MANUEL LUÍS BELLO PARGA

O guerrilleiro dos cinco caraveis vermellos

O guerrilleiro dos cinco caraveis vermellos
Manolito Bello [Imaxe CRMHAC]
Manolito Bello [Imaxe CRMHAC]  

A CRMHAC homenaxea Manolito Bello, integrante da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro da Galiza. 


Manuel Luís Bello Parga, máis coñecido como Manolito, naceu na Coruña, na Rúa Monelos, en 1925 e comezou moi novo a militar nas JSU, as mocidades do PCE, após o golpe de estado de 1936.

Esta segunda feira a Comisión para a recuperación da memoria histórica da Coruña (CRMHAC) organiza unha homenaxe con motivo do seu 70 cabodano no cemiterio de Oza, onde repousan os seus restos. Será ás 17 horas. 

Con apenas 20 anos, Manolito Bello, foi detido por vez primeira acusado dun delito de rebelión pola elaboración de panfletos políticos mais ao pouco de saír en liberdade provisional ingresa guerrilla do alto pasando a facer parte da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galiza

Manolito Bello foi apresado após unha emboscada cando a guerrilla fuxía dun intento de sabotaxe no local da Falanxe

A finais de 1946 a guerrilla acorda levar a cabo un acto de sabotaxe contra a sede de Falanxe na cidade. Con ese obxectivo deciden colocar un artefacto explosivo que nunca chegará a explodir por mor dun conserxe, que se atopaba no interior do edificio, o que imposibilitou a súa colocación. Malia abortarse a operación, na fuxida, a guerrilla sofre unha emboscada na rúa Rubine. 

No fogo cruzado coa Garda Civil morre Arcadio Vilela, integrante do grupo franquista Los Caballeros de La Coruña, unha milicia civil, e colaborador do xornal El Ideal Gallego que se dirixía á redacción. Manolito Bello foi o único prendido naquela xornada e acusado desde o primeiro momento de ter asasinado a Vilela. 

O proceso aberto contra o guerrilleiro foi usado polo réxime fascista como unha campaña de propaganda contra a guerrilla e Bello condenado a morte. O 11 de xullo de 1946, con 26 anos, foi asasinado a garrote vil na na prisión da Coruña após ter sido vítima de maltrato e torturas no penal. 

Emblema da guerrilla, un dos batallóns do exército popular levaría o seu nome. En vida, Manolito Bello deixou encomenda á súa familia e persoas achegadas. Sobre a súa tumba quería que unha estrela de cinco puntas presidise os seus restos. A vontade de Manolito cumpriuse grazas á súa compañeira e a colaboración do responsábel do cemiterio que abriu as portas do campo santo ao remate do día para lles permitir formar a estrela con cinco caraveis vermellos. 

Sorprendidos polo acontecido e crendo que fora a guerrilla quen accedera ao cemiterio, a Garda Civil despregou un operativo de vixianza fronte o campo santo as 24 horas do día. Así as cousas e durante moitos anos, cada semana alguén penduraba dun cravo sobre a tumba do guerrilleiro un ramo con cinco caraveis vermellos.