Unha homenaxe que demorou cen anos

Unha homenaxe que demorou cen anos
Foto: Concello de Carballo
Foto: Concello de Carballo  

Familiares das 'Mártires de Sofán', as catro mulleres asasinadas en 1919, e veciñanza participaron no ato de lembranza daqueles sucesos na parroquia de Carballo.


Josefa Bolón Mato, María Caamaño Pallas, Carmen Veira Souto e María Serrano Paz recibiron este sábado en Sofán, Carballo, unha homenaxe que demorou cen anos. O 16 de febreiro de 1919, as catro mulleres, veciñas desta parroquia, morreron como consecuencia dos disparos da Garda Civil nun episodios tráxico que foi silenciado durante moitos anos.

A homenaxe organizada pola Agrupación Cultural Lumieira, o Consello Parroquial de Sofán e o Concello de Carballo quixo rematar con ese silencio. Coincidindo co centenario da masacre, as Mártires de Sofán foron lembradas nun acto ao que asistiron familiares das vítimas, veciñanza e representantes sociais e políticos.

Xan Fraga Rodríguez, cronista carballés, explicou brevemente o momento histórico no que se produciron os feitos e leu o poema dedicado por Manuel María aos levantamentos populares de Oseira, Nebra e Sofán, todos eles de principios do século XX, no seu libro “As rúas do vento ceibe” (1979).

En representación das familias das catro mulleres interviron José Fraga Serrano, máis coñecido coma Bastián, e Dolores Serrano Bolón. Bastián é un dos 19 netos vivos de María Caamaño Pallas, que foi a primeira en caer pola baioneta e os disparos de fusil. Tiña sete fillos e estaba embarazada de sete meses. Era a bisavoa de Dolores Serrano, que na súa intervención encadrou as mortes “no contexto caciquil daquel momento” e chamou a atención na escasa visibilidade que tiveron aqueles sucesos ao longo destes cen anos.

O alcalde, Evencio Ferreiro, destacou a importancia de recuperar un feito histórico tan importante para a memoria colectiva, “porque iso ten que servirnos para non repetir erros, para crear comunidade, crear pobo, crear parroquia”.

Despois das palabras do rexedor procedeuse ao descubrimento do monólito dedicado ás Mártires de Sofán, cunha placa de barro realizada pola oleira de Buño Carmen Isabel Labrador.

Ás mártires de Sofán dedícalles Sermos Galiza un dos capítulos do monográfico "De Nós" titulado Rebeldía Galega contra a inxustiza, escrito polo historiador Xan Fraga. A publicación está á venda na loxa.



x