O motín de Mugares de 1896: a xustiza pola man

O motín de Mugares de 1896: a xustiza pola man
O motín, de Honore Daumier, pintado entre 1852b e 1858.
O motín, de Honore Daumier, pintado entre 1852b e 1858.  

O 29 de setembro de 1896 Mugares ergueuse contra a tentativa por parte da autoridade xudicial de facer efectivos varios embargos á veciñanza, resultando morto o alguacil de tributos Ildefonso Aydillo Santolalla. O conflito enmarcase na vaga de protestas que percorre ás comarcas galegas que se dedicaban á actividade vitivinícola en réxime de monocultivo, afectadas naquela altura pola filoxera. A acción dos activistas republicanos e socialistas, nunha situación social e economicamente explosiva, botara o resto.
 


É un exemplo significado da conflitividade social que afectou ás comarcas produtoras de viño na Galiza das década finais do século XIX. A revolta de Mugares [no actual Concello de Toén] enmarcase na vaga de protestas asociada á extensión da filoxera no noso país, que veu agravar aínda máis a situación económica daquelas zonas que se dedicaban a actividade vitivinícola en réxime de monocultivo. A filoxera é un insecto de orixe norteamericano que provoca a morte da vide europea ao atacar as raíces, situándose a súa chegada a Galiza á volta de 1882, penetrando primeiramente pola área de Monterrei, seguindo a mediados da década á zona da Ribeira Sacra, O Ribeiro e Valdeorras, chegando máis tarde á comarca d´As Mariñas. As consecuencias desta pandemia foron dramáticas ao deteriorar de xeito definitivo as condicións materiais de existencia  aumentando a mortalidade por efectos da desnutrición nestas comarcas, privando aos campesiños do seu único medio de ingresos e provocando a expulsión das terras que traballaban aforadas e favorecendo a despoboación masiva destas zonas.

O 29 de setembro de 1896 a veciñanza de Mugares levantouse contra o intento de facer efectivo varios embargos polos impago dos foros dunha viña. Mentres unha comisión xudicial dislocada á localidade tentaba apropiarse dos bens duns foreiros que adebedaban rendas ao marques de San Sadurniño, a poboación convocada polas campás da igrexa concéntranse primeiro diante dunha vivenda dos afectados seguindo posteriormente cara o adro do templo  onde   os comisionados son agredidos. A protesta remataría con tres deles, Henrique Berjano, Pedro Cardero, Claudio Porto, gravemente feridos e un cuarto, Ildefonso Aydillo Santolalla, recadador de tributos que se tiña significado polo seu celo noutros puntos de Ourense, dado finalmente por morto, descoñecéndose onde foi agochado o seu cadáver. A prensa galega deu cumprida conta do linchamento destes catro axentes da autoridade, sinalando El Eco de Santiago, no seu numero do un de setembro de 1896, que “foron obxecto dunha emboscada por parte dun grupo de mozos, que armados de navallas e paus arremeteron furiosamente contra eles”.

A represión non se fixo agardar. Vinte e nove veciños, entre eles 16 mulleres, foron conducidos á prisión de Ourense, onde será mesmo recluído durante semanas o crego de Mugares, acusado de colaborar na morte de Ildefonso Aydillo, sendo procesados e absoltos en 1898, ao non poderse demostrar a súa participación no axustizamento de Aydillo ao non aparecer o seu corpo. Outra boa parte dos veciños fuxirán de Mugares, agochándose nos montes próximos, sendo un deles asasinado en abril  1897 pola Garda Civil, definindo o xornal El Lucense como “ un carácter aflixido, autentico terror de la comarca e embriagado coas ideas de Marx”. A presenza de militantes socialistas no núcleo reitor da protesta resulta máis que probábel, destacando tamén o papel das mulleres, unha delas será sinalada como a persoa que tocou a campa da igrexa para avisar aos veciños, sinalándose entre estas Leocadia Cruz e Benita Borraxo, A Carrabana.

A loita dos veciños de Mugares continuará. Á volta de maio de 1897 El Eco de Santiago, dá conta de que tres parellas da Garda Civil preséntanse outra vez na localidade para proceder ao cobro das débedas “que deron orixe ao tristemente celebre motín de Mugares”, sinalando que os veciños fuxiron ao monte, práctica normal neste tipo de conflitos, para non recibir os recibos que iniciarían o procedemento legal de embargo. Ao tempo, sinálase o malestar social existente e os responsábeis da revolta de 1896: Ricardo Durufaina, os irmáns Manuel, Maximinio e Leocadia Cruz, Benita Borraxo, A Carrabana e Manuel Vilamarín, Mallas, como os promotores “do estado de axitación desta simpática poboación do Ribeiro”. A prensa republicana catalá, neste caso La Autonomía de Reus, informaría o 22 agosto de 1897 que “en Mugares (Ourense) é desoladora e aflitiva a situación da maioría daqueles labregos. A miseria e a pobreza mandan naquel  pobo”, sinalando que “a persoas que levan corenta e oito horas sen comer obrigáselles ao  pago de cédulas persoais con todos os recargos”, para rematar solidarizándose cunha protesta “de anos onde os de abaixo só teñen o alento da conxunción republicana socialista”.



x