Morre no exilio francés a guerrilleira de Soulecín Chelo Rodríguez

Morre no exilio francés a guerrilleira de Soulecín Chelo Rodríguez
Chelo Rodríguez, canda a súa irmá Antonia e Consuelo Rios.
Chelo Rodríguez, canda a súa irmá Antonia e Consuelo Rios.  

Consuelo Rodríguez “Chelo” finou na noite desta cuarta feira a piques de cumprir os cen anos na súa casa de Ile de Ré en Franza, onde residía desde a súa fuxida ao exilio á volta de 1949. Segundo informou a Sermos Galiza o seu compañeiro de loita, o guerrilleiro do Bierzo Francisco Martínez “Quico” trátase "dunha grande perda para todos cantos loitaron pola democracia”.


Consuelo Rodríguez López naceu en Soulecín,parroquia de Santigoso, concello do Barco  o 18 de outubro de 1919 no seo dunha familia numerosa e de convicións progresistas. A posición política dos seus e a persecución ao que foron sometidos os demócratas polo fascismo remataron por marcar a traxectoria vital dunha muller cuxo nome ocupa un lugar chave na loita guerrilleira na Galiza.

A decisión do seu irmán Roxelio, mobilizado polo exército franquista, de pasarse ao exército popular abriu a veda á persecución contra unha familia de significación democrática, provocando o fusilamento dos seus pais Domingo Rodríguez e Amalia López ante a negativa de entregar o fillo que estaba agochado en Soulecín desde a caída da fronte norte en outubro de 1937.

O compromiso antifranquista  de Consuelo Rodríguez arrancaría en 1939, momento no que comezou a colaborar como enlace coa guerrilla, sendo detido en diversas ocasión e pasando por diferentes establecementos penitenciarios da Galiza 

A persecución contra a familia continuaría tras a morte dos pais. Roxelio, incorporado á resistencia armada ao franquismo, será detido polas forzas de seguridade portuguesas en Vilanova de Gaia, sendo entregado ás autoridades españolas que o fusilarán o 2 de outubro de 1941 canda os seus compañeiros Constantino Santos e Xerardo Núñez. Un outro irmán, Sebastián, fixo parte da agrupación guerrilleira liderada por Mario Rodríguez Losada “Mario de Langullo”, e morreu nun enfrontamento armado coas forzas da orde en Borruda, Manzaneda, o 30 de outubro de 1945.

Os outros dous irmáns varóns de Chelo morrerían tamén en enfrontamentos armados coas forzas franquistas. Domingo caeu abatido perto da súa casa natal en Soulecín o 18 de decembro de 1946 e Afonso, membro do Destacamento Santiago Carrillo, finaría o 24 de febreiro de 1949 na Veiga de Espiñareda, canda Eduviges Orozco, tras ser baleado pola Guarda Civil. A práctica totalidade dos Rodríguez López, agás un irmán chamado Francisco, participarían da oposición armada ao franquismo, sinalándose entre elas a súa irmá Antonia, compañeira co tempo do líder da Federación de Guerrillas da Galiza e León Cesar Ríos e que remataría abandonando a Península camiño do exilio nun barco fretado pola dirección do PSOE no exilio en 1948 para retirar do Estado a un grupo de guerrilleiros antifranquistas.

O compromiso antifranquista  de Consuelo Rodríguez arrancaría en 1939, momento no que comezou a colaborar como enlace coa guerrilla, sendo detida en diversas ocasión e pasando por diferentes establecementos penitenciarios de Galiza e do Bierzo. A consecuencia dos rigores represivos veuse obrigada, como tantos outros enlaces, a pasar á clandestinidade, residindo na Cidade sa Selva [Montes de Casaio] e participando dos grandes fitos dos anos finais da Federación de guerrillas de Galiza e León.

A vida de Chelo foi obxecto de diversos traballos de investigación e mesmo de filmes, como o dirixido por Odette Martínez, significándose en palabras do seu amigo e camarada Francisco Martínez “Quico”, como unha das auténticas imprescindíbeis.