CRÓNICA SOBRE A PARTICIPACIÓN DE GALEGUISTAS NA LOITA ARMADA ANTI-FRANQUISTA

Nacionalismo a man armada

Nacionalismo a man armada

As agrupacións guerrilleiras anti-franquistas estarán formadas por militantes socialistas, libertarios, das organizacións republicanas da esquerda burguesa, dos comunistas e por suposto dos nacionalistas.


A oposición armada ao franquismo xorde en Galiza á marxe e mesmo en confronto coas direccións das organizacións políticas que viñan operando no País con anterioridade ao golpe militar de 1936. As mulleres e os homes que fuxiron ao monte fixérono primeiramente para escapar da represión e dunha morte máis que segura, posteriormente, á medida que se alongaba o conflito, víronse obrigados a garantir a continuidade da loita e xa por último remataron por organizar a resistencia que posibilitara, co apoio aliado, un cambio político unha vez rematado a II Guerra Mundial. Non podemos, polo tanto, falar de fracaso se ben os obxectivos cos que naceu é obvio que non se conseguiron.

Non é unha cuestión menor a que vimos de sinalar, posto que alén de que fose en Galiza onde nacesen as primeiras agrupacións armadas do Estado ou que os seus militantes ou dirixentes eran referenciais sociais na súa comunidade polo liderado social exercido na etapa da II República, as circunstancias referidas anteriormente explica o carácter diferencial do fenómeno en Galiza. Así as cousas debemos destacar que se trataban dunha actuación que se desenvolvía no ámbito nacional, isto é a Galiza admistrativa e a irredenta e. o que ten máis interese, eran os loitadores quen definían a súa táctica e estratexia, a guerrilla - partido que teorizarían os cubanos trinta anos máis tarde, e por suposto o carácter pluralista, isto é, para loitar contra Franco non se pedía carné.

Foi en Galiza onde nacen as primeiras agrupacións armadas do Estado e seus militantes e dirixentes eran referenciais sociais na súa comunidade

Así as cousas, as diferentes agrupacións, particularmente no seu período máis creativo, isto é entre 1939 e 1945, estarán formadas por militantes socialistas, libertarios, das organizacións republicanas da esquerda burguesa, dos comunistas e, por suposto, dos nacionalistas. O peso de cada unha destas correntes é proporcional a afiliación que tiñan nas diferentes áreas de Galiza durante a II República e tamén ao comportamento cos mesmos das forzas represivas. Só se analizamos o fenómeno cos anteollos da academia ou coas orellereiras que impoñen as análises importadas seguiremos mantendo o esquecemento sobre o esforzo de loita desenvolto no monte polas mulleres e os homes do galeguismo que desde o primeiro momento partillaron desta loita, nuns casos como enlaces, noutros como aderentes, tamén como dirixentes e mesmo como impulsores de diversas partidas e agrupacións.

Unha ollada á vista de paxaro ao conxunto do territorio galego permítenos facer unha aproximacións aos nomes e aos lugares desta loita. Os cadros nacionalistas que participaron da mesma non eran anónimos do período anterior e os lugares onde tiveron presenza eran zonas nas que contaban cunha implantación importante. A oposición da dirección nacionalista no interior a este método de loita non difire da que podían manter socialistas e cenetistas, porén a reorganización do Partido Galeguista xa baixo a búsola de Piñeiro non se produce até finais da II Guerra Mundial ou se queredes co devalo do movemento armado contra Franco. Non imos demorarnos máis nesta aproximación á militancia nacionalista que non lle tocou outra que empuñar as armas para defender as súas razóns, iso si facémolo como exercicio de memoria e tamén para animar a investigacións sobre o tema.

Agrupación Thapaief

A primeira agrupación guerrilleira que se constitúe en Galiza após o Alzamento fascista formalizará a súa constitución en Novembro de 1938 nas Terras de Viveiro, baixo o nome de “Agrupación Thapaief” en honra do guerrilleiro Ruso, nunha xuntanza na que participaran entre 14 e 15 persoas e na que a máis de elixir unha dirección acordan constituír unha comisión para elaboración dos estatutos así como definir as accións a levar adiante. O grupo presidido polo militante socialista Luís Trigo “O Gardarríos”, contando como Secretario Xeral co tamén socialista e posteriormente militante do PCE Manuel Castro Tellado e co cenetista de Ortegal Xosé Neira conta entre os seus membros cos militantes nacionalistas Modesto Vilar Ínsua e Uxío del Valle Sánchez. Uxío del Valle, concelleiro nacionalista, mestre na Escola de Mestría permanecerá no monte até 1939, presentándose a Garda Civil en Xullo dese ano para cumprir 4 anos de cadea. Modesto Vilar Ínsua, tamén concelleiro nacionalista e mestre da Escola de Mestría, nado en Bos Aires morre nun enfrontamento coas forzas da orde o 1 de Xuño de 1939 nos montes de Menán - Ortigueira cando só contaba con 28 anos. Vilar Ínsua, na referida constitución da “Agrupación Thapaief”, será encargado da redacción dos Estatutos así como da planificación dos golpes económicos.

Antón Arias Prada "Clavel"

Se ben a primeira agrupación guerrilleira que se constitúe en Galiza é a “Thapaief”, con anterioridade operaban partidas na práctica totalidade do territorio galego, destacando as conformadas nas áreas limítrofes das terras de Lugo, Ourense e o Bierzo. Así desde finais de 1937 viña operando nas Terras de Valdeorras o “Grupo do Corgomo” dirixido polo Presidente do Partido Galeguista de Vilamartín e tenente alcalde deste Concello Antón Arias Prada “Clavel”. Antón Arias, unha vez iniciado o Alzamento, diríxese a Asturias, acadando a graduación de Tenente do Exercito do Norte, para unha vez tomada esta polos fascistas volver a súa terra de orixe onde impulsará e dirixirá unha partida de 7 ou 8 membros, todos militantes nacionalistas, que operará até finais de 1939. “Clavel”, inmortalizado polo seu irmán de militancia e conveciño o poeta Delgado Gurriarán nun soneto publicado no “Cancioneiro da Loita Galega”editado en 1942 polo Delegación de México do PG, será fusilado en Ourense o 7 de Novembro de 1940 cando acaba de cumprir os 45 anos.

Petamos na porta das historiadoras e historiadores galegos, para que se acheguen á participación do nacionalismo na oposición armada ao franquismo

As comarcas coruñesas de Ortegal, Trasancos e As Mariñas contaran na súas partidas cun número destacado de afiliados nacionalistas, aínda que polos anos vividos no monte e pola súa perseveranza en continuar coa acción armada merece unha mención ampliada Manuel Gómez Varela, nome de guerra “Fera Brava” ou “Manolo do Penso”. Xornaleiro natural de Mugardos onde nacera en 1911, combinaba militancia política no Partido Galeguista coa súa afiliación á UXT. Após tres anos no monte, en Xullo de 1939 foxe desde Ares a Franza canda 26 compañeiros e compañeira no bou “Ramón”, sendo devolto pola policía de Vichy en 1942 ás autoridades franquistas. Tras cinco anos de cadea, incorporase outravolta a loita armada integrándose no destacamento “Arturo Cortizas” da IV agrupación do Exército Guerrilleiro morrendo no monte durante un enfrontamento armado en 1952.
A xeito de coda toca referirse ao “Comité Arredista Revolucionario Galego”, organización fundada entre outros por Bieito Fernández, Remixio González Gándara, Dámaso Carrasco, Mariano Otero Castelao e Xosé Velo Mosqueira que aparece integrada desde o primeiro momento na Unión Nacional. Xosé Velo Mosqueira,natural de Celanova e antigo Secretario Xeral da Federación de Mocidades Galeguistas, e Mariano Otero Castelao, concelleiro nacionalista en Rianxo e primo de Daniel Castelao, serán detidos en Vigo en 1944 e tras pasar un ano na cadea por accións de guerrilla urbana, aproveitan a liberdade condicional para volver a clandestinidade durante un ano e preparar o seu exilio en Venezuela onde continuarán vinculados á loita nacionalista. O máis destacado dirixente nacionalista do Salnés xunto a Núñez Bua, o comerciante de Vilagarcía Dámaso Carrasco que xa permanecera na cadea entre 1936 e 1939, a voltas de 1947 será de novo detido e condeado a 2 anos de cadea por labores de apoio a Guerrilla.

Contra a manipulación da historia

Aínda a risco de reiterarnos, abonda dicir que o que se pretendeu co exposto é petar na porta das historiadoras e historiadores galegos, para que se acheguen á participación do nacionalismo na oposición armada, feito que a estas alturas está sen estudar co rigor que se merece o que impide simplemente ofrecer unha visión fragmentaria do mesmo. Agardamos que este reclamo non quede nunha simple chamada e se apunten a esta convocatoria novas investigacións, seguindo o carreiro que comezou a marcar cos seus traballos pioneiros un autor amigo e rigoroso como Uxío Breogán Diéguez. Ao fin, a ocultación, a distorsión e a manipulación da historia da oposición armada ao franquismo, non é máis que unha parte do proceso de silenzo e manipulación da nosa historia nacional.

NOTA: Na fotografía aparecen militantes da Federación de Guerrillas de Galiza e León no Bierzo en 1944. De arriba a abaixo e de esquerda a dereita: Guillermo Morán, Mario Morán, Evaristo González”Rocesvinto”, Arcadio Ríos e Aberlardo Macías “Lebre”



x