DÚAS XORNADAS DE DEBATE NA CORUÑA

Historiadores reclaman unha folla de ruta de país para a Memoria

Historiadores reclaman unha folla de ruta de país para a Memoria
Xoán Carlos Garrido, Carlos Méixome, Uxío Breogán Diéguez, María Xosé Bravo e Fernando Souto
Xoán Carlos Garrido, Carlos Méixome, Uxío Breogán Diéguez, María Xosé Bravo e Fernando Souto  Foto: E.D.

As dúas xornadas de debate na Coruña rematan cunha apelación ás asociacións de memoria galegas para que se coordinen e inicien campañas de concienciación social para mudar os marcos legais que manteñen a impunidade sobre os crimes e o espolio do franquismo.


“A Memoria Histórica está nun impasse”, dixo Carlos Méixome, representante do Instituto de Estudos Miñoranos, esta quinta feira 29 de xuño na conferencia de asociacións memorialísticas no encerramento do curso de verán sobre memoria, educación e cidadanía que organizou a UDC na Coruña. “A Memoria Histórica está nun impasse, o mesmo no que se atopa o Réxime do 78. Son dous procesos que están vinculados, o da recuperación e o da extinción. No que levamos de século houbo dúas emerxencias que viñeron a socavar o Réxime: a Memoria Histórica e Catalunya”.

Hai tantos balanzos dos últimos dez anos de activismo como asociacións que traballan na recuperación da memoria hai no país. Mais a sensación de estancamento é compartida, a sensación de que os relatos e as descubertas fóronse ligando por un fío sen madeixa unha vez derrotado aquel goberno bipartito nos anos da eclosión da memoria. 

Carlos MéixomeXunto a Carlos Méixome e o organizador do curso, o historiador Uxío-Breogán Diéguez, sentaron na mesa María Xosé Bravo, da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, Fernando Souto, da CRMH da Coruña, Xoán Carlos Garrido, da Iniciativa Galega pola Memoria. 

“Só o nacionalismo mantivo viva a memoria no exilio”, sostivera o día anterior Garrido, que foi sinalando os momentos en que as diferentes esquerdas incorporaron aos seus programas políticos á reivindicación da memoria. Garrido recordou como durante a transición se prohibiu rememorar o pasado e decidiuse esquecer tamén parte do presente. Nese consenso só o nacionalismo se mantivo á marxe. Segundo o filósofo, foi a partir de comezos deste século, cando rachou ese marco de consenso e o PSOE comezou a reivindicar a República e a falar das foxas “para competir” no debate sobre as vítimas do conflito vasco. “Desde determinadas esquerdas pensaron que serían quen de controlar o discurso, pero a recuperación foi máis alá porque se recuperaba toda unha historia”. Foron os anos da eclosión da memoria. “Nós nacemos nese bum”, apuntou Fernando Souto, que bota a faltar renovación no activismo e recoñece que as asociacións como a CRMH van limitando cada vez máis a súa intervención aos homenaxes. 

Xoán Carlos GarridoPerdidas as institucións, hoxe en mans da dereita herdeira do franquismo, as políticas de memoria fican niso. Pasado o bum, de volta a reacción, as estratexias que se debuxan son inda demasiado imprecisas. “Temos que dar o salto do eido da cultura ao eido da xustiza”, propón Souto, que ve unha posibilidade de reactivar o movemento a través das oficinas de atención ás vítimas do franquismo –na Coruña hai meses que se aprobou no pleno municipal, pero nada se concretou­–. Mais hai quen pensa que se ten que seguir dando a batalla cultural, como María Xosé Bravo, hoxe ao fronte da Alexandre Bóveda, entidade que leva 41 anos nesa loita que vai producindo aperturas, como a visualización do papel das mulleres nos procesos políticos do século XX que deron lugar á República, na resistencia e no mantemento da memoria no exilio. 

Nesa batalla cultural, desde a escola, está tamén Joán Pagés, experto en didáctica, catedrático da Universitat Autónoma de Barcelona, que inaugurou o curso sinalando a capacidade que se lle furta á disciplina de historia para “formar cidadáns lúcidos a través do saber e comprometidos no facer”. Pagés, que considera imprescindíbel “resgatar” o século XX nas aulas para entender o presente, falou desde o público para advertir que as memorias, mesmo as traumáticas, deberían servir “para apropiarnos da nosa cultura e proxectala na construción do futuro”. Activistas e académicos no mínimo coinciden nunha cousa: na defensa da memoria diante do esquecemento programado. Programado a través dos orzamentos do Estado, no caso do ensino segundo denuncia Pagés, ou do aparato legal do Estado.

Joán Pagés

Xustiza ausente ou de parte

“Nós escavamos foxas, retiramos restos, tivémolos almacenados, levámolos a analizar, e finalmente algúns puideron ser entregados ás familias. Todo iso publicouse na prensa, contabamos con apoio dunha administración pública, a Xunta de Galiza… mais en ningún momento, por ningún lado apareceu a Xustiza”, recordou Carlos Méixome. A Xustiza ignora os crimes dos que dan testemuño as foxas, “son corpos invisíbeis para ela”, constata o historiador. 

A Xustiza, a estrutura de leis do Estado, segue garantindo a impunidade dos crimes do franquismo, dixo Sara Carou, profesora de Dereito Penal na UDC, nunha conferencia sobre o negacionismo na que tirou conclusións escandalosas. A negación dos crimes do franquismo non sería delito en España, “dado que se aplica a cláusula de perigo e sería improbábel que se admitise que iso crea alarma, hostilidade ou discriminación cara ás vítimas na sociedade”. Malia que o dereito penal internacional tipifica os crimes do franquismo como delitos de lesa humanidade, “o mecanismo xurídico do Estado impide que se aplique esa figura a crimes cometidos antes do 2003”. A lei de Amnistía de 1977 é, na práctica, “unha lei de impunidade perpetua”. 

Sara Carou

A xustiza de parte foi denunciada polo deputado Luís Bará (BNG), que asistiu o primeiro día á conferencia da profesora Carou, “porque hai unha continuidade material, nos tribunais e nas persoas, desde o franquismo até hoxe”, afirmou. Bará, que defendeu recentemente no Parlamento galego unha iniciativa para promover unha lei galega de Memoria Histórica, interesouse polas posibilidades de denunciar os crimes do franquismo ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. “Véxolle pouco recorrido”, respondeu Carou, “tamén está influenciado polo equilibrio de intereses entre Estados”.

Carou lanzou a primeira das propostas de acción ás asociacións memorialísticas. Sendo que a estrutura e os mecanismos legais foron deseñados para un esquecemento programado, “a aplicación técnica noutro sentido é moi difícil, así que cómpre cambialos”. E para mudar o aparato legal, non queda outro camiño que “a presión popular sobre o lexislador”. “Precisamos unha sociedade informada que esixa aos responsábeis públicos un cambio das leis”, concluíu.

Educación e linguaxe

“Precisamos que as mozas e os mozos coñezan a historia dun xeito que lles permita interpretar a realidade actual e entrever un futuro máis feliz”, insistiu Pagés, “precisamos que se sintan dentro da historia”. 

Uxío Breogán Diéguez

En 2006, declarado o Ano da Memoria en Galiza –os anos do bum, mentres se descubrían foxas e se preparaban leis­–, perdéronse moitas oportunidades, advertiu Uxío-Breogán Diéguez. Durante unha das súas intervencións no curso, Diéguez fixo un relato da evolución dos manuais de historia no ensino medio no que queda patente “a ocultación da violencia, a represión e a ditadura”, ben como unha lectura parcial da loita antifranquista “na que se lle concede máis peso á resistencia política que á guerrilla”, ou os tabús respecto das incautacións ou do papel da Igrexa. Dixo que ese ano se perderon oportunidades de producir un volume significativo de textos “con vontade de afondar na memoria” ou mesmo de promover un cambio na linguaxe para substituír termos como bando nacional, sublevados ou vitimarios. “Daquela, nun debate con outros historiadores, caín na conta de que non se trataba simplemente dunha reprodución do aprendido. Tiñan argumentos para defender eses termos! E moitos deses termos, ás veces por falta de coidado, seguen rexendo inda hoxe”.

O esquecemento programado está cheo de trampas. E nel funcionan tamén os sentimentos, como advirte Pagés (“as emocións son construcións sociais”), antes de que Garrido, con varios libros de investigación histórica ás súas costas, deixe unha afirmación dura: “Eu non me resisto á xenreira”. Garrido pensa que necesitamos coñecer a verdade “para poder comprender a orixe da desigualdade e combater esa inxustiza” e considera que o seguinte paso a dar pola recuperación da memoria é dar os nomes dos vitimarios ou asasinos. 

María Xosé Bravo e Fernando SoutoE outros nomes, anota Carlos Méixome, como os de Latino Salgueiro, o médico, ou José Quintás, o mestre, que non mancharon as mans e inda conservan un certo prestixio no Val Miñor. Xunto aos das vítimas e a memoria das loitas, “porque é falso que Galiza se rendese e diso dan testemuño esas cinco mil vítimas e a intención, desde o primeiro momento, de Castelao e outros que escaparon a unha morte segura, de contar a durísima represión no país desde a Nova Galiza en Barcelona ou Nueva Galicia en Madrid, eses debuxos da Galiza mártir, a memoria que se mantivo viva no exilio sempre e que tivo en Bóveda a figura de referencia”, explicou Uxío-Breogán Diéguez diante dun debuxo de Castelao no 37, un rapaz xunto o cadáver do mestre, a última lección.

Por onde seguir

Foi precisamente o profesor Diéguez o que lanzou ás asociacións outras dúas propostas de actuación. Na cuarta feira advertira deque os activistas teñen que ir pensando en renovar o repertorio do movemento. “Teñen que contribuír a abrir unha liña de investigación a respecto das continuidades do réxime franquista e a democracia actual, sinalar quen participou no antes e no despois defendendo os mesmos valores. E xa que non hai maiorías para cambiar os marcos xurídicos, sinalemos as complicidades. Penso que é momento de sinalar esas ramificacións do franquismo”.

Visita ao memorial no Campo da Rata na primeira xornada do cursoA segunda proposta, xa na mesa de encerramento de onte, tivo a inmediata adhesión de Carlos Méixome e Carlos Velasco, outro historiador presente no acto. Reclamou Diéguez “unha folla de ruta a escala galega que permita a coordinación entre as distintas asociacións memorialísticas para que non quede todo o traballo en actuacións locais que a maioría das veces non se sabe nada delas no resto do país”. Nesa ruta hai estacións de paso que xa están sinaladas: a Illa de San Simón, o Pazo de Meirás, unha lei de memoria propia. Velasco, desde o público, púxolle o lazo ao debate recollendo as reflexións de Pagés. Todo isto para que? “Para incorporar os novos e os non tan novos a unha práctica da democracia en sentido extenso”.

Nota: as fotos que van inseridas no meio do texto, todas da autoría de E.D., son: (1). Carlos Méixome; (2). Xoán Carlos Garrido; (3) Joan Pagés; (4). Sara Carou; (5) Uxío-Breogán Diéguez; (6). María Xosé Bravo e Fernando Souto; (7). Visita ao memorial no Campo da Rata na primeira xornada do curso.