COMEZAN AS DECLARACIÓNS DOS 19 DE MEIRÁS PERANTE A XUÍZA DE BETANZOS

"Se hoxe se fala tanto do Pazo de Meirás ou da Casa Cornide é grazas a accións como esta"

"Se hoxe se fala tanto do Pazo de Meirás ou da Casa Cornide é grazas a accións como esta"
Unha imaxe da concentración
Unha imaxe da concentración  

Nin un gramo de arrepentimento. Todo o contrario. "Sentímonos orgullosas e orgullosos do que fixemos". Quen fala é Néstor Rego, integrante da Executiva Nacional do BNG e un dos 19 de Meirás. Cinco dos membros deste colectivo prestaron declaración esta sexta feira perante a xuíza de Betanzos que instrúe a causa derivada da denuncia contra eles formulada pola familia Franco. Acúsanos da comisión de catro delitos por un acto simbólico —o despregamento de dúas faixas por cima da fachada do Pazo de Meirás— un día de abertura do inmóbel ao público. Os activistas non estiveron sós: acompañáronos unhas ducias de persoas —entre elas a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón— nunha concentración en solidariedade con eles.


Foi o 30 de agosto de 2017. Un grupo de activistas da memoria histórica, militantes do BNG e da CIG, fixeron acto de presenza no símbolo do franquismo por excelencia no noso país —o Pazo de Meirás, espoliado polo ditador como botín de guerra— para reivindicar a súa restitución ao patrimonio público e o fin do oprobio que significa que o inmóbel continúe nas mans da familia do tirano. Foi un acto que se desenvolveu sen ningún tipo de incidente e que consistiu no despregamento de dúas faixas, co lema Franquismo Nunca Máis, nun día en que pazo e finca estaban abertos ao público.

Os activistas foron identificados pola Garda Civil, non opuxeron a máis mínima resistencia e aí parecía que acababa a historia. Mais non. A familia Franco —en concreto a súa filla, xa falecida, e o seu neto José Cristóbal Martínez-Bordiu Franco— e a Fundación que leva o nome do ditador interpuxeron unha denuncia contra os coñecidos como 19 de Meirás pola comisión de catro delitos: violación da morada, danos, delitos contra o honor e de odio. Piden para todos eles un total de 247 anos de prisión e unha multa por medio millón de euros.

O acto de hoxe foi a toma de declaración por parte da xuíza de Betanzos na fase de instrución. Segundo soubo Sermos, o resto dos activistas prestarán testemuño en decembro. O maxistrado xa citou a parte denunciante e o guardés do Pazo. O xuízo non está aínda axendado.

Néstor Rego, en funcións de portavoz do grupo, declarou aos medios: "O obxectivo desta acción simbólica e pacífica foi reactivar o debate social e político sobre a recuperación do Pazo, metelo na axenda política galega e obrigar as institucións públicas a se manifestar ao respecto". E acrecentou: "Se hoxe se fala tanto de Meirás, da Casa Cornide, das estatuas de Abraham e Isaac é grazas a accións como está, o que demostra a súa utilidade e necesidade".

Rego non lle ve nen pés nen cabeza á denuncia dos Franco —"é unha barbaridade tanto do ponto de vista xurídico como político"— e enfatiza que, en troca, "a demanda de que o Pazo de Meirás pase a ser patrimonio do pobo galego é algo compartido maioritariamente pola sociedade galega". Estaríamos a vivir, dixo, "no mundo ao revés". "En pleno 2018 o franquismo está pedindo até 13 anos de prisión para quen defende a democracia e a memoria histórica”, engadiu.

O portavoz dos 19 deslizou tamén unha chamada de atención ao Goberno español:  “Non hai só que sacar os restos de Franco do Val dos Caídos, senón que hai que sacar os restos do franquismo de todos os ámbitos nos que aínda perduran, como acontece co caso do Pazo de Meirás. É necesario e é posíbel que o Pazo de Meirás pase a ser patrimonio público, só é cuestión de vontade política".