TEXTO CRÓNICA

As mártires de Silán


As mártires de Silán

Tres homes e dúas mulleres. Cinco dos últimos fieis que lle quedaban a Xosé Temblás naquela loita á que o PCE e Moscova xa lle puxeran fin. 

Tres homes e dúas mulleres. Cinco dos últimos fieis que lle quedaban a Xosé Temblás naquela loita á que o PCE e Moscova xa lle puxeran fin. Porén o seu futuro estaba escrito, e non conforme as directrices marcadas polo Kremlin, desde que o 2 de Outubro de 1947 as forzas da Garda Civil e da Brigadilla deran caza nos montes de Leborín en Miñotos , a Xosé Porto Lestegás “Herbellas” e Benedicto Escourido Cobo“O Lúa”.

"O Herbellas" pasou a noite gastando a munición que lle quedaba, fronte as forzas represivas mais reservou unha bala coa que quitarse a vida

Xosé Porto e Benedicto Escourido Cobo, feridos por disparos dunha metralladora, permaneceron varias horas agochados no monte até que a “Brigadilla” despregou cans para ver de localizalos e alumeou a zona cos faros do coche de liña de Galera. Separados por uns 100 metros Porto e Escourido enfrontaron de diferente xeito o seu final. O “Herbellas”,veciño de Ourol, panadeiro na localidade de Viveiro, tratante de gando e que subira ao monte tras pasar polo cuartel da cidade do Landro, pasou a noite gastando a munición que lle quedaba fronte as forzas represivas, comendo diversos documentos con información da partida se ben reservou unha ultima bala coa que quitarse a vida após lanzar unha granada.

 O “Lúa”, carpinteiro de profesión e baixista da orquestra de Miñotos, foi detido ao pouco do suicidio do “Hervellas”e atado a unha escaleira para desprazalo, obrigárono mediante tortura a que descubrira a cova que había na estrada entre Silán (Ourol)e o Viveiró(Muras) e que actuaba como deposito de armas dos fuxidos. Non atoparon na mesma armamento pero si información e varias fotos, entre elas as de Celia González “Celia da Ferrería” e da súa propia nai Xosefa Escourido “Xosefa da Lúa”. Benedicto Escourido, xa moi mal ferido, foi asasinado con dous tiros no Salón do Carme de Abaixo (Ourol) onde a Garda Civil parara a xantar. Tiña 20 anos e só levaba un no monte.

Xosefa da Lúa e Celia da Ferrería colaboraban coa guerrilla desde anos atrás mais a morte do Herbellas e Benedicto Escourido precipitou a súa subida ao monte

A morte destes, precipitou a subida ao monte de Xosefa Escourido Cobo “Xosefa da Lúa” e Celia González  Pernas “Celia da Ferrería” que xa viñan colaborando coa guerrilla desde anos atrás. “Xosefa da Lúa”, natural de Atián de Abaixo en Miñotos Ourol, nacida en 1918 traballaba como xornaleira e compartía facer na casa cos seus irmáns, un deles remataría na Garda Civil, e o coidado do seu fillo natural así como dun outro irmán que padecía unha discapacidade psíquica. Tras o asasinato do seu fillo a Garda Civil presentouse na súa casa co fin de trasladala ao cuartel da “Brigadilla” en Viveiro para que declarala mentres agardaban porque se cambiara de roupa fuxiu. O 21 Xuño de 1948 morrería calcinada en Forcón- Pena Grande de Silán após ser rodeada a cabana onde se refuxiaba polas forzas da represión. Aquel día a “Brigadilla” utilizara granadas incendiarias e gasolina para facerlles saír do seu refuxio.

Celia González  Pernas “Celia da Ferrería” foi asasinada con 31 anos aquel mesmo 21 de Xuño de 1948. Situada fora da cabana cando se iniciou o cerco, caeu morta no primeiro intercambio de disparos. Non levaba nin un ano no monte e estaba embarazada de oito meses, ao dicir dos veciños, do que era o seu compañeiro e mozo de vello, Xosé Temblas. Canda elas  perderon a vida Xoán Gallego Abeledo “O Comandante”, Xoán Pérez do Pico “Xoán Xenaro” e Xosé Pedreira de la Iglesia “O Queimarán”, antigo dirixente do sindicato de panadeiros da CNT da Coruña que morrería tamén calcinado como “A Lúa” 



x