FILME SOBRE DOMINGOS MERINO

Máis alá da versión oficial da Coruña

Máis alá da versión oficial da Coruña
Bosquexo do retrato de Domingos Merino que se atopa no pazo municipal da Coruña. Foto: cedida.
Bosquexo do retrato de Domingos Merino que se atopa no pazo municipal da Coruña. Foto: cedida.  

Os longos anos de hexemonía pacovazquista na Coruña ocultaron as outras cidades posíbeis. Esta é a tese da que partiron Paula Quiroga e Lois Alcayde para o seu documentario sobre Domingos Merino, rexedor entre 1979 e 1981, que se estrea o vindeiro 25 de outubro.
 


A orixe do proxecto é académica, un exercicio de aulas que non podía exceder os cinco minutos de duración. Pero o traballo de campo abriulles novas xanelas. “Ao tratarmos coas fontes, decatámonos de que existía un relato que non podía quedar soterrado”, explica Paula Quiroga, directora do documentario Outra Coruña posible, “e que ademais estaba relacionado co presente, era necesario para comprendelo”.

Paula Quiroga

Merino foi o primeiro alcalde da Coruña despois da morte de Franco. Accedeu a María Pita á fronte da coalición nacionalista Unidade Galega -Partido Obreiro Galego, Partido Galeguista e Partido Socialista Galego, en que el militaba- e cos votos do PSOE. Na corporación tamén sentaban Partido Comunista, BN-PG, UCD e Coalición Democrática -predecesora de AP.

“Non se trata dun documentario histórico, senón de procurar a Coruña que se agocha por debaixo da versión oficial”, engade. Para iso contaron coa contribución, en forma de entrevista, dalgúns protagonistas daquela pequena pero convulsa etapa: o escritor Manuel Rivas, que fora xefe de prensa da alcaldía; o sociólogo Manuel Monge; o activista Nicanor Acosta ou o marido de Merino Jorge Galiñanes. Tamén participan a ex concelleira do Bloque María Xosé Bravo ou o actual primeiro edil, Xulio Ferreiro, da Marea Atlántica.

Imaxes de arquivo nunca exhibidas, debuxos, animacións ou filmacións actuais nas rúas da urbe completan o crebacabezas fílmico que pretende dar conta do mandato do primeiro alcalde nacionalista da Coruña. “Non puido levar adiante o seu proxecto”, entende Quiroga, “porque apenas durou dous anos, pero si supuxo unha ruptura respecto da anterior longa noite de pedra. A cidadanía entraba na cidade”.

Lois Alcayde

Para a cineasta, Merino tamén representou “a capacidade de unir partidos que, no fondo, pensaban distinto e, porén, atopaban puntos comúns”. O Goberno local apoiouse sobre todo no Partido Comunista e, de maneira máis intermitente, no BN-PG. O PSOE, logo de votar a investidura a cambio de que Unidade Galega contribuíse a colocar alcaldes socialistas en Vigo e Ferrol, situouse na oposición. Francisco Vázquez iniciaba o traxecto que o conduciría a encadear seis maiorías absolutas cunha mestura de populismo, localismo extremo e unha posterior deriva galegófoba.

“Hai distintas formas de enteder a cidade”, di Paula Quiroga, “e é certo que unha é elitista e burguesa. Pero existen outras e non pode ser que unha tape as demais. O filme non vai só dirixido a espectadoras nacionalistas ou de esquerdas, senón a quen queira coñecer esoutra Coruña distinta da versión oficial”.

A cidade popular, galeguista, culturalmente inqueda, de longa tradición demócrata e antifranquista, e cun dos tecidos asociactivos máis potentes do país, non podía sucumbir ao pacovazquismo. Disto tamén tratan os 35 minutos de Outra Coruña posible, que a quinta feira 25 de outubro poderase ver por primeira vez na Fundación Alexandre Bóveda da Coruña ás oito do serán.

Nota: Nas fotos interiores aparecen Paula Quiroga e Lois Alcayde.



x