Lazoiro recupera nunha curta tres figuras políticas da memoria histórica de Salvaterra e Galiza

Lazoiro recupera nunha curta tres figuras políticas da memoria histórica de Salvaterra e Galiza

Producida por Diaño Filmes, pon en valor Manuel Mariño, Manuel Puente e José Domínguez. Un alcalde republicano, un emigrante galeguista e un 'arredista' fusilado. Vídeo no interior.


A asociación Lazoiro organizou a finais de 2016 unha exposición que, baixo o nome 'A Nosa Memoria', procuraba dar a coñecer a historia de Salvaterra do Miñorelacionada co alzamento franquista. A mostra foi nas Covas de Dona Urraca e tivo un importante éxito de asistencia. Organizada con orde cronolóxica, os visitantes puideron coñecer a través das fotografías e diferentes montaxes explicativos a historia dos acontecementos daqueles días.

Lazoiro vén de publicar agora unha curta, producida por Diaño Filmes, na que se recolle aquela mostra e ponse en valor a figura de tres personaxes de Salvaterra.

Un alcalde republicano: Manuel Mariño Méndez, nado na parroquia de Fiolledo, creou no ano 1913 a Sociedade Agraria de Fiolledo, Oleiros e de Salvaterra coa axuda dos emigrados na Arxentina. Foi concelleiro e o primeiro alcalde na II República. Sendo enlace da Unión Progresista do Distrito de Salvaterra de Miño en Bos Aires mercou os terreos para facer en Salvaterra a Casa Cooperativa Sindical ou Casa do Pobo (1927-1929). Delegado rexional no II Congreso da Federación Nacional de Traballadores da Terra en 1931 en Madrid. Co golpe de estado do 1936 tivo que agocharse na parroquia de Leirado e posteriormente fuxiu a Portugal, detido en Monçao durante uns meses, remataría nun penal de Lisboa que coa axuda do embaixador español logrou fuxir á zona republicana. Regresou a Galicia en 1947 con 65 anos de idade aproveitando un indulto de Franco para aqueles que non tiñan delitos de sangue.

Un arredista fusilado: José Domínguez González, tenente de alcalde fusilado. Naceu na parroquia de Corzáns, con 16 anos emigra a Arxentina, traballou de panadeiro e foi sindicalista deste gremio. En 1920 foi membro da Comisión da Directiva recen fundada “Sociedad Juventud Progresista Hijos de Fornelos y Anexos de Buenos Aires”. Axudou na compra dun terreo para a escola de Fornelos, entre outros. Escribiu artigos para Acción Gallega ou o medio arredista 'A Fouce', de Bos Aires. Membro da independentista Sociedade Nazonalista Pondal de Bos Aires. A raíz do golpe franquista forma parte do Comité da Defensa da República, participa na requisa de armas, municións e ferramentas seguindo as ordes oficiais que emitía o Goberno. O 28 de xullo publícase un bando de guerra en Salvaterra e aínda que Domínguez permanecerá agochado en Corzáns, remata por ser detido. Foi fusilado no monte do Castro en Vigo o 24 de febreiro de 1937.

Un emigrante galleguista: Manuel Puente González, naceu na parroquia de Oleiros, en 1906 emigra a Bos Aires e aprende o oficio da xoiería. Funda no 1919 a empresa Manuel Punta y Cia, unha das maiores cadeas de xoiería e pratería da Arxentina. Foi fundador da dirección de Sociedad Anónima Industría Sérica Argentina, primeira fábrica de seda natural da Arxentina. Tivo diversos cargos, entre os que cabe destacar presidente da Cámara de Comerciantes Republicanos Españoles e fundador e primeiro presidente da Sociedade Unión Progresista de Salvatierra de Miño. Membro da Federación de Sociedades Galegas e a Irmandade Galega da Arxentina, socio do Centro Gallego, Centro Orensano, Centro Pontevedrés e outros. En 1929 viaxa a Salvaterra onde inaugura a Casa do Pobo. Funda xunto a Castelao e outros o Consello de Galiza, sendo Puente presidente da Comisión de Facenda. Costeou diferentes obras de Castelao, entre as que esta o Sempre en Galiza, Albumes de Guerra e as Cruces de Pedra. Sufragou tamén os gastos de Historia de Galicia de Otero Pedrayo e contribuíu a recadación de fondos para financiar a editorial Galaxia fundada no 1950.