PRESENTACIÓN EN TUI DA MONOGRAFÍA DE 'SERMOS'

Historias de rebeldía labrega

Historias de rebeldía labrega
Membros do Sindicato de Obreiros Agricultores de Salceda de Caselas. Foto: 'La Voz del Campesino'
Membros do Sindicato de Obreiros Agricultores de Salceda de Caselas. Foto: 'La Voz del Campesino'  

Durante moito tempo, as revoltas populares que puntuaron en Galiza a Restauración careceron dun relato coherente. Aparecían en historias locais ou como episodios illados de malestar social. A monografía Rebeldía galega contra a inxustiza, publicada por Sermos Galiza, procura outro relato dunha época de “dignidade, combatividade e rebeldía do pobo galego”.
 


Esta sexta feira ás oito do serán, a sala Xacobeo da Área Panorámica de Tui acolle a presentación, organizada polo Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo. Falarán os coautores da publicación Xosé Manuel Suárez e Xosé Álvarez, e mais a escritora Marga Romero.

“As protestas e revoltas aquí narradas e analizadas son só a punta do iceberg”, di a presentación do volume, coordinado por Xosé Ramón Ermida, “dunha realidade social caracterizada por unha fonda, intensa e estendida opresión e maltrato contra as clases populares galegas”. As décadas previas á proclamación da II República foron de organización das subalternas e estouridos sociais duramente reprimidos por deputacións, concellos, gobernos civís coa Garda Civil e a administración xudicial como punta de lanza.

Os oito ensaios contidos na obra -que será de balde para os subcritores de Sermos Galiza e estará á venda en librarías de todo o país- comezan coa narración da revolta de Salcedo, acontecida en Pontevedra en 1894. Explícaa Xosé Álvarez. O propio coordinador do volume debrúzase sobre os chamados mártires de Oseira, en 1909, e que Blanco Amor novelara no seu imprescindíbel Xente ao lonxe (1972).

Os sucesos de Nebra, en 1916 en Porto do Son e derivados da carestía dos alimentos, son analizados polo historiador Eliseo Fernández. De Sofán, un conflito desencadeado pola decisión municipal de cambiar de sitio o cemiterio, saturado pola mortandade da gripe de 1918. Francisco Rodríguez, ex deputado do BNG e historiador, ocúpase da revolta de Trasancos de hai un século. Sobre a masacre de Sobredo, en Tui en 1922 e relacionada coas loitas contra os foros, escribe Xosé Manuel Suárez.

Lucía Veciño Souto encárgase de reflexionar sobre o papel das labregas “nos conflitos da primeira metade do século XX”. E Antón Capelán Rei pecha a monografía cun repaso á “memoria intelectual, literaria e artística da represión do campesiñado de 1909 a 1922”.

“Non se contentaron as autoridades do Estado español con afogar en sangue a rebeldía”, engade a presentación, “a seguir intentaron borrar da historia e da memoria social e popular, a través do medo, a censura, a desinformación e o esquecemento o que acontecera”. Para combater esta amnesia aparecen os textos de Rebeldía galega contra a inxustiza.