ASASINADOS POLA GARDA CIVIL

Homenaxean os mártires de Nebra no 99º aniversario da súa morte

Homenaxean os mártires de Nebra no 99º aniversario da súa morte
Homenaxe de Castelao aos mártires de Nebra
Homenaxe de Castelao aos mártires de Nebra  

Máis un ano, a veciñanza de Nebra homenaxea os seus mártires, abatidos a tiros pola Garda Civil tras negárense a pagar un inxusto tributo imposto para sufragar as débedas xeradas pola nefasta xestión municipal.


O calendario marcaba o 12 de outubro de 1916 cando cinco veciños de Nebra foron asasinados a tiros pola Garda Civil na ponte de Cans nunha mobilización na que se protestaba polo pagamento dun tributo imposto polos responsábeis municipais para sufragar as débedas xeradas pola súa mala xestión.

“O medo espallábase polo concello, quen non afrontase o pago, era embargado”, lembra Toño Calo, da familia do Martelo, que esta tarde homenaxea os caídos e feridos tras a protesta. “Xermolou a idea desde a casa da Liga Agraria de Nebra e decidiuse facer fronte ao recadador na ponte de Cans para impedirlle o seu camiño de roubo”, sinala.

Ao paso do recadador por Nebra, veciños e veciñas de todas as aldeas foron achegándose á ponte de Cans ao berro de “non se paga o déficit”. Non tardaron en chegar efectivos da Garda Civil que, armados, non dubidaron en disparar para evitar a sublevación da veciñanza. O resultado: 5 mortos e numerosas persoas feridas.

“Mentres a xente trataba de darlle auxilio aos seus veciños, as forzas da orde marchaban para defender o alcalde. E foi a través dos altos mandos dende onde foron silenciando estes feitos até quedar no esquecemento”, denuncia Toño Calo, da familia que desde o ano 2000 homenaxea as vítimas de Nebra.

Na lembranza dos mártires de Nebra esta tarde celebraranse homenaxes ao pé do monólito que lembra os veciños e veciñas na ponte de Cans. Ás 18h terá lugar o acto organizado polo BNG de Porto do Son, que contará coa intervención de Xosé Alfredo Pereira, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común. Unha hora após celebrarase a ofrenda floral impulsada pola familia do Martelo.