ASASINADAS A MANS DA GARDA CIVIL

As mártires de Nebra, un século do masacre

As mártires de Nebra, un século do masacre

O 12 de outubro é día de reivindicación na Galiza, un día para render homenaxe ás seis vítimas mortais masacradas en Nebra (Porto do Son) pola Garda Civil cando se manifestaban contra un gravame inxusto e abusivo.


Era 12 de outubro de 1916 cando un grupo de veciños e veciñas de Nebra (Porto do Son) erguían a súa voz nun protesto na ponte de Cans para botaren abaixo un imposto que lastraba a súa actividade agraria e que fora ordenado polo alcalde para saldar o déficit nas contas de 1915.

Ese día, uns 300 veciños e veciñas mobilizábanse pacificamente contra o embargo dunha vaca a un veciño polo impago do tributo especial, mais o protesto rematou en masacre. A Garda Civil, de xeito indiscriminado, disparou contra a masa. Resultaron feridas de bala 32 persoas e faleceron Francisca Carou, Ramona Suárez Pouso, Generosa Cadórniga, Rosa Cadórniga Maneira e Antonio Sobrado Luaces. Quen se manifestaba na ponte de Cans facíao sen armas nin trebellos que permitisen unha agresión. Así o demostra o feito de que tan só dous gardas civís presentasen contusións leves.

O protesto na ponte de Cans non era a primeira mostra de rexeitamento do tributo por parte da veciñanza. De feito, a Liga Agraria de Nebra convocara reunións e concentracións en abril de 1916, unhas mobilizacións que tiveron continuidade até o fatídico 12 de outubro. Ao longo deses meses, todas as peticións dos veciños e veciñas foran desatendidas polo Goberno local.

Actos de homenaxe

Para lembrar a revolta agraria exemplar da veciñanza de Nebra, o BNG, xunto con descendentes das vítimas, organiza un acto de reivindicacación "fronte á celebración do chamado Día da Hispanidade, que a formación nacionalista non recoñece". O Bloque apela á recuperación para a memoria da Galiza dun "episodio de loita e resistencia fronte ao centralismo español".

O acto do BNG terá lugar ás 18.30h na ponte de Cans, que acollerá unha ofrenda floral ao pé do monólito de lembranza ás vítimas.

Aliás, veciños e veciñas da parroquia organizaron ás 17h  no local veciñal de Nebra a presentación do libro Os tráxicos sucesos en Cans (Nebra) 1916. Cen anos de lembranza.