A Igrexa beatifica 500 “mártires da guerra” sen pedir perdón pola súa complicidade co franquismo

A Igrexa beatifica 500 “mártires da guerra” sen pedir perdón pola súa complicidade co franquismo
Acto de Beatificación
Acto de Beatificación  

Cunha cerimonia multitudinaria na que participaron arredor de 25.000 persoas á conferencia Episcopal deixou onte claro que non vai pedir perdón pola complicidade co réxime franquista. A Igrexa oficiou onte a beatificación de 522 persoas ás que chamou “mártires do século XX” diante de críticas que lamentan que non faga acto de contrición pola súa activa participación na represión franquista. 


Mesmo destapándose nos últimos meses os casos de bebés roubados por relixiosas durante a ditadura franquista, novo episodio dos xa múltiples cos que a investigación histórica confirma a participación das autoridades eclesiásticas do proceso represivo encabezado por Francisco Franco, a Igrexa decidiu onte facer ostentación da súa posición e organizar un acto multitudinario de beatificación en Tarragona, cunha compoñente españolista que non foi obviada nas múltiples críticas recibidas. 

Con declaración de perdón e reconciliación, e un discurso do cardeal Angelo Amato, representante do Vaticano, encamiñado a despolitizar o acto, a lembranza para os milleiros de vítimas da represión franquista estivo ausente en todo momento. Ao mesmo tempo, a Coordinadora para a Laicidade e a Dignidade organizaba no cemiterio unha homenaxe ás persoas que padeceron a persecución e morte no franquismo. Cualificaron o acto da igrexa de “político, franquista e de insulto a quen perdeu aos seus familiares e sufriron represión”. A Coordinadora lembrou que a igrexa cualificara de “cruzara” o golpe de estado de Franco que contou sempre “coa bendición e o apoio da igrexa”. Lembraron que só se indemnizaron ás familias das vítimas “do bando dos vencedores”. 

Para o colectivo Cristianismo en el siglo XXI  é lamentábel que a igrexa “non pedira perdón polo seu papel naquel golpe de estado” e define o acto de Tarragona como “unha instrumentalización política das mortes ao servizo dun só bando”. Desde distintos grupos cristiáns púxose en evidencia que a Igrexa deixaba fóra do acto a curas catalanistas e vascos non beatificados por non seren franquistas. 

En pleno proceso soberanista catalán, o compoñente españolista e anticatalanista do acto -ao que asistiron varios ministros- tamén foi amplamente criticado.