Luís Bará: “Trato de transmitir o relato emocional da represión e a resistencia”

Luís Bará: “Trato de transmitir o relato emocional da represión e a resistencia”
Luís Bará
Luís Bará  SG

A Luís Bará débese que a memoria histórica tivese por primeira vez un lugar de relevancia no goberno da Xunta. Desde o seu cargo de director xeral de Creación e Difusión Cultural conseguiu que, entre 2005 e 2009 se puidese falar dunha política pública da memoria. Agora a través do blog “Non des a esquecemento” relata episodios da represión e a resistencia desde unha escrita emocional coa que busca difundir historias que foron enterradas polo silencio e o esquecemento.


-Cando comeza a súa actividade pola recuperación da memoria histórica?

Xa nos anos noventa e no traballo social antes que no institucional. No inicio foi a través da Asociación Cultural Maio Longo de Pontevedra coa que desenvolvemos diversas actividades de difusión e recuperación da memoria de persoas e acontecementos. Logo veu a actividade pública no Concello de Pontevedra e na Consellaría de Cultura e, finalmente, está esta nova etapa de investigación e divulgación que comecei en Vilaboa, o concello no que nacín, recollendo a memoria oral de veciños e veciñas.

-Esta nova etapa, que queda a vista no seu blog “Non des a esquecemento” mostra unha faceta nova e descoñecida e dá idea do seu compromiso persoal coa memoria.

Comeza a finais do 2013 cando teño coñecemento dalgúns episodios da represión en Paredes, no concello de Vilaboa. Sorprendeume que, despois de estar máis de vinte anos traballando no tema da memoria histórica, aínda descoñecera feitos que pasaran no lugar no que nacín. Chamoume a atención, en especial, saber do compromiso dunha serie de obreiros organizados que foron represaliados e, a partir de aí, comecei a facer entrevistas a mulleres maiores que tiñan memoria do que acontecera. Logo, falando con compañeiros e compañeiras de Vilaboa, xurdiu a idea de crear a Asociación A Regaduxa que organizou unha homenaxe colectiva en marzo de 2014, e logo comecei coa escrita de artigos que foron máis tarde publicados no blog.

-Nese traballo, a memoria oral é o eixo central?

Trátase dun traballo de memoria oral, mais tamén de investigación en arquivos e outras fontes. Desde o primeiro momento interesoume escribir historias onde prevalecese o aspecto humano, a vivencia persoal da represión, o mundo dos sentimentos, das emocións, dos silencios, das marcas que non desaparecen nunca. Non estamos a falar só das persoas que aparecen nos rexistros oficiais, senón desa onda expansiva que afectou moitísimas máis persoas, principalmente mulleres. É a través da memoria oral, coas debidas cautelas, como se pode ir reconstruíndo a historia, non só da represión senón tamén da resistencia heroica e do compromiso, e tamén das persoas que se arriscaron a manter viva esa memoria, tamén con actos persoais dun valor incalculábel. A fotografía, poño por caso, que Amalia Álvarez lle fai a Cinta Rey -a nai de Vítor Casas- na Caeira, no lugar en que foran asasinados Alexandre Bóveda e Vítor Casas é un documento que evoca como poucos o simbolismo desa recuperación persoal da memoria.

-De todas maneiras, o tempo esvae cada vez máis esa memoria oral e boa parte das protagonistas xa non están.

Todos os días teño a sensación de que é moito o que se perdeu. En moitas historias teño mágoa de non poder entrevistar a persoas, mais hai aínda testemuñas vivas de máis de noventa anos que son de moito interese para desvelar o que se sufriu e tamén, aínda nos anos corenta e cincuenta e despois, seguiu habendo terror e a memoria desas persoas tamén nos interesa. Está ademais o fenómeno da transmisión familiar, como se foi comunicando –ou non- a dor e o medo que se padeceu en cada casa.

-A memoria familiar transmitiuse ás xeracións máis novas?

Non hai un patrón único. En certas familias, maiormente de militancia esquerdista revolucionaria, deuse unha maior transmisión, mais noutras o trauma foi brutal. Isto fixo que a norma fose o silencio, a ocultación do que pasou, ás veces como un mecanismo de protección ou simplemente como terapia contra o sufrimento. Mesmo houbo algunhas vítimas que deixaron testemuños escritas ás súas familias pedindo que non se meteran en política. A maneira de se enfrontaren á memoria da represión foi diversa e a min interésame contar tamén o silencio que se meteu nas propias casas. O outro día Amalia Bóveda contoume o momento no que, tendo ela sete anos, a súa nai lle contou como mataran a seu pai, Alexandre Bóveda. A min interésanme eses momentos de revelación da historia familiar. Como se vive e como se mantén ao longo da vida.

-Quere construír entón, como di na presentación do blog, un “relato humano dos sentimentos e dos ideais, do sufrimento e do amor, da represión e a resistencia”?

Centrándome nesa parte máis emocional. Hai historiadores que están a desenvolver un traballo moi valioso, con metodoloxía científica, mais a min preocúpame que nalgúns casos o resultado é demasiado cuantitativo, de balances e estatísticas. Interésame máis achegarme ás vivencias persoais, á dimensión humana da traxedia, construír o relato dos sentimentos, das emocións, das razóns que levaron á loita e das vivencias das persoas que quedaron, que foron tamén vítimas que sufriron moitísimo. Emociónanme especialmente os episodios de solidariedade, como no caso de tantas mulleres que axudaron aos presos da Illa de San Simón ou as casas refuxios que agochaban aos perseguidos, as redes de axuda que entón se tecían, arriscando a vida.

"Desde o primeiro momento interesoume escribir historias onde prevalecese o aspecto humano, a vivencia persoal da represión, o mundo dos sentimentos, das emocións, dos silencios, das marcas que non desaparecen nunca". 

-Nos seus relatos aprézase a vontade de dar nomes e imaxe a esas persoas que padeceron a represión e foron, tamén, protagonistas da resistencia.

Debería haber unha Xustiza que restablecese a legalidade e condenase os culpábeis da represión, mais o exercicio da memoria é tamén, en certa medida, un acto de xustiza e restauración. A min sempre me impresionou a loita de Isidro Paz, fillo de Ramiro Paz, para que no rexistro civil aparecese a verdadeira causa da morte do seu pai. Que puxese que foi fusilado, non que morreu por “hemorraxia interna”. Porque ademais de ser unha enorme inxustiza é unha falsificación da historia. Estes tamén son pequenos actos de xustiza e de restauración da verdade. Foron persoas que loitaron por defenderen os dereitos e liberdades e merecen que así se transmita a súa memoria, como o caso do canteiro de Paredes, Eligio Rey, que foi a Pontevedra a defender a República e os dereitos da súa clase, e foi condenado a morte. Restaurar a memoria de persoas descoñecidas, da clase traballadora humilde, das mulleres, é imprescindíbel. Para min foi moi emocionante falar coa filla de Eligio Rey, porque tiven a sensación de que aquela muller, de 84 anos, levaba toda a vida agardando que alguén lle fora preguntar polo seu pai.

-Persoas que non aparecen nos rexistros oficiais?

Como o caso, por exemplo, de Isabel Gómez Costas, que decidiu marchar cos seus seis fillos sen saber onde para fuxir da represión que matara o seu home. Marchou por Porto e rematou en México. Esas historias teñen que ser contadas porque esas persoas non aparecen nos rexistros das vítimas.

-Cómpre entón incrementar a cifra de persoas vítimas da represión?

As cifras que se están a dar son moi á baixa. Hai represión física, en forma de morte, cárcere, malleiras, violacións, rapas... mais hai tamén represión psicolóxica e moral. E económica e laboral. E ideolóxica. E non só nos anos 1936-1939, senón en toda a Ditadura. Pódese chegar á conclusión de que o franquismo foi como un xigantesco campo de concentración, unha inmensa cadea. A clave está en que o pacto de silencio e a amnesia da Transición fixo que se impuxese a memoria dos vencedores e se falase de dous bandos de maneira similar cando por exemplo na Galiza o que se deu foi un xenocidio, non unha guerra. Malia o traballo que se fixo desde as asociacións e a investigación histórica ou mesmo desde o campo institucional no goberno da Xunta de 2005-2009, aínda queda para moita xente a idea de que é mellor non falar do tema.

-Ese foi un compromiso que vostede levou ao seu cargo de director xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de 2005 a 2009, que supuxo aquilo?

Teño un compromiso de natureza moral ou ética coa restauración da memoria que está por riba de responsabilidades políticas concretas. Cando asumín tarefas de goberno no Concello de Pontevedra e logo na Xunta, considerei que era prioritario, central na acción política e sempre tivo un papel importante no meu traballo institucional. E agora sigo con ese mesmo compromiso, no Concello de Pontevedra, na miña actividade particular e no ámbito asociativo. O traballo institucional contribuíu a liberar memoria confiscada, silenciada. Cando hai un goberno comprometido coa verdade, axuda a crear un certo sentimento de alivio e orgullo, e anima a que a xente teña menos medo para falar e que sinta que o seu relato é valioso.

-Que queda por facer na recuperación da memoria?

Aínda moito. O PP tomou unha serie de decisións e actuacións que levaron a eliminar programas e iniciativas que se puxeran en marcha na Xunta e tamén por parte do tecido asociativo. O informe do relator da ONU fixo unha crítica da xestión deste tema desde a Transición á actualidade, e destacou precisamente o traballo que se desenvolveu no bipartito a respecto da memoria. Agora cómpre seguir homenaxeando as vítimas e as súas familias, investigando a memoria nos arquivos oficiais e nas fontes orais, eliminando a simboloxía franquista que aínda pervive, sinalando os lugares da memoria e reivindicando o seu papel, como a Illa de San Simón da que, infelizmente, se volve a eliminar a súa historia de espazo de represión. E desde logo hai que saber o que pasou, coñecer a verdade e facer xustiza.



x