con persoas que loitaron “por valores democráticos”.


Mudar o nome das rúas que no Arsenal de Ferrol enxalzan militares franquistas ou episodios glorificados polo réxime para renomealos con persoas comprometidas coa democracia e “os valores cívicos”.  Esta é a proposta que un grupo de militares e viúvas de militares realiza ao Ministerio de Defensa e que tamén vai trasladar a outras administracións, como a Xunta ou a Deputación da Coruña.

Arturo Maira, capitán de Navío, retirado, remite unha carta ao vicealmirante xefe do Arsenal no que lle demanda esa mudanza en cumprimento da Lei da Memoria Histórica. Faino nun escrito en calidade de portavoz do Manifesto en contra do franquismo nas Forzas Armadas e coa adhesión de militares e viúvas de militares.

“No Arsenal de Ferrol estase a incumprir a Lei de Memoria Histórica”

No artigo 15 desa Lei estabelécese que deberán retirarse aquelas placas, escudos e insignias que exalten a sublevación militar do 18 de xullo e a ditadura. Maira indica que no rueiro do Arsenal ferrolán hai 9 desas exaltacións. Aí están a Rúa Almirante Vierna (“responsábel principal e directo da sublevación”) ou a Rúa Crucero Baleares (“símbolo da Mariña Franquista”).

“No Arsenal de Ferrol estase a incumprir a Lei de Memoria Histórica”, afirman, e consideran que a “Armada debe procurar recuperar a harmonía coa cidadanía”, unha harmonía, sosteñen, “rota brutalmente coa sublevación de 1936”.

Estes militares propoñen renomear esas rúas “con persoas dignas relacionadas coa Armada, o Arsenal e Ferrol” e que “loitaran e sufriran polos valores democráticos”. Neste punto propoñen unha listaxe de 15 candidatos para dar nome a esas rúas, da cal foron elixidos 10 en votación entre as persoas asinantes do Manifesto contra o franquismo nas Forzas Armadas. Unha lista na que figuran nomes como o do condestábel Dionisio Mouriño (falecido en 1936 en combate defendendo a legalidade republicana contra os sublevados) ou Antonio Azarola (xefe do Arsenal, fusilado polos franquistas en agosto de 1936), entre outros.

As persoas impulsoras desta iniciativa agradecen ao doutor en Historia Contemporánea e ferrolán Bernardo Máiz o apoio e documentación que forneceu para a mudanza do rueiro franquista.

Monumento ás vítimas

A carta contén unha demanda máis. A de que se erga un monumento ou se poña unha placa conmemorativa en “Punta do Martelo", unha zona do Arsenal onde os franquistas fusilaron numerosas persoas