Homenaxes a Moncho Reboiras no 43 aniversario do seu asasinato

Homenaxes a Moncho Reboiras no 43 aniversario do seu asasinato
Moncho Reboiras
Moncho Reboiras  

Organizacións políticas e sindicais convocan diversos actos esta fin de semana en lembranza do militante nacionalista asasinado 12 de agosto de 1975 en Ferrol


Cando se fan 43 anos do asasinato de Xosé Ramón Reboiras Noia, partidos e organizacións políticas convocan diversos actos de homenaxe e lembranza ao militante asasinado pola policía franquista o 12 de agosto de 1975 en Ferrol.

 

Unión do Povo Galego (UPG) comeza a xornada no cemiterio de Imo (Dodro) ás 12:00 horas cunha ofrenda floral. Posteriormente organiza un xantar popular en Fene, na SCDR O Porte, en Maniños. Na primeira hora da tarde (16:30 horas) Francisco Rodríguez dará a conferencia “A vixencia da análise nacionalista na Galiza”. Xa pola tarde a UPG convoca en Ferrol a tradicional ofrenda no portal da Rúa da Terra no que foi abatido a balazos por axentes da Brigada Político-Social Moncho Reboiras. Paulo Ríos, secretario xeral da UMG, realizará unha intervención. Posteriormente terá lugar un acto político no Cantón no que intervirán Iván Ribas, portavoz do BNG en Ferrol, Susana Méndez, sindicalista e membro do Comité Central da UPG, e Néstor Rego, secretario xeral da UPG. A Unión da Mocidade Galega realizará este domingo 12 de agosto as súas V Xornadas de Formación Moncho Reboiras en Ferrol.

 

Tamén o Movemento Galego ao Socialismo (MGS) organiza un acto de homenaxe a Reboiras ás 13 horas no cemiterio de Imo (Dodro) no que intervirán Xoán Bautista Mariño, concelleiro do BNG de Dodro que participou de cativo no enterro de Moncho Reboiras hai 42 anos, nunha parroquia tomada pola Guardia Civil;  Laura R. Pena (Militante do MGS e Responsábel do BNG en Sada), que introducirá o acto, Xan Fernando (MN de Isca!) e Susana Camba (membro da MN do MGS e da Executiva Nacional do BNG). Ao remate terá lugar un xantar popular nunha carballeira.  As intervencións musicais correrán a cargo de O Leo Arremecagona e dun grupo de [email protected]

 

FPG e Xeira realizan un acto na Praza do Toural de Teis, Vigo, ás 12:00 horas o sábado 11 de agosto. Neste barrio obreiro de Vigo pasou Moncho Reboiras boa parte da súa vida. Intervirán no acto Ana Fidalgo, Xiana Penedo, Anxo Angueira, e X.L. Méndez Ferrín.

 

Tamén no cemiterio de Imo, o Domingo 12 de agosto e ás 12.30 horas Agora Galiza realizará unha ofrenda. No acto intervirá Paulo Peres Lago.

 



x