O martirio de Paquiño do Figueiró

O martirio de Paquiño do Figueiró
Paquiño do Figueiró.
Paquiño do Figueiró.  

Chamábase Francisco Rodríguez Otero pero na memoria das xentes de ben do Baixo Miño ficou para sempre como Paquiño do Figueiró. A súa figura é o elo que une todas as loitas sociais e políticas que levaron adiante as xentes de Tomiño nas primeiras décadas do século XX. E ai sigue, esquecido, coa toda a memoria rebelde da Galiza insubmisa baleada polos fascismo en 1936.

A súa incorporación a loita social e política remontase ás xornadas das grandes protestas contra os foros no sur de Pontevedra que precederon á masacre de Sobredo e que continuaron na batalla electoral contra o caciquismo cuneiro  da restauración. A súa voz xa sentiu coma un lostrego, canda Manuel Portela Valladares e Lois Peña Novo, no mitin celebrado no “Campo do Alivio” da vila de Tomiño en 1922 para denunciar as mortes dos labregos e a represión que sufría o agrarismo. Continuou en 1923,  xunto a outros agrarios do  Baixo Miño promovendo a candidatura de Manuel Portela Valladares fronte ao deputado cuneiro que levaba 25 anos no cargo Mariano Órdoñez, que rematará cunha vitoria do primeiro no Concello de Tomiño e cunha derrota no conxunto da circunscrición como resultado dos manexos caciquís. E continuou nos días republicanos, na organización da Federación Agraria de Tomiño, da Federación Agraria comarcal de Tui e do Partido Galeguista.

A súa figura é chave para explicar o movemento agrarista nas terras do Baixo Miño. A presenza continuada na dirección da Federación Agraria de Tomiño que remataría por actuar como unha sección local do Partido Galeguista, a secretaría da Federación Agraria comarcal de Tui con máis de 4000 afiliados no período republicano e os traballos directivos na Federación Provincial de Pontevedra que levou a Antón Alonso Ríos ás cortes republicanas e propuxo o seu nome para a vicepresidencia da Deputación de Pontevedra. Pero tamén, o traballo de axitación en asembleas e mitins, a representación municipal na corporación de Tomiño e a pluma ao servizo das reivindicacións labregas nas páxinas El Pueblo Gallego, do que foi correspondente en Tomiño, Heraldo Guardés, Nuevo Heraldo da Guarda, El Agro de Tomiño, dirixido polo nacionalista Daniel Calzado Poceiro ou Agro del Miño, ligado á Federación Agraria de Tomiño onde exerceu como director.

O seu nome é decisivo na organización do nacionalismo na zona. Á volta de xaneiro de 1931 impulsa a constitución do “Comité Autonomista de Tomiño” que levará a Daniel Calzado Poceiro á alcaldía nas eleccións do catorce  de abril de 1931, participa na campaña ás cortes constituíntes, até o punto de converterse os candidatos nacionalistas  Daniel Castelao e Valentín Paz Andrade os máis votados na localidade tras Basilio Álvarez, e acoden a Pontevedra en decembro de 1936 para fundar o Partido Galeguista, no que se integrará o “Comité Autonomista de Tomiño”. A súa  participación nos días e nas loitas do nacionalismo acadará particular relevo nas xornadas que antecederon ao referendo do estatuto de xuño de 1936, coordinando o comité pro estatuto en Tomiño, facendo parte do comité de campaña no Baixo Miño e acudindo como secretario do Partido Galeguista á asemblea de Santiago de Compostela onde se acordou a data do plebiscito.

O catro de outubro de 1936 foi asasinado canda cinco compañeiros en Mondaríz. O seu corpo acabou ao lado do mestre de Forcadela Hipólito Gallego Camarero, do concelleiro nacionalista de Tomiño Manuel Piñeiro Zúñigo e dos obreiros de Tui Fernando Rubio Estevez, Domingo Páramos Núñez e Manuel Pérez Besada, camaradas na loita e irmáns no martirio. A noite anterior foron sacados do cárcere de Tui por unha escuadra de fascistas dirixida por Xosé María Salgado Méndez Núñez e Miguel Sáez Mon e da que facían parte, segundo Xosefina García Segret, viúva de  Hipólito Gallego Camarero, “Francisco Pino, Alvarez Aldir, Manuel de Santiago, Gumersindo Alonso “O Rubio”, Tomé e Bugarin”.