O martirio de Fernández Casas

O martirio de Fernández Casas
Fernández Casas
Fernández Casas  

Asasinárono o 20 de agosto de 1936 nunha gabia de Trasanquelos, en Cesuras, un piquete de gardas civís e falanxistas. Deixaba muller e un fillo, Progreso, e unha vida enteira de entrega a Galiza. Mestre, xornalista, escritor, masón, sindicalista e nacionalista de primeira hora, exemplifica unha xeración de galegos a templo completo fanada polo fascismo.


Era fillo da emigración e da miseria. Nado na Arxentina á volta de 1901, Rafael Fernández Casas non tardou en regresar a Galiza cos seus dous irmáns e coa nai, que diante da imposibilidade de garantir a subsistencia dos nenos decidiu ingresalos no hospicio de Compostela, onde finalmente se criarán. Cursou estudos de maxisterio en Compostela e exercería de mestre en Palas de Rei, en Santo Adrao de Veiga e Devesos, en Ortigueira, e a partir de 1934 en Carnoedo, Sada.

Ensino galego

Ensinante comprometido coa galeguización do ensino, a renovación pedagóxica, a implicación da escola na sociedade e o laicismo, foi mesmo xulgado en plena ditadura de Primo de Rivera cando daba aulas na escola laica de Devesos por tentar convertela nun centro sociocultural, correndo a súa defensa a cargo de Casares Quiroga. Desde mediados dos anos vinte a súa lingua na aula foi o galego, se ben, como el mesmo testemuñou en prensa, esta decisión estivo chea de conflitos pola oposición ao seu uso por parte das sociedades de emigrantes que mantiñan os centros onde traballou en Ortigueira, ao considerar o noso idioma como un impedimento para o futuro laboral dos nenos e das nenas.

Foron moitas as innovacións pedagóxicas que puxo en marcha nos seus diferentes destinos, destacando, a xeito exemplo, o intercambio de correspondencia escolar con outros centros, case nas mesmas datas en que o pedagogo francés Celestin Freinet popularizou a práctica.

Significouse desde moi novo como escritor e xornalista, deixándonos unha importante obra, maioritariamente en galego. Colaborou en medios tan diversos como El Pueblo Gallego, Heraldo Guardés, El Compostelano, El Tea, La Libertad, La Democracia, La Voz de la Verdad, La Provincia, La Voz de Ortigueira, A Nosa Terra ou Nós. A temática dos seus artigos en prensa cobre un abano moi amplo. Porén volve de xeito reiterado sobre unha serie de cuestións, como a situación da lingua e os estudos filolóxicos, a promoción da cultura galega, a educación como ferramenta para a transformación da sociedade, a etnografía e o laicismo.

Autor de dous romances, o segundo deles titulado Lembranzas dun neno perdeuse, ao atoparse probabelmente entre a documentación queimada da súa biblioteca apos 1936, chegando até nos outra deles, Loita, unha traxedia ambientada na Galiza rural, concretamente na parroquia de Veiga, en Ortigueira, lugar de residencia do autor, onde a crónica dun desgraciado triangulo amoroso é a coartada para denunciar a españolización, os convencionalismos e o caciquismo da época.

Chegada ao nacionalismo

Chegou ao nacionalismo da man do poeta Vitoriano Taibo, aquel que se declaraba arredista no Vigo dos anos cincuenta e sesenta cando ninguén quería saber do significado do termo. Segundo escribiu o propio Fernández Casas, “en outubro de 1923 coñecín Vitoriano Taibo e mentres durou a conversa el falou en galego; eu en castelán, dándome conta axiña que o poeta pertencía á falanxe dos bos e xenerosos; dos galegos integrais”.

Aquí arranca unha práctica política a proba de lume que o levará a formar farte da Irmandades da Fala da Coruña a partir 1924, a asinar o manifesto da Esquerda Galeguista, formación co-fundadora do Partido Galeguista, a militar nesta organización na súa fundación, integrado nos grupos de Ferrol, Ortigueira e Sada, a ocupar diversas responsabilidades directivas na da Federación de Traballadores de Ensino da UXT, a presidir o Ateneo de Cultura Política e Social de Sada e a formar en diversas loxas masónicas de Ferrol e Compostela até chegar a Venerable Mestre da Loxa Agarimo nº 78 da Coruña.