MEMORIA

O masacre do proletariado coruñés de maio de 1901

O masacre do proletariado coruñés de maio de 1901

O 30 e 31 de maio de 1901 a Garda Civil abría fogo nas rúas da Coruña contra as persoas que participaban nunha xornada de folga xeral. Ao longo dos dous días foron asasinados en diversos puntos da cidade sete homes e mulleres e pasaron pola cadea máis de 150. Os sucesos do maio sanguento de 1901 exemplifican o camiño das maiorías sociais para conquistar os seus dereitos. Eis un extracto da información publicada ao respecto no número 348 do semanario en papel Sermos Galiza.


1A situación social que se vivía na Coruña nos primeiros meses de 1901 era explosiva. A carestía da vida, a suba do prezo dos artigos de primeira necesidade ou o encarecemento dos alimentos provocados polo imposto de consumos non pasaban desapercibidos para ninguén. O primeiro de maio de 1901, os representantes das organizacións operarias volven denunciar o prezo das subsistencias, en coherencia coas demandas que lle viñan facendo chegar ao Concello da Coruña en defensa dunha fiscalidade progresiva que rematase co imposto de consumos, negándose máis unha vez o goberno local de maioría republicana.

Na mesma liña, un dos representantes máis senlleiros da oligarquía local, o deputado liberal e propietario de La Voz de Galicia Xoán Fernández Latorre, non dubidaba en sinalar no Congreso ese ano que “as clases obreiras da Coruña veñen, por outra banda, soportando unha crise fonda”, afirmando que “todo o que se precisa para a existencia aumentou de prezo considerabelmente, e só permanecen estábeis e mesmo diminuíndo os xornais”.

As loitas obreiras fervían na Coruña neses momentos iniciais do século XX. A conflitividade laboral non paraba de medrar no inverno e na primavera de 1901, significándose polo seu éxito as protestas levadas adiante polos ferreiros e os panadeiros, atopándose en folga a volta de maio misteiras, pintores, fideeiros, electricistas da cooperativa eléctrica, peóns e albaneis e algúns empregados da imprenta Roel. Ao tempo, as organizacións obreiras, hexemonizadas polo anarquismo, non deixan de medrar en influencia e penetración, producíndose nese período a constitución dos sindicatos de descargadores do peirao, pescadores de traíñas ou xastres, ou a incorporación a algunha das estruturas existentes de novos colectivos de traballadores.

Neste contexto, arredor de noventa empregados da empresa arrendataria dos impostos de consumos deciden adherirse á sociedade de Oficios varios, presidida polo catalán Carlos Planas, alias Planuch, e co destacado anarquista coruñés Xoán Xosé Cebrián na secretaría.

Un día chave

O 27 de marzo de 1901 decláranse en folga os consumeiros municipais ante a negativa da empresa a asumir as súas reivindicacións. As propostas dos folguistas concretábanse nun real de aumento de xornal, construción de garitas adecuadas nos puntos de servizo, non ter que facer servizo dobre de seis a doce da mañá en días alternos despois da rolda nocturna ou cobrar por iso medio xornal. Un día despois, a empresa, após unha mediación do concello, asume parte das demandas, entre elas a liberdade dos vinte folguistas detidos, o aumento dun real, a liberdade de elección de médico e medicinas ou a esixencia dunha xustificación razoada en caso de despedimento dun empregado.

O triunfo da protesta dos consumeiros coruñeses actúa como un elemento mobilizador nos seus compañeiros doutras localidades galegas, conseguindo os seus obxectivos tras unha folga no mes de maio en Ferrol e sendo derrotados en Vigo após o despedimento dos organizadores da sociedade de resistencia.

[Podes ler a peza íntegra no número 348 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]