A GALIZA IGNORADA

Idacio da Limia, o espertar cultural

Idacio da Limia, o espertar cultural

Fai parte daquela xeración de ouro que alumeou o espertar cultural galego nas centurias do Baixo Imperio. A obra histórica de Idacio da Limia e o seu labor como representante dos sectores máis romanizados da oligarquía galega outórganlle un papel de relevo naquela Galiza en mudanzas do século V. Estamos, ao fin, diante doutro dos xigantes do que López Pereira dera en definir como a nosa primeira idade de ouro. Eis un extracto da peza, publicada no número 351 do semanario en papel Sermos Galiza.


5_FS_CulturaÉ un dos grandes vultos daquela xeración de xigantes que impulsaron o noso espertar cultural nos albores da Idade Antiga. Primeiro, Prisciliano, á cabeza dun gran movemento popular que apostaba nun cristianismo desligado do poder, axeitado á realidade do país, comprometido cos sectores máis desfavorecidos, significado coa causa das mulleres e que morreu decapitado en Tréveris no 385.

Despois, Exeria, a galega viaxeira a percorrer o mundo de Occidente até Oriente a visitar Exipto, Xericó e Xerusalén para deixarnos testemuños das mesmas nunhas cartas ás irmás que a agardaban na Galiza. Tamén Paulo Orosio, o grande historiador occidental dos séculos IV e V, autor da primeira crónica universal de orientación cristiá, amigo e discípulo de Agostiño de Hipona e de Xerónimo Estridón e un dos máis influentes intelectuais europeos. E, por suposto, os avitos, aqueles monxes viaxeiros de Braga, e Baquiario, o pensador exiliado, a percorrer Occidente, África e Oriente para erguer o monacato.

O desenvolvemento cultural da Galiza nas centurias finais da Idade Antiga obrigan a unha revisión do papel do noso país naquel tempo. A floración dunha xeración de intelectuais nados e formados na Galiza como a que vimos de referir só se explica nun contexto de relativo progreso material, favorecido pola crise que se abre no Imperio Romano á volta do século III.

As consecuencias desta convulsión serán desiguais dentro do imperio até o punto de que unha parte da historiografía está a revisar a tradicional visión negativa do momento, sinalando a dinámica positiva que se constata nas zonas máis desligadas do centro.

A debilidade do poder central provocou toda unha serie de transformacións estruturais con consecuencias positivas para o conxunto da área galega, da que son unha expresión o maior espallamento das “villae” e a súa nova función como centros económicos non orientados cara á exportación, cunha tendencia a iren criando o seu propio espazo xurisdicional que se vai evadindo do control imperial e que gañan en independencia.

A biografía de Idacio segue a ser un mar de dúbidas. Sabemos que naceu na Alta Limia, moi probabelmente no núcleo urbano de Civitas Limitorum, no actual Xinzo de Limia, ou no Castro do Viso, no veciño concello de Sarreaus, entre o 388 e o 400. Membro dunha familia da comunidade dos Lémicos, integrantes da aristocracia galaica latifundista ligada á administración do imperio e moi vencellada a aqueles sectores sociais que posibilitaron o nomeamento como emperador do tamén galego Teodosio I, viaxou moi novo a Xerusalén seguindo unha rota que viña sendo habitual entre a aquela oligarquía galega.

[Podes ler a peza íntegra no número 351 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]