Luís Trigo 'O Gardarríos', o sangue dos mellores fillos do pobo

Luís Trigo 'O Gardarríos', o sangue dos mellores fillos do pobo
Luís Trigo 'O Gardarríos', segundo pola esquerda, canda outros guerrilleiros da comarca da Mariña e Ortegal.
Luís Trigo 'O Gardarríos', segundo pola esquerda, canda outros guerrilleiros da comarca da Mariña e Ortegal.  

É o home  mito da resistencia armada na Terra Chá, A Corda e A Mariña. Significa o proceso de conformación dos primeiros núcleos guerrilleiros a partir daqueles demócratas obrigados a pasarse á clandestinidade fuxindo da represión e en moitos casos dunha morte certa.


Exemplifica a lealdade a uns ideais, neste caso ao marxismo cribado pola tradición española da segunda Internacional, a vontade de defendelos asumindo todos os métodos de loita e a convicción de asumir esa decisión até as últimas consecuencias. Explica o alto grao de apoio popular á oposición ao franquismo e o mantemento dunha actividade de loita alongada no tempo como resultado da existencia dunha ampla rede de enlaces e colaboradores identificados no esencial cos seu obxectivos políticos. Informa, ao fin, da etapa máis creativa, intensa e fecunda  do  actuar guerrilleiro, onde se bota a andar unha resistencia armada autóctona, sen interferencias de cadros e orientacións procedentes do exilio, plural, carente da hexemonía dunha determinada orientación partidaria, e precedente, en moitos aspectos da liña político militar desenvolvida en Cuba e Vietnam.

Luís Trigo Chao, nado o 24 de decembro  de 1919 en Santa María de Cabanas no antigo Concello de Riobarba, actualmente integrado no Vicedo, emigra a Cuba e Arxentina, na busca dunha mellor vida e dun  futuro máis próspero e remata por  enchouparse de ideas novas, loitas sociais e políticas e compromisos definitivos que marcarán a súa vida para sempre. Instalado en Mondoñedo, desénvolvese  como garda de venatoria ou gardarríos da comarca, facendo parte do grupo fundacional na localidade da agrupación socialista, canda Xaquín Ares, Ignacio Picaza, Graciano Leivas, Cándido López ou Manuel Ferreiro. Secretario xeral e máis tarde presidente da sección local do PSOE, unha pequena organización de trinta e dos militantes fiel ás orientacións políticas de Largo Caballero pero particularmente activa entre os labregos de Mondoñedo, concelleiro desde 1931 até 1934, será detido co motivo da  revolución dese ano canda Ignacio Picaza e Xosé Díaz Muñoz, sendo encarcerado en Lugo e procesado nun consello de guerra no que é defendido por Xosé Díaz Villamil.

'O Gardarríos' atesoura doce anos de resistencia armada ao franquismo. A súa práctica guerrilleira non respondeu á busca da mera subsistencia ou estivo carente de orientacións políticas, sendo o primeiro na área norte de Lugo en levar adiante operacións de castigo contra significados represores, como sucedeu con Eladio Teixeiro ou Xosé Viador Traseira, un dos máis crueis e significados dirixentes falanxistas de Lugo, axustizado o 9 de abril de 1940 na Fraga Vella, nos lindes dos concellos de Abadín, Mondoñedo e O Valadouro. Non foi un fuxido solitario e desligado doutras formas de oposición ao franquismo diferentes ás armadas como apuntan os relatos sobre a súa figura; pola contra, participou de diversas iniciativas de coordinación entre os fuxidos e mantívose ligado á disciplina e liña do seu partido. A mediados de novembro de 1938 participa na constitución da  “Agrupación Thapaieef”, a primeira agrupación guerrilleira do norte galego, onde será elixido secretario xeral, nunha dirección conformada polo comunista Xosé Castro, o libertario Xosé Neira e o nacionalista Modesto Vilar. Ao tempo participou nas iniciativas de reconstitución do PSOE en Galiza, colaborando cunha sección en “Forja”, voceiro da organización mariña, impulsado polo secretario xeral galego Xosé Paz.

Dirixente do PSOE, foi eleito secretario da primeira agrupción guerrilleira do norte galego, nunha dirección conformada polo comunista Xosé Castro, o libertario Xosé Neira e o nacionalista Modesto Vilar

Hai setenta anos, concretamente na madrugada do 24 ao 25 de xuño de 1948, foi asasinado nun enfrontamento armado en Vilanova de Lourenzá canda a súa compañeira Antonia Díaz Pérez. A onomástica da súa morte sería un bo punto de partida para recuperar a traxectoria militante e o pensamento de 'O Gardarríos', introducindo novos prismas e puntos de vista que acompañen a memoria popular e aquilaten o seu proceso de mitificación popular, iniciado nos últimos anos da súa vida e aínda tan vivo  nas terras onde combateu. A súa rebeldía tiña unha causa, perfectamente racionalizada nos artigos asinados no voceiro socialista de Viveiro El Momento, onde defendía o amor libre, combatía o clericalismo, desenvolvía temas de filosofía marxista como a ditadura do proletariado, apoiaba as posicións de Largo Caballero, polemizaba co prietista García Atadell e afirmaba que as “revolucións non se fan con auga de colonias senón entregando o sangue dos mellores fillos do pobo”. O seu compromiso, cargado de poderosas razóns, é o dun axitador político, curtido no traballo de masas pero tamén nas tarefas de organización partidaria, empurrado á loita armada polas extraordinarias circunstancias vividas após o golpe de estado de 1936.

 



x