LUCIO MARTÍNEZ, INVESTIGADOR DA DITADURA

“Filgueira participou da represión do franquismo mais iso eliminouse dos documentos”

“Filgueira participou da represión do franquismo mais iso eliminouse dos documentos”
Foto: Anxo Cabada
Foto: Anxo Cabada  

O investigador Lucio Martínez é autor do libro Medo político e control social na retagarda franquista (Xerais) no que estuda os procesos de depuración, incautacións e tribunais especiais da ditadura.


-Xa desde o inicio do libro denuncia o problema de acceso aos documentos na investigación histórica arredor da represión franquista. 

Meteron o ferrollo amparándose nas leis. Empregáronse vías alternativas de discurso para paralizar calquera investigación. En Galiza ten unha singularidade propia cando queremos estudar a que se coñece como represión fría, de máis longa distancia e que inocula o medo durante máis tempo. Cando estudamos os efectos sociais desa represión atopámonos con que a maior parte dos documentos están fóra de Galiza, no Archivo General de la Administración e no Centro Documental da Memoria Histórica e, ou non están catalogados ou están desperdigados, sen referencias de orixe. A confluencia entre a Lei de Arquivos e de Protección de Datos dificultan as consultas. O proceso de dixitalización paralizouse e hai ordes para facer interpretacións restritivas. Estudar, por exemplo, a intervención da igrexa galega na subministración de informes para a depuración é case imposíbel.

"Filgueira Valverde que presidiu varias comisións de depuración e nos arquivos só hai cartas de petición de clemencia e outras nas que el tenta interceder por determinadas persoas". 

-Coida que eses atrancos responden a mecanismos de ocultamento?

Son accións sistematizadas. Hai acordos e ordes. Pola experiencia cos arquivos eclesiásticos dos bispados galegos cheguei a esa conclusión. A igrexa informou sobre a conduta moral e relixiosa e non se pode acceder e eses documentos. A Lei de Transparencia vai incrementar o problema porque mesmo amplía as limitacións da Lei de Secretos Oficiais franquista. Está feita para impedir a investigación.  Non só cargaron a Lei da Memoria Histórica no aspecto máis evidente tamén neste outro que, á longa, é moi perigoso. Neste sentido, os anos corenta e cincuenta na Galiza, en termos da chamada represión fría, son unha especie de burato negro onde desaparece todo, do que se fixo un expurgo selectivo. Exemplo diso é o caso de Filgueira Valverde que presidiu varias comisións de depuración e nos arquivos só hai cartas de petición de clemencia e outras nas que el tenta interceder por determinadas persoas. Responde ao afán por facer un debuxo para a posteridade fabricando un retrato alterado. 

-Quere dicir que do papel no réxime de Filgueira só quedaron os documentos que daban unha imaxe, por así dicilo, piadosa?

Deixa só documentos para que saia un retrato a posteridade como un individuo xenerosamente cristián. Son cartas de docentes dos anos cincuenta que sofren, que teñen enfermidades, que se encomendan á Virxe e moi católicos que apelan a el. Supoño que se expurgaría a principios dos anos setenta. Nese sentido foi astuto. Filgueira non só presidía a comisión de mestres de primaria e secundaria senón tamén a de arquivos e bibliotecas. 

-Que demostra iso?

Desde o momento que é membro non só dunha senón de varias comisións e tribunais de depuración indica a súa participación na represión. Dáse nel como unha implementación, ansia por prestar servizos ao franquismo. Noutros países chámanlle colaboracionismo. No noso caso non se estudou nin o colaboracionismo nin as delacións. Corremos un tupido velo. Os franceses e alemáns si o fixeron. 

-Semella que en Francia e Alemaña sería tamén imposíbel homenaxear a un “colaboracionista”.

Absolutamente impensábel cando aquí, pola contra, o presidente da Real Academia Galega decide chamarlle “franquiano”. Non deixa de ser un xogo de palabras que pretende furtar a realidade. No noso caso estamos empezando a ver que o papel das delacións é grande. Produciuse unha especie de colapso e mesmo houbo que paralas. A delación presentouse como unha obriga moral e no fondo foi unha forma rápida de implicar á sociedade civil na represión e reforzar os lazos coa ditadura. Penetrou en todo o tecido social e quebrou lazos afectivos e de solidariedade. Sen ese tipo de colaboracionismo un sistema represivo non se logra manter tantos anos despois de rematada a guerra. 

"O presidente da Real Academia Galega decide chamarlle “franquiano”. Non deixa de ser un xogo de palabras que pretende furtar a realidade". 

-Falamos entón dunha sociedade apresada polo medo e o silencio?

Existe tamén o que lle chaman zonas grises, unha parte que non se somete e crea un discurso oculto de disenso. Déronse, por exemplo, actos de rexeitamento do Auxilio Social. O disenso foi espontáneo, de supervivencia, digamos que pospolítico, mais existiu e entra en colisión co discurso da Galiza submisa que non houbo. 

-Cal foi entón o alcance real da represión?

Trátase dunha represión paranoica, sobrante, cunha implementación excesiva. Lévanos á teoría do medo. Querían asentarse no poder e canta máis represión máis seguros estaban. A represión dura tiña como consecuencia o exilio, a fuxida ao monte, as execucións... deixaban fóra da sociedade. A represión blanda permitía que a poboación fora produtiva mais baixo presión dunha ameaza constante, dosificando o temor. As comisións depuradoras e os tribunais de responsabilidade política alongáronse e hai expedientes que se abren no 39 e non se pechan ate anos despois. 

-Estableceuse un sistema de control con eses mecanismos sobre a sociedade?

Querían inocular o medo e o silencio, paralizar a poboación e que as súas actividades se restrinxira ao ámbito privado e laboral. Un sistema totalitario. Os mecanismos de relación do réxime político coa poboación de control social e vixianza é de totalitarismo até finais dos anos cincuenta coa máxima intensidade no ano 41 no que Falange abre expediente a máis de 10.000 galegos. Nos anos cincuenta aínda se resolvían peticións de funcionarios que querían reintegrarse as súas prazas ou que rematase o seu desterro. 

-A Transición supuxo unha lousa pactada sobre a historia, segundo vostede. Continuamos a ter unha débeda de recuperación de memoria histórica?

Non temos un problema de memoria histórica senón peor. Temos un problema de Historia. Os elementos de xustiza, de reparación, veñen cando se valora a memoria histórica e se consegue que o relato das vítimas se converta no centro do discurso ético da democracia. Antes teriamos que facer Historia e este paso non está completado. Aí están, por exemplo, os informes do relator da ONU denunciando esta situación. A memoria histórica ten un compoñente político mais ten que funcionar a partir duns datos. A situación actual conduce a que fagamos un relato martiroloxio laico sen avanzar máis. Trátase de producir desgaste e paralizar o proceso. 

Esta entrevista apareceu na sección Textos do semanario Sermos Galiza, en concreto no seu número 129, disponíbel aquí na nosa loxa. Na sección Textos publicamos conversas con escritoras e escritores, ben como avanzos editoriais de obras aínda non editadas.

                            



x