UNHA WEB DISPOÑIBILIZA MATERIAIS SOBRE O ANARQUISTA VIGUÉS

Memoria (dixital) de Ricardo Mella

Memoria (dixital) de Ricardo Mella
A directiva de La Artística. Sentada, a segunda pola esquerda, Alicia Mella. Foto: cedida.
A directiva de La Artística. Sentada, a segunda pola esquerda, Alicia Mella. Foto: cedida.  

A súa figura hoxe esvaecida contrasta coa envergadura da súa vida e obra dacabalo dos séculos XIX e XX. Pensador anarquista e emprendedor a prol da clase obreira, xornalista de idea e combate e organizador das forzas do traballo, Ricardo Mella morreu en 1925 na súa cidade natal, Vigo. A Guerra Civil acabou de eliminar a súa memoria. A esta situación arreponse a web www.ricardomellacea.info.
 


A investigadora independente Iria Presa atópase detrás da iniciativa. “A principal misión da páxina é divulgar a vida e a obra de Mella dende a fonte primaria, istó é”, explica a Sermos Galiza, “poñendo en libre descarga docimentación relativa a Mella que permita visibilizar a inmensidade da súa obra e da súa faceta de organizador, axitador e revolucionario”.

Nado en 1861, Ricardo Mella iniciouse á politica como agudo polemista en publicacións e xornais. Nunca abadonará esta dimensión propagandista. De El Estudiante pontevedrés, en que publica un dos seus primeiros textos en protesta polo orzamento dedicado a verdugos, a Acción Libertaria, é a prensa o depósito principal das teses de Mella. A web de Presa recólleas nunha importante hemeroteca, aínda en construción.

Ricardo_Mella

Acción Libertaria, elaborada entre Xixón e Vigo, permite, segundo a investigadora, detectar as “impresionantes conexións” coas que traballaba Mella. “Mantiñan relacións cos obreiros galegos da construción do Canal de Panamá; ou tiñan correspondencia con Exipto”, di. A revista non figura, de momento, no arquivo dixital. Si o fan materiais de La Verdad, La Propaganda, La Mano Negra, Diario de Vigo ou Bandera Social.

Mais o papel non foi o único soporte para Mella. Nin a única función que cumpriu nunha cidade como Vigo. Iria Presa explica o seu empeño na construción do primeiro transporte público, o tranvía. “Axudou a elaborar o invisíbel tecido obreiro da cidade”, di, “o tranvía tivo unha enorme importancia. Os obreiros podían baixar de Cabral e outros lugares á cidade. Foi un cerebro técnico”.

Amais do repositorio de prensa (Hemerografía), a páxina web conta con seccións de Bibliografía, Íntima (que inclúe actas e correspondencia) ou Wanted (en que se pide axuda para localizar publicacións e documentos). “Mella foi a voz do pobo e o pobo ten a súa voz en Mella e nos seus xornais”, explica o Comando RM baixo o que se agrupan as persoas que dotan de contidos www.ricardomellacea.info.

Descoñecemento


Considerado usualmente o “pai do anarquismo” no Estado español, a memoria de Ricardo Mella pasa, porén, sen pena nin gloria entre os seus compatriotas. Así o considera Presa, quen, como proba, aduce as súas conversas con alumnos do instituto que leva o seu nome. “Case nunca saben quen era, pensan nun galeguista ou así. Porén, a súa obra ten total perennidade e a súa denuncia segue vixente”, sinala.

thumbnail_Sor Presa co vestido de Urania, Raul Solleiro Mella e retrato de Nicanor Pardo 2

A difuminación da figura de Mella -autor de obras como Lombroso y los anarquistas ou Ideario- débese, aos seu ver, á Guerra Civil. “A familia non se atreveu a recuperalo por medo”, di, “os seus fillos enxiliáronse, o home da súa filla Urania foi fusilado e contra ela empregaron folletos do pai. A familia quedou rota”.

www.ricardomellacea.info nace coa vocación de reverter eses silencios. E, no horizonte, un soño para Iria Presa: a publicación en papel das obras completas de Mella. “A guerra paralizou ese proxecto e só existen dous volumes, o Ideario (1932) e Ensayos y Conferencias (1934). O estudo da súa pericia vital e a compilación da súa obra continúa pendente”.

Nota: arriba, imaxe de Ricardo Mella. Abaixo, a investigadora Iria Presa (cun vestido propiedade de Urania Mella) e o fillo de Urania, Raul Solleiro Mella. Á súa dereita, un retrato de Ricardo.