O 23 DE XUÑO, 70 CABODANO DO SEU ASASINATO

Homenaxe da Mariña ao guerrilleiro O Gardarríos

Homenaxe da Mariña ao guerrilleiro O Gardarríos
Enterro laico en Mondoñedo en 1936. O primeiro pola esquerda é O Gardarríos.
Enterro laico en Mondoñedo en 1936. O primeiro pola esquerda é O Gardarríos.  

O vindeiro 23 de xuño, Mondoñedo e Lourenzá renderán homenaxe a Luís Trigo Chao, O Gardarríos, sindicalista da UXT e guerrilleiro antifranquista asasinado o 25 de xuño de 1948 en Vlanova de Lourenzá.


Xosé Luís Fernández Rivera, membro da comisión popular que organiza a xornada, o acto “quere deixar testemuño da entrega á loita pola democracia de Luís Trigo e da súa compañeira Antonia Díaz Pérez, ademais de todas aquelas persoas que, como enlaces, lles prestaron axuda e asumiron os riscos de se enfrontar á ditadura”.

Trigo Chao nacera o 24 de decembrode 1891 no desparecido concello de Riobarba -hoxe O Vicedo. Organizado na Federación de Traballadores da Terra da UXT e gardarríos de profesión, implicouse na Revolución do 34. Nese intre sufriu a primeira persecución por parte da reacción. Despois do golpe fascista ddo 18 de xullo de 1936, pasou á clandestinidade “e mantivo a chama da resistencia ate xuño de 1948.

Fernández Rivera sinala que os actos conmemorativos tamén pretenden servir de “especial lembranza dos centos de persoas que colaboraron co Gardarríos na guerrilla”.

“Só en Lourenzá e Mondoñedo foron procesados, despois da morte do guerrilleiro, Francisco Fernández Piñeiro Paco de Cora, Ramón Ventoso Rodríguez, Remedios Ron, Pablo Maseda, Amalio Gómez, Candido Coira, Encarnación Valea, Gerardo Redondo, Francisco López, Xosé María Alonso, Francisco Basanta, Francisco Fernández, Candido Cortiñas, Xosé Freire, Xosé María Gómez Agrelo, Juan Miranda, Antonio Rego, Antonio Rpdríguez, Eulogio Vidal, Juan López Iravedra, Manuel Rey Busto,Graciano Leivas, Dodolino Díaz Jácome, Benito Expósito, José Díaz Gil e José Paz Vázquez, este último veciño de Foz”.

O 23 de xuño, A Mariña recordará este feitos. Ás 12.00, na Casa da Xuventude de Mondoñedo, unha mesa redonda abordará a súa figura. Xa pola tarde, ás cinco, inaugurarase un monolito de Caxigueiro no cemiterio de Vilanova de Lourenzá, onde están soterrados os cadáveres de Trigo Chao e Antonia Díaz Pérez. Un espectáculo poético musical porá o ramo a unha xornada en que está previsto interveña Francisco Martínez López Quico, veterano da Federación de Guerrillas de Galiza e León e mais Fernanda Cedrón Trigo, neta do homenaxeado e activista da memoria histórica.

A comisión organizadora anima á veciñanza e colectivos sociais, sindicais e políticos a se sumar á homenaxe no enderezo electrónico [email protected] e no teléfono 608-98-74-74.



x