XOSÉ CASTRO, FOTÓGRAFO DA REVOLTA DAS ENCROBAS

"As mulleres tiveron nas Encrobas toda a iniciativa"

"As mulleres tiveron nas Encrobas toda a iniciativa"
Unha das fotos tiradas por Xosé Castro no ano 77 nas Encrobas
Unha das fotos tiradas por Xosé Castro no ano 77 nas Encrobas  

Xosé Castro, autor dunha das reportaxes fotográficas máis lembradas da historia recente deste país, volverá este domingo ás Encrobas para fotografar a marcha conmemorativa que celebra os 40 anos dunha revolta que logrou frear (en parte) os excesos dos estertores do franquismo e do seu brazo empresarial, representado naquel momento por unha mina de lignito propiedade de Fenosa e do Banco Pastor. 


A proposta deste domingo é sinxela e ben simbólica: lembrar a loita daqueles anos levando paraugas escuro e ferramentas do campo. A Marcha da Memoria xuntarase no campo de fútbol das Encrobas (estrada Mesón do Bento, Cerceda) ás 11.30 horas. 

O fotógrafo Xosé Castro 'Pepucho', autor das imaxes das Encrobas que percorreron o mundo, inmortalizará o acto de lembranza. Logo realizarase unha ruta preto de Pau Rañón, o lugar dos enfrontamentos do 15 de febreiro onde houbo feridos e detidos, que marcou un punto de inflexión nas negociacións coa empresa eléctrica e que espertou o apoio de boa parte da sociedade da época, tamén a nivel internacional. 

- Daquela vostede tiña 33 anos e foi testemuña privilexiada da revolta  E o domingo vai facer de novo a foto da marcha conmemorativa. Que significa para vostede?
- Para min é un orgullo que me chamen e que monten todo o tinglado para que eu poida facer unha foto. Estou orgulloso de que me chamase o pobo a través de Bocixa para dicirme que ía estar todo preparado para que eu repita a foto. Eu encantado de volver a facer esa foto, creo que é un orgullo para a miña carreira de fotoxornalista. 

A xente estaba cansa de que fixeran deles un pandeiro. Era chegar e encher. A xente cansou e resultou que as Encrobas foi un punto de referenza para que a xente dixera "ata aquí chegamos". 

- As súas fotos de hai 40 anos tiveron unha repercusión excepcional, tamén a nivel internacional. 
- Chegaron a todas partes do mundo. Foi unha reportaxe que tivo moito éxito e que tivo moito que ver para que Fenosa se volvera atrás na expropiación da maneira que a quería facer. 

- Para quen fixo as fotos?
- Para a Voz de Galicia. Eu traballaba en Foto Blanco, que era o fotógrafo da Voz, e chegaron a todos os medios de España, e tamén a nivel internacional. 

- Como ve aqueles acontecementos 40 anos despois? Porque era unha loita contra a mina pero tamén contra o réxime. 
- Foi unha loita contra todo. A xente estaba cansa de que fixeran deles un pandeiro. Era chegar e encher. A xente cansou e resultou que as Encrobas foi un punto de referenza para que a xente dixera "ata aquí chegamos". As expropiacións antes facíanse así, á boa de Deus, para adiante e fóra. 

- Seica aínda se di que nesa zona ser das Encrobas é un orgullo. É así?
- Iso din os de alí, pero eu son da Coruña. O que está claro é que foron pioneiros na loita para que polo menos as empresas e o Estado tivera conciencia de que non se podían facer as cousas así para ben dos ricos, nunha palabra. 

Foron pioneiros na loita para que polo menos as empresas e o Estado tivera conciencia de que non se podían facer as cousas así para ben dos ricos.

- Cre que as novas xeracións teñen conciencia da importancia que tivo aquela loita?
- Creo que non teñen conciencia ningunha. Ese é o problema gordo. Parece que todo o que se fixo atrás hoxe non vale. Pero grazas a aqueles tempos e a esa xente, que puxo por diante a loita, os de agora teñen o que teñen. Ás veces para ben e ás veces para mal, pero vaia. A vida é así, tirar sempre para adiante. Pero o das Encrobas marcou o sentido de ser galegos. 

- Que lle di aos seus netos -se os ten- sobre aquela época?
- Xa teño bisnetos. Eu explícolle todo aquilo, das mulleres principalmente. As mulleres tiveron alí toda a iniciativa. O plantexamento foi delas, elas puxéronse diante e foron as que loitaron por aquelas terras. Estaban apoiadas, é certo, por homes, maridos e fillos que había alí. Pero a loita principal foi das mulleres. 

- E, sen embargo, a figura máis coñecida é Moncho Valcarce.
- Home, o cura das Encrobas influiu unha barbaridade. El púxose á fronte de todo aquilo, co apoio dos sindicatos daqueles tempos. E logo pagou as consecuencias daquela loita. 

- Alí popularizouse aquilo de "A terra é nosa e non de Fenosa". 
- Si, si. Tanto alí como na manifestación da Coruña, onde tamén houbo moitos paos. 

Daquel tempo xa non queda nada, todo pasou a mans doutra xente de fóra de Galiza e aquí fomos quedando sen nada. Non hai nada. Non hai Caixa Galicia nin Caixa Vigo, non hai nada.

- Hoxe xa non existe nin Fenosa nin o Banco Pastor, as empresas que estaban detrás da mina de lignito. 
- En Galiza xa pouco queda. Daquel tempo xa non queda nada, todo pasou a mans doutra xente de fóra de Galiza e aquí fomos quedando sen nada. Non hai nada. Non hai Caixa Galicia nin Caixa Vigo, non hai nada. O último que tiñamos que era Pescanova, mira ti onde quedou.

- Cales son as loitas de hoxe en día nas que hoxe se volvería implicar?
- Eu implicaríame en todas as loitas posibles. Ten en conta que eu son un xubilado, co que me subiron a min non me chega para pagar o aumento da luz dun mes. Soamente con iso xa abonda. E á miña muller fixéronlle un TAC para o que estivo agardando nove meses, e agora ten que agardar outro tanto para que lle digan o resultado. Que non nos conten os contos eses de que todo vai ben. Non digo que a culpa non sexa nosa, pero esas son as loitas que hai que dar hoxe. O primeiro, botar a moita xente que leva anos e anos no poder. Vós tiñades que seguir a nosa loita dos anos 70. Ben, que tampouco o fixemos todo ben. Pero é unha loita na que a mocidade debería pensar. E todos os meus netos viven fóra de Galiza, por desgraza. 

- Cantos anos traballou de reporteiro gráfico?
- Empecei como axudante en Fotos Blanco con 14 anos. E nos anos 60 empecei a facer fotos para a Voz e no 85 entrei na plantilla da Voz até que me xubilei. Estiven traballando para a Voz todo o meu tempo como fotógrafo. 

Fixen a rúa 50 anos, collín todo o desenvolvemento e a transformación do país completamente. 

- Cales foron as fotos que vostede máis lembra?
- Lembro moitas. Eu fixen todo o accidente de Alvedro, o incendio do Pazo de Meirás, cunha foto famosa da Garda Civil sacando un cadro de Franco. Teño unha longa carreira fotográfica que está recoñecida creo que até internacionalmente. Tamén famoso penalti de Djukic... foron moitos anos de traballo nos que percorrín medio mundo. Fun finalista tres veces de Photo Press. Tiven unha carreira longa que quedou aí para a historia de Galiza principalmente. Teño unha fotografía exclusiva de Kissinger no Grove, cando a xuntanza de Bilderberg, que chamou a atención e tamén deu a volta ao mundo. Conseguín localizalo comendo marisco no Grove. Fixen a rúa 50 anos, collín todo o desenvolvemento e a transformación do país completamente. E facía fotos en xeral, tanto andaba co Deportivo por toda Europa como montado nas dúas veces que fomos á foxa atómica, no Xurelo. Fun con Greenpeace embarcado. No Xurelo fomos trece homes, cinco mariñeiros e o resto xornalistas para dar conta do que pasaba. Fomos os pioneiros para evitar que se botaran os residuos radiactivos a 400 millas de Galiza. Teño un pouco de historia, si.