NO ANIVERSARIO DO SEU NACEMENTO

Homenaxe ao Antolín Faraldo excluído da historia de Betanzos

Homenaxe ao Antolín Faraldo excluído da historia de Betanzos
Del Río, diante do busto de Faraldo [Imaxe: BNG]
Del Río, diante do busto de Faraldo [Imaxe: BNG]  
A tradicional homenaxe do BNG das Mariñas a un dos seus máis destacados veciños, Antolín Faraldo (1822-1853) tivo este ano un carácter aínda máis reivindicativo pola súa exclusión da mostra sobre os 800 anos de historia da vila. 

O Bloque Nacionalista Galego das Mariñas homenaxeou Antolín Faraldo no aniversario do seu nacemento (2 de setembro de 1822) en Betanzos, vila na que tivo lugar un acto que contou coa presenza da deputada Montse Prado e no que se criticou a decisión do goberno local de o excluír da mostra que sintetiza os 800 anos do traslado de Betanzos desde Tiobre até o actual centro histórico. 

"A súa figura nin tan sequera é mencionada" na devandita exposición, lamentou o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, quen sinalou a "incomodidade que produce a súa obra aos herdeiros do centralismo que combateu na década de 1840". 

Antolín Faraldo é un persoeiro central na historia de Galiza. Para Murguía foi o máis destacado dos precursores do Rexurdimento e o seu pensamento, encadrado na etapa do provincialismo da primeira metade do século XIX, concibía o país como unha realidade política diferenciada mais castigada polo forte movemento centralista que estaba a impor a monarquía borbónica. 

Logo de rematar os estudos de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, Antolín Faraldo dedicouse ao xornalismo. En 1842 incorpórase á redacción de El Recreo Compostelano, dirixido por Antonio Neira de Mosquera, e entre febreiro e outubro de 1845 funda e dirixe, canda José Rúa Figueroa e Antonio Romero Ortiz, El Porvenir. Nesta revista Faraldo expuxo o seu modelo político e económico para Galiza, que desembocaría na súa participación na Revolución de 1846. Foi el quen redactou a proclama da constitución da Xunta Provisional de Goberno de Galicia. 

Fracasada a revolución, vese obrigado a se exiliar en Portugal e é condenado en rebeldía por aqueles acontecementos. Ao ano seguinte conseguiría a amnistía e instalouse en Madrid. Até o seu pasamento en 1853 pouco se coñece desta derradeira etapa da súa vida.