PARTICIPARÁN TODOS OS GRUPOS POLÍTICOS MUNICIPAIS

Un monólito lembrará en Mondoñedo as vítimas do franquismo

Un monólito lembrará en Mondoñedo as vítimas do franquismo

Hai 80 anos, os sublevados contra o lexítimo Goberno da II República -en concreto, un piquete de falanxistas e gardas civís- asasinaban os en Mondoñedo Siervo González Rivas, Graciano Paz Amieiro e Manuel Rodríguez Núñez. Unha iniciativa veciñal inaugurará o vindeiro 12 de xaneiro un monólito na súa lembranza e “de todas as vítimas do franquismo”.
 


Representantes dos tres partidos políticos con asento na corporación municipal -PP, PSdeG e BNG- sumaranse aos actos para, indican os organizadores, “facer xustiza con estes veciños asasinados e a todas as persoas que sufriron a represión por seren demócratas e persoas de ben”. En Mondoñedo mataron oito veciños e outras oito persoas de Ribadeo, A Pastoriza e Viveiro.

Para renderlles homenaxes, o 12 de xaneiro comezará a mediodía cun acto ao carón do cemiterio vello, onde foron asasinados González Rivas, Paz Amieiro e Rodríguez Núñez. Alí falará o cronista oficial da vila Antonio Reigosa; o neto de Siervo González, Pedro González; o de Graciano Paz, Graciano Pardo, e mais o sobriño neto de Manuel Rodríguez, Xusto Lage. Tamén intervirán membros dos partidos políticos.

Cartaz anunciador

A continuación, descubrirase o monólito, sufragado polo Concello de Mondoñedo, que “perpetuará a lembranza dos sucesos”. Os tres sindicalistas -militantes da Sociedade de Obreiros Católicos, da CNT e da Unión Socialista Galega- foron asasinados o 11 de xaneiro de 1938 no lugar da Rocha, ao carón da Travesía dos Remedios.

Un mesa redonda cos familiares dos represaliados na Casa da Xuventude, antiga sede da Sociedade de Obreiros Católicos, ás 13.15 horas, reflexionará “sobre a personalidade e a traxectoria vital dos homenaxeados”. Un “xantar de convivio” ao que cómpre anotarse ([email protected] / 683148757) porá o ramo á xornada.