'LÁGRIMAS EN SILENCIO' RECOLLE A VIDA DE CÁNDIDO LÓPEZ

Memorias do último criado

Memorias do último criado
Imaxe do Hostal dos Reis Católicos a comezos do século XX. Daquela era aínda un hospital. Foto: blog Los Hitos del Camino.
Imaxe do Hostal dos Reis Católicos a comezos do século XX. Daquela era aínda un hospital. Foto: blog Los Hitos del Camino.  

1953, lugar de Pardaces, parroquia da Peregrina, concello de Santiago de Compostela. Cándido López Lorenzo ten seis anos. “Un día estando aí só apareceu un irmán e levoume con el para unha aldea que se chama Pardaces. Eu choraba, pero iso non me servía de nada. Era para axudarlle a facer o que me mandaran, axudarlle coas vacas, coller cousas para un lado e levalas para outro. Aí comezou un gran calvario para min”.
 


Relátao o propio López Lorenzo nun libro testemuñal e estremecedor: Lágrimas en silencio. A vida de criadiño de Cándido López Lorenzo contada por si mesmo (1953-1962) (Editorial Toxosoutos, 2018). “O que xa non estou moi seguro, ou non sei o porqué, é como poden pasar estas cousas. Por que existen estes destinos?”, di no cabo do volume, “Deus non se equivoca, só penso que a consecuencia de todo isto é que cando nacín, nacín cunha sombra que non é a miña”.

 

Nacer nacera en Agar, Trasufre, en Muxía. O máis novo de cinco irmáns, o seu pai emigrou para a Arxentina. A nai colleu a prole e enfilou cara a Compostela. O segundo capítulo de Lágrimas en silencio -como o resto da obra, recollida e transcrita por Clodio González Pérez a partir das conversas con Cándido López- narra o Santiago do ventre do silencio. Faino do punto de vista do estrato máis inferior do corpo social: os seus encontros coas Marías, o Hostal dos Reis Católicos que daquela era un hospital -onde ingresou con tifo-, as persoas das aldeas que baixaban vender á cidade.

 

O protagonista desta memoria do tempo do sapo tamén pasou por un hospicio. Os detalles eslúense. “Non podo saber que idade tiña, pero facendo cálculos por un momento ou por outro, como máximo, tería catro anos, non máis. Non sei canto tempo estaría aí”. Despois exerceu como esmolante. “Mandáronme meus irmáns, polo menos os maiores. Dicíanme que lle pedira á xente e eu pedíalle”.

lágrimas en silencio

O pai enviaba cada mes 1.500 pesetas desde Bos Aires. E, porén, a familia vivía na miseria. Sen calzado. Mal alimentada. Mal vestida. A nai pasaba as tardes en Santiago, no Pombal, onde exercía a prostitución. “A conclusión á que cheguei era que aquel home que a acompañaba, que viña gritando e dicía que a ía matar, era o seu chulo e seguramente foi quen a meteu na prostitución e os cartos que mandaba meu pai seguramente llos entregaba a el”, conta. Contra 1954, o proxenitor deixou de remitir divisas.

 

Sería frivolizar refirerse ao xeito dickensiano que preside este reconto de vida. Porque, ademais, non é resultado da imaxinación. Velaquí un espello do que foi, do que era, a mediados do século XX, este país. O amolecemento do pasado colectivo ao que procedeu o réxime autonómico, unido a certo descoñecemento, parecen remitir os sucedidos de Lágrimas en silencio á ficción. E non. Isto aconteceu.

 

“A publicación converte a Cándido de agora en adiante no paradigma da explotación infantil na última época da existencia dos nosos criadiños”, expón na introdución Clodio González, “pero non se trata dun caso excepcional, pois non foi o único nin quizais tampouco o último”. A través dos padróns municipais, González conclúe que, despois da Guerra Civil, había en Compostela -aínda non anexionara o Concello da Enfesta- 1.183 criados: 1.147 mulleres e 36 homes. Cento setenta e cinco e 16, respectivamente, menores de idade.

 

Esta división por xénero debíase, xustamente, ao 36. “Moitos mozos morreran na guerra, quedaran inválidos ou aínda estaban no servizo militar”, explica. Non foi o caso de Cándido López Lorenzo. Despois de pobre de pedir, residiu coa familia nunha casa do Castiñeiriño -“era toda de terra, por fóra o camiño era de terra e a casa dentro tamén”- e, con seis anos, marchou para Pardaces. Como criado. Pasaría por unha ducia de casas en diferentes parroquias de Compostela e contorna.

 

Lágrimas en silencio foi rexistrado en 2016, 53 anos despois de que López Lorenzo abandonase a súa condición de escravo infantil e fora traballar, analfabeto e sen vínculo familiar, a Asturias. “Eu nunca pisei unha escola. Non sabía nada de nada, nin sequera fixera a primeira comuñón”. Foi daquela, na Coruña onde ía apañar o tren, que viu o mar por primeira vez.

 

Nota: cuberta de Lágrimas en silencio



x