JUSTO BERAMENDI, HISTORIADOR

“Os Mártires de Carral convertéronse no mito fundacional do galeguismo”

“Os Mártires de Carral convertéronse no mito fundacional do galeguismo”
[Imaxe: Laura R. Cuba] Justo Beramendi
[Imaxe: Laura R. Cuba] Justo Beramendi  

Justo Beramendi (Madrid, 1941), catedrático de Historia Contemporánea e especialista na historia das ideoloxías e dos nacionalismos, estabelece nesta conversa unha aproximación á primeira manifestación do denominado galeguismo político, o provincialismo, que nace entre 1840 e 1846 no seo do Partido Progresista. Faino cando se cumpren 173 anos daquel 26 de abril que deixou a semente dos Mártires de Carral.


6A que responde a revolución galega de 1846 e cal é a súa significación política?

En realidade, é un episodio máis da pugna que había no período isabelino entre moderados e progresistas. Na monarquía de Isabel II había un sistema moi restritivo no que se refire á representación política, pois ficaba moi reducido ás clases altas e non favorecía a alternancia política polos medios parlamentarios. Así, a alternancia tiña lugar mediante pronunciamentos militares. En 1846, co goberno en mans de Narváez -un goberno moi de dereitas- envían a Madrid a Solís, un militar progresista do que non se fiaban. Cando Solís pasa por Lugo, camiño de Madrid, confabula con militares progresistas que había na cidade e pronúncianse contra o goberno. Desde o 2 até o 26 de abril, Galiza estivo dominada polos sublevados. Estes sucesos de abril e, sobre todo, dos Mártires de Carral, convértense no mito fundacional do galeguismo político. Foi este un pronunciamento progresista contra os moderados. Solís, hai que lembrar, nin era galego nin era galeguista.

Que papel desenvolveu entón o provincialismo no pronunciamento de 1846?

Daquela no Partido Progresista había unha tendencia que é a que dá lugar ao nacemento do provincialismo galego, a primeira forma do galeguismo político. Cando se rebela Solís en Lugo, o provincialismo compostelán súmase ao pronunciamento, ao igual que acontece con outras cidades de Galiza. Esa extensión do pronunciamento progresista ao conxunto de Galiza inclúe os primeiros provincialistas galegos: Faraldo, Terrazo, etc. Cando se forma unha Xunta Civil de Goberno de Galiza, revolucionaria, ocupan os postos principais estes provincialistas. Hai, polo tanto, un protagonismo destes primeiros provincialistas bastante considerábel. Isto tradúcese en que os bandos e manifestos contan con elementos programáticos propios do provincialismo.

Cal era a realidade política e organizativa do provincialismo?

A organizativa era nula. Xa non só no primeiro provincialismo, que vai de 1840 a 1846. O segundo provincialismo, o da xeración de Murguía e Rosalía, caracterízase polo feito de que non actúan en política como tales provincialistas. E, polo tanto, a tensión propiamente política organizada do provincialismo é cero. Hai que agardar ao rexionalismo, a partir de 1885, para que nazan as primeiras organizacións políticas do galeguismo. Hai unha elaboración dun discurso que é, a longo prazo, moi importante e que fornece as bases ideolóxicas principais, mais non hai acción política propia.

Que lugar ocupaba a reivindicación da identidade galega e de Galiza para os dirixentes da revolta?

A identidade galega xoga un papel importante no discurso provincialista. Faraldo é o introdutor do historicismo. Tamén Neira de Mosquera e todo o grupo de Santiago sentan as bases do que será o discurso rexionalista e nacionalista posterior, asumindo o celtismo, e en función diso explican que Galiza era unha especie de persoa colectiva cunha historia, unhas orixes raciais, unha cultura e unha lingua propias. Ese é o fundamento duns dereitos colectivos, como país, que se teñen que traducir nunha descentralización do Estado.

Até que punto podemos considerar o provincialismo o inicio do actual movemento nacionalista?

No provincialismo hai elementos que logo serán moi importantes no nacionalismo, como a consideración da historia e da lingua propia como factores fundamentais para definir un pobo esencialmente distinto do que nos rodean. Será Murguía, no rexionalismo, quen o desenvolverá teoricamente, dunha maneira clara.

É evidente a influencia das mulleres e homes da xeración de 1846 na de Rosalía e Murguía. Cales son as diverxencias máis relevantes entre un e outro grupo xeracional?

Eu falaría de diferenzas. A diferenza fundamental é que os primeiros provincialistas están aínda moi dependentes, no resto da súa ideoloxía, dun progresismo español. E a segunda diferenza é que eles conceden máis importancia á historicidade que á etnicidade na fundamentación de Galiza como algo diferente.

O coñecemento social ou a referencialidade política da revolución de 1846, e particularmente dos sucesos de Carral, non se corresponde coa  escasa atención que merece na historiografía galega contemporánea. Que explicación lle dá a iso?

Os feitos de Carral son moi importantes na afirmación do galeguismo como algo distinto, como algo autónomo a respecto das outras correntes políticas españolas xa desde moi cedo. En 1856, Murguía, en La Oliva, de Vigo, xa os reivindica como os pais -de feito, referíase a eles como precursores- e a partir de aí, o monumento aos Mártires de Carral é na etapa rexionalista. Na época das Irmandades da Fala, iso vai apagándose e aparecen outro tipo de referentes. Mais non desaparecen como referentes do nacionalismo. Na historiografía actual, considero que nos estudos que se fixeron sobre a historia do galeguismo político, os sucesos do 1846 están adecuadamente tratados e situados. Están esquecidos a nivel social, porque a xente ten un descoñecemento da súa propia historia moi grande.

[Esta entrevista foi publicada no número 343 do semanario en papel Sermos Galiza, xa é venda na loxa e nos quiosques]