XERARDO RODRÍGUEZ INVESTIGA A AVIACIÓN EN GALIZA

Sobre a historia da navegación dos ceos

Sobre a historia da navegación dos ceos
Avión que pilotaba Nemesio Álvarez Sánchez na Illa Canosa da Guarda, en 1934. Foto: paxinasdaguarda.blogspot.com.
Avión que pilotaba Nemesio Álvarez Sánchez na Illa Canosa da Guarda, en 1934. Foto: paxinasdaguarda.blogspot.com.  

Hai más dun século que aparellos mecánicos sucan os ceos de Galiza. A reconstruír esa travesía dedica os seus esforzos Xerardo Rodríguez Arias, autor dun volume de referencia centrado en Compostela e a piques de finalizar outro de ámbito nacional. E, como todo esforzo por coñecer a historia, del tamén se extraen leccións para o presente. Non é a menor o que cualifica de “absurdo total”: a ordenación aeroportuaria de Galiza.
 


Mais esta historia comezou cos voos espectáculo dos anos 10 e 20, moitos deles en praias como a de Silgar, en Sanxenxo, ou a de Panxón, en Nigrán. Axiña se habilitaron os primeiros aeródromos estábeis. “O primeiro foi o de Monforte de Lemos”, relata Rodríguez Arias (Castelló, 1948), “despois construíronse o de Sarria, o de Lugo, Guitiriz, a Coruña, ou o de Illa Canosa, na Guarda”.

A aviación primitiva foi impulsada por Ligas de Amigos e outras expresións organizadas da sociedade civil. “Eran persoas interesadas na tecnoloxía da época. Lían revistas e preocupábanse. Pola radio, por exemplo, que ía parella á aviación”, explica. Dun deses grupos naceu, en plena Segunda República, o aeroporto de Lavacolla, pioneiro en Galiza. “Foi obra do Aeroclub de Compostela”, conta Rodríguez Arias, “que era xente sen moita formación técnica pero que tiraron del con moita teimosía”.

Nesa infraestrutura despegou o primeiro voo comercial de Galiza. Era o ano 1937, Guerra Civil, e Lavacolla o único aeroporto do noroeste peninsular, rematado con man de obra escrava do campo de concentración fascista da parroquia. “As autoridades golpistas tiñan interese en comunicar as zonas baixo o seu dominio e estabeleceron voos entre Compostela e Zaragoza ou Salamanca”, analiza. Os voos comerciais de transporte de pasaxeiros, con todo, non se regularizaron até ben entrada a década dos 40.

Foi daquela, en 1944, cando abriu o aeroporto de Vigo, hoxe Peinador. O da Coruña tardou máis: 1963. E velaí as raíces da problemática que denuncia Rodríguez Arias, enxeñeiro técnico e controlador aéreo de profesión, a existencia de tres aeroportos a competir entre si nun territorio reducido.

O “absurdo total”


“A situación é un absurdo total”, sinala, “o que se move nos tres aeroportos podíase mover só nun”. E a orixe da mesma, así o pescudou, está directamente relacionada co franquismo e os intereses de persoeiros implicados na cúpula da ditadura. Sobre todo Alvedro: “Fíxose pola presión de Barrié de la Maza e do alcalde Alfonso Molina, pero a súa localización é mala, igual que sucede co de Vigo”.

E é que orografía galega dificultou a instalación dos aeroportos. “Xa nos anos 20, o Goberno enviou cuadrillas de traballadores buscar lugares e non daban atopado”, explica. Na actualidade, unicamente en Lavacolla “a aproximación dos avións é libre”, sen montañas significativas próximas nin casas. “Por caso, Alvedro é xa un aeroporto urbano”.

“A solución a isto é política, e hai que adoptala canto antes”, engade, “pero ningún partido tivo coraxe para formulalo. Non se poden sobredimensionar máis os aeroportos e teñen que deixar de competir uns cos outros”. O autor de 100 anos de aviación en Compostela (Andavira/Consorcio de Santiago, 2017) é ademais consciente das limitacións do transporte aéreo, maiormente ecolóxicas.

“A aviación debe destinarse a distancias medias e longas, nunca a distancias curtas”, opina, “é carísima e moi contaminante. No aire, pero tamén na terra e na acústica. AENA leva gastados millóns en insonorizar as vivendas próximas a Alvedro. Para distancias curtas cómpre desenvolver outros medios de transporte, como o ferrocarril”.