Lembran a Ánxel Casal en Compostela no 77 aniversario do seu asasinato


Lembran a Ánxel Casal en Compostela no 77 aniversario do seu asasinato

O BNG de Compostela e a AC O Galo desenvolveron un acto de homenaxe ao rexedor nacionalista paseado após o golpe de estado de 1936

A rúa do Vilar, onde se emprazaba a imprenta 'Nós' da que era propietario Ánxel Casal acolleu esta segunda feira a tradicional homenaxe que o BNG da capital galega organiza en recordo do rexedor compostelán asasinado. 

No acto estiveron presentes o historiador Uxío Breogán Diéguez, o portavoz municipal do BNG, Rubén Cela e Goretti Sanmartín, membro da Executiva nacional do Bloque. Esta última, exixíu na súa intervención a demisión do alcalde de Baralla, polas súas declaracións sobre as persoas represaliadas e condenadas a morte após xullo de 1936.

Goretti Sanmartín salientou asemade o papel protagonista que tiveron as mulleres na loita anti-franquista e no nacionalismo lembrando figuras como Elvira Bao ou María Miramontes, compañeira do propio rexedor compostelán. 

Pola súa banda, o voceiro municipal do BNG, Rubén Cela salientou a Ánxel Casal como "unha desas persoas imprescindíbeis na historia dun país" á que "os herdeiros políticos dos golpistas" procuran "que non lembremos", enfatizou, pois as súas convicións e ideas eran as da "democracia, a liberdade da Galiza e os seus dereitos nacionais" a prol dunha "sociedade máis xusta e igualitaria". 

O historiador Uxío Breogán Diéguez quixo subliñar a traxectoria política e cultural de Casal como un dos pioneiros en reivindicar "a República da Galiza"  e a súa problama do dereito de autodeteminación e a soberanía na Asemblea de concellos galegos onde foi aprobada a redacción do Estatuto de Autonomía de 1936.