SÁBADO 23 DE XUÑO

Mondoñedo, Lourenzá e Ribadeo apoian a homenaxe ao Gardarríos e a Antonia Díaz

Mondoñedo, Lourenzá e Ribadeo apoian a homenaxe ao Gardarríos e a Antonia Díaz
O Gardarríos, na primeira fileira da imaxe á esquerda. Foto: cedida.
O Gardarríos, na primeira fileira da imaxe á esquerda. Foto: cedida.  

A homenaxe aos resistentes antifascistas Antonia Díaz e Luís Trigo, O Gardarríos, que se celebrará o vindeiro 23 de xuño entre Mondoñedo e Lourenzá, conta co inusual apoio unánime das corporacións municipais das dúas localidades e mais da de Ribadeo.
 


O programa de actos, organizado por unha comisión popular organizada a tal efecto, iniciarase ás 12 da mañá no auditorio municipal de Mondoñedo. Será unha mesa redonda en que participarán o cronista oficial de Mondoñedo Antonio Reigosa, a investigadora Odette Martínez, o activista e estudoso Xosé Ramón Ermida, o historiador Bernardo Máiz, o especialista na guerrilla na Mariña Carlos Nuevo e un dos últimos guerrilleiros galegos antifranquista vivos, Francisco Martínez, Quico.

A ditadura fascista asasinou Antonia Díaz e mais o Gardarríos o 25 de xuño de 1948. Segundo un dos organizadores da homenaxe, Xosé Luís Fernández Rivera, “o obxectivo da xornada é facer xustiza con todas aquelas persoas que coa súa loita en condicións moi difíciles fixeron posíbel avanzar cara unha sociedade democrática e deixar testemuño do seu exemplo e do seu compromiso”.

Ás cinco e media da tarde, no cemiterio de Lourenzá -onde foron enterradas as dúas vítimas- erguerase un monolito. Falarán Fernández Rivera, Quico e a neta do Gardarríos, Fernanda Cedrón. O monumento está financiado cunha subscrición popular.

Un recital poético musical no mesmo lugar porá o ramo. Nel lerán as escritoras María Xosé Lamas, María Xosé Fernández, Iolanda Aldrei, Esperanza Pérez, Lois Diéguez, Baldomero Iglesias, David Otero, Xosé Abella, Xaime Oroza, Toño Núñez, Luciano de Mondafal ou Lino Rico.



x