En Marea leva ao Parlamento a devolución de balde do Pazo de Meirás

En Marea leva ao Parlamento a devolución de balde do Pazo de Meirás
[En Marea] Antón Sánchez e Benito Portela diante do Pazo de Meirás
[En Marea] Antón Sánchez e Benito Portela diante do Pazo de Meirás  

O viceportavoz de En Marea, Antón Sánchez, e o alcalde de Sada, Benito Portela, presentaron o sábado diante do Pazo de Meirás unha iniciativa lexislativa que se debaterá no Parlamento de Galiza para a “recuperación gratuíta” do inmoble.


En Marea rexistrou no Parlamento galego unha iniciativa na que pide a devolución gratuíta do Pazo de Meirás (Sada), unha propiedade “adquirida de modo ilícito” a través do “espolio, a violencia e as ameazas da ditadura de Franco”.

A proposta, que foi presentada diante do inmoble polo parlamentar Antón Sánchez e polo alcalde de Sada, Benito Portela, busca a “compensación ás vítimas”. A recuperación do pazo, sinala En Marea nun comunicado de imprensa, podería constituír “o símbolo da rexeneración democrática, da reparación da dignidade das vítimas e o precedente para a recuperación de todo o espoliado durante a ditadura e permitido no paso a unha democracia incompleta”.

Antón Sánchez: "Estamos ante a conservación dos privilexios aínda hoxe, 2017, da familia do ditador"

O viceportavoz de En Marea sinalou, en declaracións aos medios, que “estamos ante a conservación dos privilexios aínda hoxe, 2017, da familia do ditador”. Unha expresión desta situación de privilexio da familia Franco, engadiu, amósase “na negativa e os obstáculos que están a poñer ás visitas” ao pazo, após ser declarado Ben de Interese Cultural. “Esta xente non acepta a democracia, non acepta que o pobo sexa quen máis ordene e que polo tanto teñan que estar eles ao servizo do pobo“, denunciou.

O alcalde de Sada aludiu “a todas as vítimas da ditadura franquista, do asasinato, do exilio, e vítimas do espolio que condenou moitas familias á fame e á emigración ao ver como lles eran roubadas as súas terras“. A recuperación do Pazo de Meirás, asegurou Portela, “é un traballo que se debe levar a cabo a todos os niveis“.