DE MEMORIA

Lolita Jaso: A memoria en clausura

Lolita Jaso: A memoria en clausura
[Imaxe: cedida] Lolita Jaso
[Imaxe: cedida] Lolita Jaso  

Resgatamos, a través de imaxes, a figura de María Dolores Jaso Ramírez, sor María Ángeles, máis coñecida como Lolita Jaso, unha das persoas que mellor representou a ética sobre a represaliada cidade de Tui, onde nacera en 1923. Eis un extracto da peza publicada no número 350 do semanario en papel Sermos Galiza.


FS_11_dememoriaUnha amiga comprometida en restaurar a memoria comentou que lle parecía unha traizón que unha filla de Enrique Jaso, irmá de Evangelina e de Enriquito, se metese monxa. A monxa, filla de Enrique Jaso Paz, agrarista, fundador de Esquerda Republicana e interventor no Concello de Tui, e de Josefa Ramírez Sanjuán, era María Dolores Jaso Ramírez, sor María Ángela, Lolita Jaso. Existe un libro, María Dolores Jaso Ramírez (María Ángela), Clarisa. Un tesoro escondido, asinado por María del Rosario Álvarez Domínguez, a monxa clarisa que coidou sor Ángela, que escribe ao ditado as memorias da protagonista.

Para min, Lolita Jaso representou a ética sobre a represaliada cidade de Tui, vetusta e levítica; ela era o espello da súa culpa, a súa propia expiación. Para min, un tesouro agochado. O apelido Jaso é sinónimo de represión e morte en todo o Estado español, tamén de exilio e dignidade. Lolita Jaso Ramírez naceu no Tambre, en Tui, o 2 de xullo de 1923. Foi a segunda filla, despois de Josefita, do segundo matrimonio do seu pai; logo viñeron Luís, Carmen e Manolito (que morreron de meses), Ramonita, Lucita, a única que vive e en México, e Carmiña.

Formaban parte da familia a irmá Evangelina e o irmán Enriquito, a descendencia do primeiro matrimonio do pai que librou dunha tuberculose que lles matou a nai e tres dos seus irmáns; a mesma tuberculose que vai matar a Josefita con 17 anos.

Na fotografía, cun futuro prometedor da nova familia de Jaso, que se coñece, figuran os pais, Evangelina, Enriquito, Josefita e Lolita, sentada no colo da súa nai, con seis meses de idade. Noutra imaxe, o retratista púxolle unhas flores a unha Lolita de nove anos, onde resplandecen o seu tempo feliz de nena lista, prodixiosa memoria, un pouco traste, divertida, amante da música e dos libros e que facía gozar cando lía as outras raparigas na escoliña de dona Irene.

[Podes ler a peza íntegra no número 350 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]