HENRIQUE HARGUINDEY ELABOROU A ACTUAL VERSIÓN NO PARÍS DE 1969

De como 'A Internacional' virou galega

De como 'A Internacional' virou galega
Barricada durante a Comuna de París, en 1871.
Barricada durante a Comuna de París, en 1871.  

No ronsel da represión da Comuna de París, o socialista Eugène Pottier non se deu por derrotado. Empregou a poesía para resistir. Nos meses posteriores a aquel convulso marzo de 1871 escribiu o que daría no máis difundido himno do movemento obreiro: A Internacional. Ducias de versións en ducias de idiomas multiplicaron o seu impacto. Entre elas, a galega, confeccionada en 1969 por Henrique Harguindey. Tamén en París.
 


“Un grupo de militantes e simpatizantes da UPG viviamos daquela en Francia”, relata Harguindey (Lugo, 1946) vía telefónica, “e asistiamos a mitins e actos de partidos da esquerda. Cantábase A Internacional en español, en francés, en vietnamita. E botabamos en falta a versión galega dunha canción de tan extraordinaria calidade, que representaba unha esperanza colectiva internacional”. Quen andando o tempo sería un dos pioneiros da tradución ao galego -á súa man pertencen obras de Raymond Queneau, Victor Hugo ou Ionesco- púxose á obra.

“Fundamentalmente ocupeime eu, con axuda dalgún compañeiro, sobre todo Luis González Blasco, Foz”, lembra. A tradución que fixaron en 1969 mantívose, sen apenas máis mudanzas que algunha pequena adaptación normativa -“unha orde nova” no canto de “un orden novo”, por exemplo-, ate hoxe. “Case inmediatamente apareceu publicada en pasquíns e voceiros, tamén no interior”.

“En pé os escravos da terra, / en pé os que non teñen pan; / a nosa razón forte berra, / o triunfo chega en volcán”, di a primeira estrofa do emblema dos obreiros organizados. “A tradución é bastante fiel ao orixinal”, considera Harguindey, quen se oufana, ademais, de que a súa tradución trascendese a súa orixe partidista: “A Internacional cantábana os socialdemócratas, os socialistas, os anarquistas ou os comunistas, o bloque amplo da esquerda. Iso pasa coa versión galega, que é xa case un canto popular”.

E con todo, a de Henrique Harguindey non foi a primeira versión en galego do poema de Eugène Pottier que pasou á posteridade con música de Pierre Degeyter -composta en 1888. O poeta Miro Villar e o profesor Xesús Alonso Montero exhumaran en Guerra Civil e literatura galega. Textos e documentos para unhas xornadas de estudo e debate (Consello da Cultura Galega, 1999) outras dúas.

A máis antiga publicárase no número 26 de Nueva Galicia. Portavoz de los Antifascistas Gallegos o 14 de novembro de 1937. Fíxoa Luís Bóveda Pérez, identificado como “Capitán da cuarta Compañía d'o 197 Batallón d'a 50 Brigada mixta”. Libre adaptación, o inicio é: “¡Ergédevos probes d'o Mundo! / ¡Adiante os escravos sin pan! / A forza o dereito venceuno... / chegará o gran día d'a Paz”.

Dous números despois, o 28 de novembro de 1937, Nueva Galicia recollía A Internacional segundo o poeta Ramón Cabanillas, aínda que sen asinar. Virada ao seu universo poético -e político-, o texto ínzase de labregos, mariñeiros, fouces e patria. O cuarteto inicial reza: “Ergueivos, labregos da terra, / en pé, famentos en lexión / atroa a razón senlleira / xuntos na revolución”. E o retrouso: “Axuntémonos todos na laboura final / levando nos peitos a loitar / A INTERNACIONAL”.    

A Internacional (tradución de H. Harguindey)

En pé os escravos da terra,
en pé os que non teñen pan;
a nosa razón forte berra,
o triunfo chega en volcán.

Crebemos o xugo do pasado,
pobo de servos, ergue xa,
que o mundo vai ser transformado
e unha orde nova vai reinar.

Axuntémonos todos,
é a loita final,
o xénero humano
forma a Internacional.

Axuntémonos todos,
é a loita final,
o xénero humano
forma a Internacional.

Non hai salvadores supremos,
nin rei, nin tribuno, nin deus,
temos que salvarnos nós mesmos,
o Pobo Traballador.

Para que nos devolvan o roubado,
para derrubar esta prisión,
batamos no lume sagrado,
ferreiros dun mundo mellor.

Axuntémonos todos,
é a loita final,
o xénero humano
forma a Internacional.

Axuntémonos todos,
é a loita final,
o xénero humano
forma a Internacional.



x