A DEPUTACIÓN DA CORUÑA RESCATA NUN LIBRO OS 334 EDÍS REPRESALIADOS

Memoria da Xeración Perdida do 36

Memoria da Xeración Perdida do 36
Asistentes á presentación de 'Xeración perdida' a sexta feira, 21 de setembro, na Deputación da Coruña. Foto: Deputación da Coruña.
Asistentes á presentación de 'Xeración perdida' a sexta feira, 21 de setembro, na Deputación da Coruña. Foto: Deputación da Coruña.  

Entre a proclamación da II República e o golpe de Estado de 1936, pasaron 2.467 concelleiros polas corporacións municipais da provincia da Coruña. Unha vez o fascismo tomou o control de Galiza, 334 sufriron a represión. Oitenta e oito foron asasinados. A Deputación da Coruña presentou esta sexta feira o libro que rescata a memoria desta “xeración perdida” para a democracia.


Coordinado polo profesor Emilio Grandío, Xeración perdida. Coruña 1936 subtítulase Representatividade institucional e represión. “O obxectivo deste libro é desvendar a represión que padeceron as persoas que participaron nas últimas corporacións democráticas dos concellos coruñeses na Iin República”, afirma na introdución.

xeración perdida coruña 36

Para cumprir co encargo do actual goberno da Deputación -presidido por Valentín González Formoso (PSdeG) e vicepresidido por Goretti Sanmartín (BNG), Grandío convocou catro investigadoras adscritas ao grupo de investigación Hispona da Universidade de Santiago de Compostela. El mesmo asina o capítulo Poder local e II República ata as eleccións de 1936. Manuel Pérez Lorenzo escribe Un novo escenario: os concellos da Fronte Popular. Das Corporacións republicanas na resistencia ao golpe militar ocúpase Eliseo Fernández. E Alfonso Iglesias e Rosalía Regueiro, dos Números da represión.

“A circunscrición da Coruña non era unha provincia calquera”, lembra Emilio Grandío, “o seu simbolismo político era rotundo para os protagonistas daqueles anos. O núcleo de onde sairía a estruturación dunha Galiza republicana”. Na década de 30, o movemento obreiro organizado -sobre todo no anarcosindicalismo- do triángulo A Coruña, Ferrol, Betanzos era fundamental. O casarismo -“representación do reformismo republicano”- tiña un nodo central na cidade natal do coruñés Santiago Casares Quiroga. “Non era unha provincia calquera”, insiste Grandío.

A subversión fascista sabíao. Tampouco a represión foi calquera. Daqueles 334 persoas represaliadas -mortos, encarcerados, exiliados, fuxidos, sancionados e procesados-, 266 pertencían á Fronte Popular, a coalición de partidos republicanos e de esquerda que gobernaba en 1936 e na que se integrou o Partido Galeguista. “A sublevación ten difícil unidade de acción, mais se ten algunha é botar abaixo o rumbo que está levando a administración republicana, neste intre baixo o Goberno da Fronte Popular”, explican Iglesias e Regueiro, autores do capítulo Os números da represión.

A base de datos que sustentan as investigacións de Xeración perdida. Coruña 36 -e o libro inclúe en estado puro como anexos- proceden de diversas fontes. Enuméraas Grandío na Introdución: bibliografía, achegas de historiadores locais, materiais hemerográficos e arquivos. “O descubrimento do pasado nunca é pechado, sempre é un proceso en construción”, conclúe, antes de facer un chamado “á cidadanía” para que contribúa “con información que reteña”.

Homenaxe en 2016

A orixe da obra remóntase ao 28 de xullo de 2016. Ese día -así o recorda Goretti Sanmartín no Saúda do traballo- a Deputación da Coruña “rendía unha merecida homenaxe ás corporacións democráticas represaliadas despois do golpe militar de 1936”. Unha listaxe de alcaldes asasinados mentres estaban no cargo, 15, serviu de base ao traballo.

Ese día de 2016, José López Bouza e Ánxel Casal -presidente e vicepresidente da Deputación en 1936- volveron presidir o salón de plenos da corporación provincial. Ambos os dous foran asasinados antes de rematar aquel ano. “Con este amplo traballo de investigación histórica bótase luz sobre un dos episodios máis tristes e escuros do noso pasado recente”, considera Valentín González Formoso.

Nota: cuberta de Xeración perdida. Coruña 36.