María Luz Morales, a “vehemente galeguista” que foi a primeira muller en dirixir un xornal no Estado español

María Luz Morales, a “vehemente galeguista” que foi a primeira muller en dirixir un xornal no Estado español

Pioneira no xornalismo peninsular, esta coruñesa dirixiu 'La Vanguardia' de 1936 a 1937, e mantivo o compromiso galeguista coa súa terra embora vivir desde nova en Barcelona.


María Luz Morales cumpriría tal día como hoxe, 1 de xaneiro, 118 anos. Naceu na Coruña o aninovo de 1898. Moi nova, en 2010, marchou para Barcelona, cidade onde foi destinado seu pai, funcionario de Facenda. Mais Luz Morales nunca se desvinculou do país que a veu nacer e que asumiu para sempre como o seu. Foi xornalista, editora, crítica cinematográfica, muller comprometida co seu tempo... Pasa a historia como a primeira muller en dirixir un xornal no Estado español, unha 'fazaña' que non debe ocultar o resto da súa extensa obra e vida, na que Galiza tivo un papel de importancia.

Con apenas 20 anos, María Luz comeza a súa carreira xornalística en revistas como 'El hogar y la moda'. Axiña dá o salto a 'La Vanguardia', compaxinando o traballo no diario catalán con escritos en diferentes revistas, xornais e publicacións, como 'Imatges', 'Lecturas' ou o periódico madrileño 'El Sol', que pasaba por ser o voceiro da intelectualidade da capital do Estado.

Elexida polo comité de traballadores

O golpe de Estado franquista é derrotado en Barcelona pola clase traballadora, nomeadamente as milicias da CNT. A Generalitat decide incautar 'La Vanguardia' e o 19 de xullo o diario catalán fica baixo control dun comité obreiro da CNT e a UGT. Gustín Calvet, 'Gaziel', director do xornal, opta por exiliarse. O comité elixe entón como directora de 'La Vanguardia' á única traballadora da redacción, María Luz Morales. Ela acepta o cargo, que exercerá até febreiro de 1937, mais poñendo como condición que a súa dirección será puramente profesional e non 'política'.

O triunfo do franquismo en 1939 vai pasar factura á xornalista coruñesa: expulsa do traballo, acusada de pertenza ao Partido Galeguista, é encarcarada durante 40 días e sofre despois unha 'travesía polo deserto' dunha década para poder volver exercer a profesión. Unha vez recuperado o traballo, mantivo a paixón polo oficio -principalmente no 'Diario de Barcelona'- até a súa morte, en 1980.

Moito máis que xornalismo

Morales non se adicou só ao xornalismo, se ben este foi o alicerce da súa vida, como ela mesma afirmaba. Tamén se adicou á literatura ou tomou parte en proxectos cinematográficos. Premio Nacional de Teatro ou o galardón Palmas Académicas de Francia foron algúns dos recoñecementos que recibiu. As súas críticas cinematográficas en 'La Vanguardia' chamaron a atención da todopoderosa produtora 'Paramount Pictures', que a quixo como asesora literaria nos seus filmes. A súa experiencia no cinema tivo un momento de ouro en 1938, cando colabora no guión de L'Espoir (Serra de Teruel), o filme documental de André Malraux.

Galiza

En Barcelona Morales exerce como representante da Asociación de Escritores Galegos e participa activamente na campaña a prol do Estatuto de Autonomía de Galiza. Non perde contacto coa súa Terra. En 1933, en Galiza, toma parte en actos con Blanco Amor, Otero Pedrayo, Álvaro Cunqueiro ou Risco, entre outros. Rosaliana confesa, afirma que “De todas as galegas ilustres, é por iso a máis grande Rosalía: porque na súa voz salouca a dor de todas estas esquecidas".

A historiadora Josefina Cornejo califica María Luz Rosales de “vehemente feminista, galleguista y republicana”, asegurando que durante a Guerra Civil ocupou responsabilidades na secretaría das Mulleres Galeguistas. No documental 'A gran señora da prensa', Óscar Losada desprázase a Barcelona para recoller opinións e recordos de amigos, compañeiros e estudosos de María Luz Rosales. “Era unha intelectual moi recoñecida en Barcelona”, recoñece un dos intervintes, mentres que unha das participanteas aponta: “Ela estaba moi vencellada, tiña moita relación con xentes do Partido Galeguista”.

En 2014 o Concello da Coruña inauguraba en Labañou unha rúa adicada a María Luz Rosales. O alcalde naquela altura, Carlos Negreira, louvou no discurso de inauguración a obra e traxectoria da coruñesa, e mesmo destacou a militancia de Morales no PG.



x