ALCALDE NACIONALISTA DE COMPOSTELA

Homenaxean Ánxel Casal no 83 aniversario do seu asasinato

Homenaxean Ánxel Casal no 83 aniversario do seu asasinato
Flores en lembranza de Casal
Flores en lembranza de Casal  

Os concellos de Santiago, Teo e Arzúa renden tributo ao editor e alcalde compostelán Ánxel Casal no 83 aniversario do seu asasinato a mans dos fascistas. Ademais, o BNG tamén organizou un acto de homenaxe na capital galega.


68796571_10220357632795248_1857535967829688320_oDiversos actos quixeron lembrar Ánxel Casal cando se fan os 83 anos do seu asasinato a mans dos fascistas. Un acto aberto de homenaxe organizado polo BNG lembrou este 20 de agosto na zona vella de Santiago de Compostela o editor e alcalde nacionalista da capital galega.

No acto interveu a portavoz municipal do Bloque no concello de Compostela, Goretti Sanmartín Rei, a concelleira Navia Rivas e o fotohistoriador Carlos I. Castelao.

Como cada ano nestas datas o BNG de Santiago organiza este acto en lembranza de Casal co que tamén queren render homenaxe as 226 persoas que padeceron algún tipo de represión durante o franquismo, segundo datos recollidos na investigación Voces e Nomes, e ás case 100 paseadas, executadas ou en prisión.

Ánxel Casal Gosenxe naceu na Coruña e participou nas Irmandades da Fala

Ánxel Casal Gosenxe naceu na Coruña e participou nas Irmandades da Fala desde a súa fundación e foi un dos asinantes do Manifesto de Lugo, o manifesto fundacional do nacionalismo galego.

Tamén foi un dos protagonistas do proxecto de Escolas do Insiño Galego, sendo un dos primeiros socios protectores desa iniciativa, da que se fixo cargo en 1924.

Cultivou un inmenso traballo editorial, creou a editorial Lar xunto con Leandro Carré Alvarellos e fundou a editorial Nós.

O gran contributo de Ánxel Casal á Galiza do século XX estivo no campo da industria cultural

O gran contributo de Ánxel Casal á Galiza do século XX estivo no campo da industria cultural, na idea de creación dunha estrutura editorial estábel que tivese o galego como vehículo de comunicación. Foi Casal quen editou a Otero, Risco, Castelao, Cunqueiro, Manoel Antonio, Ramón Villar Ponte, Cabanillas, Blanco Amor, Amado Carballo, Víctor Casas, Filgueira Valverde…

Colaborou con diversas iniciativas republicanas, galeguistas e sindicais. Foi editor e impresor de ducias de publicacións periódicas e promotor da Asociación de Escritores de Galiza, truncada polo alzamento franquista.

Como secretario de propaganda do Partido Galeguista, asistiu á xuntanza organizada no Concello de Santiago para convocar a Asemblea de Municipios para a redacción do Estatuto.

En 1934 participou no Mitin das Arengas, na praza da Quintana. Fixo parte da comisión que entregou o texto do Estatuto ás Cortes, logo de ser recibido en audiencia polo presidente da República.

O 20 de xullo de 1936, a autoridade militar obrigouno a ceder o mando do Concello de Santiago. O 4 de agosto foi conducido á cadea, onde estivo detido  canda presos republicanos, entre eles o seu amigo Camilo Díaz Baliño, pouco antes do seu asasinato a mans da represión franquista.

Compostela, Teo e Arzúa homenaxean Ánxel CasalActo en lembranza de Ánxel Casal dos concellos de Santiago, Teo e Arzúa

Un acto organizado polos concellos de Santiago, Teo e Arzúa rendeu tributo institucional a Casal. A alcaldesa en funcións e concelleira de Cultura de Compostela, Mercedes Rosón, salientou a importancia do acto pola "relevancia da súa figura na historia da Galiza e pola pegada que deixou na memoria colectiva do pobo galego". Ánxel Casal, engadiu Rosón, "é unha referencia histórica viva, como modelo de tolerancia, como modelo progresista, como modelo humano, e como modelo de galeguidade".

Rosón tamén destacou a figura e labor de Ánxel Casal a nivel cultural, social e empresarial

Rosón tamén destacou a figura e labor de Ánxel Casal a nivel cultural, social e empresarial: "sen el, probablemente, non existirían todos os magníficos textos literarios, ilustracións e ensaios da xeración Nós. Sen el, Santiago sería unha cidade orfa a nivel político”, concluiu.

Ánxel Casal fixo por Galiza máis que todos nós, deixou dito Castelao.